Amosando publicacións coa etiqueta Terra do Salnés. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra do Salnés. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de setembro de 2026

PEDRAFITA-MENHIR O CON DO CABALO. Santo Estevo de Noalla, Sanxenxo.

PEDRAFITA-MENHIR O CON DO CABALO

SOSPEITOSOS HABITUAIS XVI 

"La frontera entre el bien y el mal es permeable y casi cualquiera puede verse inducido a cruzarla."

Philip Zambrano


Pedrafita-menhir O Con do Cabalo,
versión de Moncho Boga 2026.

Hoxe vou analizar e tentar interpretar un elemento pedrafiteiro especial cuxo  descubrimento foi feito polo gran Alberte Alonso, amigo e esperto coñecedor e investigador deste aspecto do neolítico galego. A meirande parte das conclusións da entrada débense á súa información así como as fotografías empregadas.


Situación do Con do Cabalo. Google maps.

Penas, rochas, penedos, cons..., Galicia está cuberta de penas, cuberta de rochas, cuberta de penedos. Pero a meirande parte non son simples elementos pétreos silentes, non son simples pedras frías e duras: son pedras que falan, parlanchinas, pedras decoradas que contan historias, que falan cunha linguaxe descoñecida, que agochan misterios e enigmas que se funden no abismo do pasado mais profundo.


Restos da Fortaleza e da ermida da Nosa Señora de A Lanzada.
Imaxe de Turismo Sanxenxo.

De entre todas as rochas sacras que xalonan o noso País, pódese establecer unha clasificación que se resume en dous grandes  apartados: as pedras naturais (con formas diversas e abondosas lendas) e as pedras artificiais (feitas polo home). Dentro das pedras artificiais ou antrópicas xa coñecemos sobradamente tanto as pedrafitas-menhires coma os petróglifos. As rochas naturais (as sagradas) son as que nos interesan  nesta entrada posto que son aquilas que teñen lenda, son aquilas que forman parte do marabilloso mundo do imaxinario popular galego, son pedras ou rochas que sempre funcionaron, desde tempos pretéritos, como lugar de culto, lugar de celebración de diversos ritos, rituais vencellados a cultos e relatos lexendarios que nos deixaron un significado mitolóxico co que se podería e se pode reconstruir o gran corpus da mitoloxía galega. Polo tanto a diferencia entre unha pedrafita natural e unha pedrafita artificial é case únicamente a factura humán.


Castro e necrópole de A Lanzada.
Imaxe Turismo de Sanxenxo.

Segundo  Martín Almagro Gorbea e e Fernando Alonso Romero (2022, ver bibl.), as caprichosas e extravagantes formas destas penas posibilitou o que veñen  denominar a "paisaxe sacra": sería a concreción dunha visión desde unha perspectiva sobrenatural, mítica, que se basea ou se fundamenta nunha especie de cosmogonía ou visión do mundo "animista". E dicir, converter a través dun relato lexendario o caos (desorden) do mundo, nun cosmos (orden), un todo ordenado no que todo ten unha explicación mítica, non racional, unha cosmogonía. Por iso unha "peña sacra" defínese como a imaxe do numen (elemento diviño ao que representa) e dicir, unha sinal, unha manifestación, pero non é a propia diviñidade.


Outra vista da Fortaleza e da Ermida da Nosa Señora de A Lanzada.
Imaxe de Turismo de Sanxenxo.

En Galicia xa temos unha longa experiencia da recolleita de lendas sobre paisaxes sagrados, desde Murguía até Taboada Chivite, pasando por Luis Monteagudo, M. García Quintela..., pero algunhas recompiladas desde un paradigma etnográfico, unha necesaria recolleita de "historias" que non é pouco. Seguindo as tradicións europeas, sobre todo británicas e francesas, os autores propoñen unha visión histórica, non unha simple consideración etnográfica. Para iso manteñen que hai que contemplar a posibilidade de adentrarmonos ao través desa perspectiva histórica para tentar dar unha explicación da súa orixe así como a súa evolución de "longa duración" adaptada ás sucesivas etapas temporais.


Contexto do Con do Cabalo.
Foto aérea extraída de Turismo de Sanxenxo.


Para a clasificación da inmensa cantidade de penas sacras en Galicia (tanto pola forma como pola función), Almagro Gorbea e Alonso Romero propoñen seis grupos para organizar os 24 tipos identificados. Sen entrar en detalles a nosa sospeitosa pedrafita entraría a formar parte do 6º grupo a saber, "Penas con funcións diversas". Precisamente neste epígrafe habería que engadir o Con do Cabalo, nun subapartado denominado "Peñas calendáricas o solares", neste caso tería a función de determinar o calendario que establecería a data dos eventos mais importantes, o culto e ritos destas sociedades, o ciclo da recolleita e da sementeira, etc. Consideran ademais que o emprazamento destas particulares penas permitiría establecer con precisión o xeito no que os astros (particularmente o sol e a lúa, as constelacións, os planetas e as estrelas) saían e desaparecían por determinados lugares, feito que lles permitiría construir un calendario preciso.


Castro e Necrópole de A Lanzada.
Imaxe extraída da web Páxinas Galegas.

Non hai razón algunha para non concluir que na prehistoria era especialmente importante o establecemento dos ciclos que posibilitaban a orientación espacial, establecer e prever as estacións... Probablemente a observación astronómica supuxo o primeiro avance no coñecemento racional para explicar sucesos naturais, para explicar o mundo, para comprender os sucesos inexplicables. 


O Con do Cabalo: as seguintes imaxes amosan
a secuencia do solsticio de verán.
Fotografía de Alberte Alonso.


Falaba antes de que a datación das penas sacras  hai que decidila desde unha perspectiva histórica: manteñen os nosos autores que é necesario desenvolvela desde unha aportación etnoarqueolóxica e desde o eido histórico para coñecer as súas orixes e precisar polo tanto o seu contexto crono-cultural. Por iso, unha pena sacra, como elemento característico da paisaxe, é obxecto de veneración e protagoniza mitos e ritos, entroutras razóns, moitas veces, pola súa caprichosa forma. A continuidade ao longo dos tempos prehistóricos e históricos, deste tan valioso como ancestral acervo cultural, permitiu que se conservaran tradicións que doutro xeito  houberan desaparecido.


O Con do Cabalo.
Fotografía de Alberte Alonso.

A todas istas aportacións metodolóxicas, teño que engadir a valiosa consideración de Luis Monteagudo, nun fermoso artigo publicado no Anuario Brigantino no que establece que existen en Galicia bloques naturais con apariencia de "pedrafita-menhir" que se poden considerar efectivamente como tales, sempre coa condición de que fosen retocados na antigüidade ou que posúan folclore asociado. Dese xeito, as atribucións das pedrafitas deben atender ou cumplir catro funcións básicas: a monumentalidade, a visibilidade, a perennidade e/ou a traza fálica (nós engadimos a observación astronómica); xuntas salientan o senso máxico-relixioso das mesmas así como a súa adscrición neolítica.


Comprobación do solsticio de verán o 21 de xuño de 2025.
Fotografía de Alberte Alonso.

A partires destas extensas premisas, tentarei afondar na consideración da Pedrafita Con do Cabalo, desde a hipótese da devandita adscrición neolítica, da súa función de auténtica pedrafita, coa mesma función que as pedrafitas-menhires artificiais. Sería unha orixe prehistórica (reaprobeitada desde o neolítico-idade do Bronce-Idade do Ferro e cristianismo), e histórica, conservándose coa romanización e coa imposición cristíá a partires do século V-VI d. de X.C.


Comprobación do solsticio de verán o 21 de xuño de 2025.
Fotografía de Alberte Alonso.


Os topónimos ou microtopónimos que engaden "cabalo" á pena ou rocha, adoitan aparecer para nomear penas ou pedras illadas que, moitas veces, están integradas en áreas arqueolóxicas, de xeito que se acostuma interpretar cun claro vencellamento co ámbito do "sagrado". Nalgures teñen forma de cabalo, amosan gravados de ferraduras ou cascos. O "cabalo celta", por exemplo, é un animal psicopompo, gúia das ánimas, un animal que os pobos prerromanos consideraban sagrado. 


Comprobación do solsticio de verán o 21 de xuño de 2025.
Fotografía de Alberte Alonso.


As dúas pedrafitas naturais que coforman o Con do Cabalo combinan unha profunda base mitolóxica e ritual coa toponimia xeolóxica. En primeiro lugar o termo "con" alude a unha pena grande, illada..., por iso plantéxase a hipótese de que cando un penedo singular, coma iste, denominado con nome propio, e que está ademais directamente vencellado a un xacemento ou área arqueolóxica, pódese determinar cunha función de marcador da paisaxe, como pena sacra ou santuario, xa que moitos "cons" eran auténticos santuarios na Idade do Bronce e na Idade do Ferro. E, como dicía mais enriba, o "cabalo" interprétase na cultura galaico-céltica como un ser psicopompo, coma un símbolo solar. É así que os santuarios prehistóricos establecidos en moitos "cons", ubicados en lugares preeminentes, visibles, elevados e orientados cara ao solpor, empregábanse ritualmente como espazos de tránsito, espazos de culto aos antepasados e coma un observatorio astronómico. 


Comprobación do solsticio de verán o 21 de xuño de 2025.
Fotografía de Alberte Alonso.

O contexto arqueolóxico e natural onde se ubica o conxunto das dúas pedrafitas que conforman o Con do Cabalo, ocupa toda a área de costa que comprende o itsmo e praia de A Lanzada e chega até Punta Faxilda, constituíndose nunha das bisbarras galegas que mais número de relatos lexendarios prehistóricos e ritos pagáns está a conservar. 


Comprobación do solsticio de verán o 21 de xuño de 2025.
Fotografía de Alberte Alonso.


Por todo iso o Con do Cabalo, que domina o Xacemento de A Lanzada así como a ermida e os restos da fortaleza medieval, non pode considerarse simplemente un afroramento rochoso calquera, senon que é un auténtico santuario, unha pena sacra prehistórica, unha fronteira simbólica que separa a terra e o mar, que separa a vida da morte.

O Con do Cabalo foi descuberto para o ámbito proceloso dos "pedrafiteiros" polo gran Alberte Alonso no ano 2025. Alberte denomina este espectacular conxunto como unha  "pedra baetílica" e tamén o considera un especial caso de interese para a arqueoastronomía, sobre todo debido á súa relación contextual co baño das nove ondas e a cercanía co Castro-necrópole de A Lanzada: esta é a clave de toda a nosa interpretación.


Comprobación do solsticio de verán o 21 de xuño de 2025.
Fotografía de Alberte Alonso.


Co seu permiso elaborei esta entrada e as conclusións que van a continuación son en gran parte froito das súas fecundas e sempre novedosas investigacións. O seu meticuloso estudo sobre o Con do Cabalo parte da consideración de que isas pedras naturais cumplen tamén simbólicamente, de feito inequívoco, unhas funcións que desde o neolítico desenvolven un autético corpus de crenzas atávicas, de xeito que se pode rastrexar mais aló dos "contos de vellos" e dicir, non simplemente como unha curiosidade etnográfica, senon cunha visión ou perspectiva histórica. É así que a hipótese básica de Alonso, a súa proposta, aporta a consideración dun tipo de funcionalidade a maiores a saber, a funcionalidade astronómica. 

O Con do Cabalo  non se considera "pedrafita" no senso tradicional do termo, posto que estamos diante dun conxunto do dous cons ubicados impertérritos no cumio dun outeiro costeiro do Mar de A Lanzada, son rochas que afloran de xeito vertical, naturais. Alberte, mais que pedrafitas, as denomina "pedras baetílicas", cunha función semellante á das auténticas pedrafitas.


Comprobación do solsticio de verán o 21 de xuño de 2025.
Fotografía de Alberte Alonso.


A funcionalidade do Con do Cabálo é sen dúbida astronómica, é un calendario, un  observatorio astronómico: as croas de ambos os dous cons conforman un axexadorio de ángulo agudo que "constata e sinala equidistante o solpor do solsticio de verán", e ademais encaixa nunha das datas anuais do baño das nove ondas.

Efectivamente, Alberte Alonso comprobou que no solsticio de verán (o 21 de xuño) nas pedrafitas Con do Cabalo, na croa do Castro e Necrópole de A Lanzada que, no solpor, a raiola do sol achegouse ao axexadoiro, con forma de ángulo agudo, e que na distancia encadra, equidistante, entre os dous cons costeiros ao carón dos cantís, a poucos metros da praia onde se produce o ritual do baño das nove ondas ou Praia da Nosa Señora. É aí onde o ritual do baño proporciona unha fertilidade dúplice: solar e da auga do mar. Efectivamente, é nestas datas cando as mulleres que desexan ser nais, reciben as nove ondas no ventre, condición fundamental para cumprir o seu desexo.


Comprobación do solsticio de verán o 21 de xuño de 2025.
Fotografía de Alberte Alonso.

Como conclusión Alonso mantén que o Con do Cabalo coa súa intrínseca función astronómica "pode considerarse orixinario do Neolítico". O devir dos tempos sitúano reaproveitado para funcións semellantes, astronómica e sinalizadora do baño ritual, así como aliñamento astral do solsticio.

Estamos sen dúbida diante dunha paisaxe sagrada, ritual, máxica, onde atopamos todos os ingredentes que caracterizan non só esa paisaxe, senon tamén os factores que indican a existencia dunha pena sacra, talvez un altar prehistórico en forma de observatorio astronómico.

O Con do Cabalo, en suma, atópase perfectamente integrado nesa  área  de Punta Faxilda: un cabo de Noalla que desde a antigüidade foi considerado como punto de especial conexión co alén... Ao atoparse dereitamente orientado cara ao ocaso, sendo o cabalo o transportista das ánimas cara ao alén, talvez podería interpretarse tamén coma un embarcadoiro mitolóxico.


Imaxe extraída de petiscosgalegos.es

As nove ondas, o ocaso, a cristianización coa ermida da Nosa Señora da Lanzada, a cercana pedrafita de Padriñán en Sanxenxo, as prehistóricas vías de comunicación de vivos e de mortos..., todos eles elementos que axudan a recompoñer unha paisaxe de especial relevancia no imaxinario-real universo das pedrafitas galegas e que se pode rastrexar a través dun relato e  pescuda histórica.


O Con do Cabalo sen a ermida e  sen a fortaleza da península.
Debuxo de Moncho Boga, 2026.

Para concluir, coincido plenamente con Luis Monteagudo nos seus plantexamentos: os homes e mulleres da prehistoria probablemente non sempre fabricaban unha pedrafita, senon que aproveitaban moitos afroramentos rochosos que xa posuían unha forma vertical, monumental. O lugar estratéxico a dotaba dun valor simbólico e sacralizaban a monumentalidade do penedo natural sen necesidade do brutal esforzo que requería fabricar unha nova.

EN SIGRÁS, NO NOVENO MES DE 2026.

SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES DE SUSTANCIAL E SINGULAR IMPORTANCIA

Martín Almagro Gorbea, Fernando Alonso Romero: "Peñas Sacras de Galicia" Ed. Fundación L. Monteagudo. BetanzoS, MMXXII.

Luis Monteagudo: "Menhires y marcos de Portugal y Galicia". Anuario Brigantino, 26. Betanzos, 2003.

X. Alberte Alonso Fernández: "O uso das pedrafitas no Neolítico galego. Estudo das pedrafitas de Obesrvación Astronómica e das pedrafitas fálicas." Ed. Monografías da Sociedade Antropolóxica Galiga (SAGA), Nº 1. 1914.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/03/pedrafitas-de-observacion-astronomica.html

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://petiscosgalegos.es/2025/02/28/descubre-el-sendero-magico-de-a-lanzada-un-recorrido-entre-historia-y-leyenda/

https://www.turismodesanxenxo.com/loc/noalla/

https://www.minube.com/tips/actualidad/explora-los-encantos-ocultos-de-noalla-lugares-que-ver-y-disfrutar

https://www.paxinasgalegas.es/necropolis-y-castro-de-a-lanzada-640965em.html

xoves, 10 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN NO OUTEIRO DO CRIBO. Santa María de Armenteira, Meis.

ANTA-DOLMEN EN OUTEIRO DO CRIBO.

"Algunas veces es dificilísimo permanecer despierto, sobre todo en una iglesia, pero, en cambio, dormir es muy sencillo, hasta los niños saben dormir admirablemente, y no son nada ilustrados."

Óscar Wilde: "El Fantasma de Canterville".



Debuxo de Moncho Boga, 2024


Para chegar ao petróglifo Outeiro do Cribo temos que desviarmonos na estrada CF-102 e, a unhs trescentos ou catrocenctos metros, á man dereita, atoparemos uns penedos nos que se atopa o panel de petróglifos, onde destaca un fabuloso labirinto e unha manada de cuadrúpedos. O estado de conservación é bastante regular debido sobre todo á erosión e á vexetación.

Buceando por aquí e por acullá, mergullado nos procelosos carreiros da internet, un día destes atopei unha nova ilusionante no Diario de Arousa (anos 2021 e 2022). Informábase do achádego dun novo dolmen na contorna inmediada do Petróglifo Outeiro do Cribo, nos Montes de Castrove no Concello de Meis.

Parece ser que o achádego prodúxose despois dunha prospección que realizou o Servizo de Arrqueoloxía da Deputación Provincial de Pontevedra, cando se atoparon diversos petróglifos e un fito de pedra que probablemente se corresponda a un marco de termo para marcar os lindeiros, ben entre parroquias, ben os do Mosteiro de Armenteira. Tamén se atopou unha mámoa, indicaba a información xornalística. Todos estes novos elementos arqueolóxicos atópanse na contorna inmediata do famoso petrófligo Outeiro do Cribo.

Apostillábase na nova do xornal que o Concello de Meis estaba a iniciar o proceso para a protección, posta en valor e intervención arqueolóxica para realizar unha ruta e así poder contemplar estes restos arqueolóxicos.



Fotografía do Diario de Arousa.

No ano 2022 un novo artigo ou reseña no mesmo Diario de Arousa, sinalaba no titular "Meis prepara un proyecto para poner en valor el entorno arqueológico de Outeiro do Cribo". Enfatizábase que tanto o Concelloc omo a Deputación estaban a traballar para poñer en valor a contorna arqueolóxica do Outeiro do Cribo, área onde apareceron novos petrógligos e a anta sinalada antes, non catalogados. Tamén se anunciaba a cesión completamente grratuita da parcela onde se atopan os restos, por parte do propietario. Sen embargo, diversos problemas administrativos sobre todo catastrais, levaron a que o proxecto non se retomase ata o ano 2025, como se constata noutra noticia do Faro de Vigo a saber, "Nuevo futuro para Outeiro do Cribo". Habendo dotación presupostaria por medio dunha subvención semella que este ano por fin vaise levar a cabo a limpeza-desbroce, escavación arqueolóxica e construción dunha pasarela para contemplar e preservar mellor os petróglifos.

Pouco podemos dicir da anta que nos ocupa, mais que se atopa inserida nunha mámoa de gran tamaño ("despois da mámoa de Chan da Gorita en Sanxenxo, esta é a mais grande localizada na comarca do Salnés") e que entre a matoxeira sobresaen tres grandes chantos graníticos. Probablemente, unha vez que se inicien as labores de limpeza, aparecerán novos elementos nesta espectacular área do Monte Castrove.



Labirinto do Outeiro do Cribo.
Fotografía do Diario de Arousa.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES NECESARIOS

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/petroglifo-outeiro-do-cribo-11501729https://www.diariodearousa.com/texto-diario/mostrar/3121342/arqueologos-descubren-meis-nuevos-petroglifos-mamoa-no-estaban-catalogados

https://www.diariodearousa.com/articulo/o-salnes/meis-prepara-proyecto-poner-valor-entorno-arqueologico-outeiro-do-cribo-3483265

https://www.farodevigo.es/arousa/2025/04/15/nuevo-futuro-outeiro-do-cribo-116393568.html


xoves, 14 de novembro de 2024

ANTA-DOLMEN DO GUIDOIRO AREOSO. A IIla de Arousa.

 

ANTA-DOLMEN DO GUIDOIRO AREOSO

"La ecología no es sólo una moda. La salvación de la biosfera no es un programa que hay que dejarse para los ingenuos filántropos o los profetas desarmados; podrá ser eficaz -o no serlo- en la medida en que sea un cálculo responsable, nacido del conocimiento científico y la sabiduría política de todos los que participen en el juego".

PAOLO CASINI: "Naturaleza" Editorial Labor, S.A. Barcelona 1977.



Anta-dolmen do Guidoiro Areoso, segundo

versión de Moncho Boga, 2024.


Atópase nunha paraxe marítima espectacular á beira da Illa de Arousa, Illa mítica onde as haia, da que o continente estaba illado, pero ao que se uniu artificialmente na década de 1980 coa construción dunha ponte que rematou con esa separación milenaria en que estaban sumidas as xentes de terra firme.

O Illote do Guidoiro Areoso (ou Ghidoiro ou Xidoiro) atópase a pouco mais dun quilómetro da Illa. O lugar mais cercano é a Punta Quilma, desde onde se poden reservar embarcacións para achegarse a este idílico e cativo promontorio de pouco mais de 600 metros de longo e douscentos no mais ancho. Un pequeno itsmo está a separar pouco a pouco a parte mais rochosa da área dunar: é un indicio claro da subida do nivel das augas do mar e da erosión que ese evento provoca.



Illote Guidoiro Areoso.
Foto: https://historiadegalicia.gal/
.

Non me agradan moito os epítetos con que se ven alcumando este precioso illote desde hai xa algún tempo: illa dos mortos, o caribe galego..., que malia que teñan razón e base suficiente para chegar a estes alcumes, para mín é a illa dos dólmenes, a illa das antas, das cistas, das mámoas: a illa da prehistoria.



A Illa de Arousa. Abaixo, o Illote do Guidoiro.
Fotografía: https://x.com/SabiasGalicia/status/

Pero non só o Illote: si temos en conta que hai milleiros de anos a Illa de Arousa e os seus satélites illotes estaban unidos a terra firme, como unha especie de barra ou península, probablemente debamos considerar  a Illa e os seus illotes coma un todo. O xacemento de Riasón, diversos descubrimentos, a posible pedrafita de Pedra Quilma (de dubidosa adscrición prehistórica) e a gran cantidade de dólmenes do Illote do Guidoiro, fannos pensar non só que esta bisbarra foi habitada desde datas remotas, senon tamén que o fenómeno megalítico non debe ser únicamente cousa do Illote que nos ocupa.


A Anta nº 4 antes da escavación, despois da construción

do muro de contención, no ano 2011.
Foto: Patrimonio Galego.

Nada menos que cinco antas e catro cistas nun espazo tan reducido..., todo esto permite deducir que a acción do mar deixará á vista novos elementos. Aparecen de vez en cando, ciscallados por aquí e por alá, restos de ósos humanos, de animais, restos de cerámica, de metáis, útiles líticos, etc. 



Mámoa 4 segundo versión de Moncho Boga, 2024

Ata o de agora, absolutamente todos os xacementos megalíticos do Guidoiro sitúanse nunha área intermareal onde a implacable acción do mar vainos deixando ao descuberto e/ou destruindoos directamente; o interior está case completamente ocupado por un complexo dunar. Hai cinco monumentos megalíticos identificados, todos eles na metade sul da illa. En toda a extensión da praia foi aparecendo abondoso material arqueolóxico do Calcolítico, da Idade do Bronce (cerámica e restos de comida), da Idade do Ferro e romano. Seguramente nos vindeiros tempos aparecerán moitos mais restos que os temporais irán descubrindo.



O estado da anta da M4 antes da escavación.
Foto: file:///E:/A%20ILLA/DOLMEN-AREOSO-3.webp

A historia das actuacións arqueolóxicas comenzou a finais dos anos oitenta do século XX, cando o arqueólogo Xosé Manuel Rey levou a cabo actuacións en dúas antas e rexistrou-catalogou a anta número 4, que daquela aínda estaba cuberta con toda a masa tumular. 



Muro de contención, anta e mámoa antes da escavación de 2017.
Fotografía: Xoán Arco da Vella.


No ano 2010, diante do tan repetido avance das mareas, comezáronse unha xeira de intervencións sistemáticas posto que quedou á vista parte da anta nº 4 (antes toalmente cuberta polo túmulo) e destruiuse totalmente a nº 5.  Nestas datas construiuse o muro de contención para protexer a mámoa 4. Unha publicación, do ano 2012, asinada por Xosé Manuel Rey García e de  Xosé L. Vilaseco, estúda as cinco mámoas do illote, dando conta das súas caracteristicas, dos materiais atopados ata entón e do grao en que estaban e están sendo afectadas polas mareas. 



Muro de contención e mámoa.
Fot: xoán Arco da Vella.

No ano 2015 levouse a cabo unha intervención arqueolóxica, sondaxes valorativas e labouras de conservación (nos últimoas 25 anos realizáronse catro campañas arqueolóxicas). Como estaba a expor antes, a acción do mar segue deparando novos achádegos (dúas cistas pequenas) e, a Asociación Pendulleiros" (activo colectivo  que entre os seus obxectivos están a preservación de todos os valores da Illa), descubriu restos óseos e alertou sobre a fraxilidade deste cativo territorio insular e da necesidade de protección, tanto da acción natural como da acción antrópica. 

Outro feito importante que se debe subliñar, é que debido á súa ubicación insular, só se pode acceder en lancha, feito que probablemente posibilitou que estas mámoas non fosen expoliadas en datas históricas, o que fai que sexa un dos xacementos megalíticos mais importantes de Galicia.



A Anta nº 4 antes da escavación arqueolóxica.
co muro de proteción de 2011.
Foto: https://lamagiadelaspiedras.blogspot.com/2013/08/guidoiro-areoso-pontevedra.html


Durante a escavación sistemática da mámoa nº 4, que se iniciou no ano 2017, contabilizáronse cinco mámoas (unha delas desaparecida pola acción do mar) e atopáronse restos de diversas épocas. A mámoa nº 5 era un túmulo duns nove metros de diámetro recuberto con coiraza pétrea e a súa estrutura arquitectónica compoñíase con seis esteos, feito que tamén a singulariza con respecto ao resto do megalitismo galego, que adoita posuir entre 5 e 7.



Foto aérea da M4 durante a intervención arqueolóxica.
Fotografía:  https://guidoirodixital.wordpress.com/: .


A mámoa nº 4, catalogada nos anos oitenta, conservaba toda a súa estrutura tumular, enteira, e puidose documentar unha parte da coiraza que a estaba a recubrir. Foi no ano 2011 cando se comprobou que a acción marítima estaba a destruir  boa parte da mámoa que ata entón estaba completa: esta acción provocou un corte transversal no perfil do norte, o que deixou á vista a anta que hoxe podemos contemplar escavada, consolidada e reconstruida. 



Foto da escavación extraida da publicación "Lo que nos
cuenta la marea" (Ver bibliografía)

A análise da estrutura que quedou á vista foi o seguinte:  a planta da cámara megalítica semellaba alongada, tendendo ao rectángulo e mide dous metros e sesenta centímetros  de longo por un metro e cincoenta centímetros de alto; o largo non se coñecía porque estaba acochado no interior mámoa. Esta, pequena, acadaba uns dez metros de diámetro por un metro e vinte centímetros de altura: probablemente a cámara afroraría en altura. A composición da mámoa era de terra negra recuberta por unha coiraza de pedras de granito. Foi así, diante destas conclusións, e logo da análise correspondente, que  o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, acometeu as obras de construción dun gran muro de contención para protexer a anta da acción das mareas.



Foto da escavación extraida da publicación "Lo que nos
cuenta la marea" (Ver bibliografía)

E chegammos ás escavacións do ano 2017. Unha vez rematada esa escavación comprobouse que a cámara megalítica estaba conformada por oito esteos de granito, cun espazo interior de dous metros e vintecinco centímetros por dous metros con 60 centímetros. Debuxa unha planta lixeiramente alongada e aberta ao leste-suleste. Un par de lousas, nesa mesma orientación, delimitan o corredor dun só tramo, que non supera o metro de anchura. A cámara estaba cuberta por unha tampa, aínda que unha soa lousa estaba en posición similar á orixinal. Segundo as evidencias, outra lousa cubriría o corredor, e dúas lousas a cámara.


Fotografía José Blanco do Colectivo A Rula.
Extraída do blog megaliticia.

O feito de que non fose expoliada en datas históricas posibilitou o achado de significativos restos arqueolóxicos in situ: pezas líticas, machados, esferas de granito, esferas circulares de xisto..., en total case 3000 fragmentos cerámicos, ao redor de 650 líticos e 7 pezas metálicas. Por iso o interior da cámara é de extraordinario valor debido a que poucas veces en Galicia foi posible realizar unha escavación arqueolóxica nun xacemento non alterado desde épocas prehistóricas. Neses estratos arqueolóxicos sen alterar atopáronse obxectos en posición primaria e dicir, na mesma posición e colocación na que foron postas aí, destacando, como dicía, varias machadas de pedra e algunha cerámica, coma unha cunca enteira completamente decorada. A todo isto hai que engadir mais de 70 mostras, malacofauna, carbóns...



Fotografía de: https://historiadegalicia.gal/.

Especialmente salientable foi a aparición dun cuncheiro na marxe surleste, na zona do corredor de acceso. Este cuncheiro probablemente foi formado durante a Idade do Bronce. Grandes bloques graníticos e alongados desprazados á esquerda da entrada da cámara indican que posiblemente nesas datas prodúxose o primeiro expolio: alterouse parte da estrutura central e da coiraza, descolocando todas as grandes pedras, algunhas do sistema de peche da cámara. Neste cuncheiro apareceron sobre todo restos de lapas, mexilóns e ostras. Tamén restos de dourada e farro, ósos de gando vacún, de ovella e de cabra. Así mesmo a prospección sistemática do illote permiiu rexistrar tres novas cistas (escaváronse dúas), unha mandíbula humana e unha fíbula: a mandíbula é o único resto humano da Idade do Ferro achado en Galicia. 



Fotografía da páxina: https://guidoirodixital.wordpress.com/.

Outro dos aspectos que se estudou durante a escavación foi a orientación da cámara. En xeral, en Galicia a orientación sempre é ao surleste, orientación que adoita coincidir coa saída do sol nos meses do outono-inverno, momento nos que as raiolas do noso astro iluminarían a maior superficie do interior da cámara. Sen embargo, a orientación da M4 é leste-surleste: non está precisamente orientada ao solsticio de inverno, senón a uns meses antes e despois desas datas. Polo tanto a súa orientación é singular posto que a iluminación do interior non está centrada no solsticio do inverno como é habitual nas cámaras megalíticas galegas.



Fotografía do blog Galicia Máxica.

A empresa TOMOS, S.L. foi a encargada da escavación, consolidación e restauración da Anta da Mámoa nº 4 do Guidoiro, traballos que combinaron coa colaboración de diversos expertos nas mais diversas disciplinas, o que converteu a escavación nun auténtico traballo interdisciplinar: edafólogos e xeomorfólogos (Ramón Blanco e Manuela Costa), especialistas en metalurxia (Beatriz Comendador), bioloxía (Teresa Rivas), canteiros, zooarqueoloxía (Carlos Fernández), xeocronoloxía (Elías López e Jorge Sanjurjo), fotogrametría Dixital Xeorreferenciada, especialistas en pintura parietal (Fernando Carrera), arqueosatronomía (César González-García). A directora da escavación foi a arqueóloga Patricia Mañana Borrazás.



Foto José Blanco-Colectivo a Rula. Extraído do blog megaliticia.

Para rematar, vou a introducir unha sempre interesante e produtiva consideración toponímica resumida dos estupendos estudos de Dolores González de la Peña. Segundo argumenta no seu blogue arqueotoponimia, a etimoloxía de Moralejo Laso da forma Guidoiros (Ghidoiros, con gheada), se explica polo gótico "wida: guía". Desde esta posición explicativa, serían ou servirían de auténticos faros, guías ou  guidoiros e dicir, referencias de navegación para ubicar elementos de singular importancia. Sen embargo,  Dolores inclínase por un caso de castelanización, sendo Xidoiro  o topónimo orixinario, talvez do latín "adjutorium" (protección, amparo, auxilio).  Por iso vencella o topónimo coa necrópole: atopa o étimo galaico-romano  "sciterium" ou "scitorium" que procede do latino "asciterium", homólogo de "monasterium", término que en moitos lugares da Europa Atlántica  se asocia con megalitos, se aplica aos lugares con antas. Serían, os dólmenes, considerados monasterios ou asciterios, templos pequenos, lugares de contemplación habitados por ascetas.



Mámoa 4 despois da escavación e reconstrución.
Debuxo versión de Moncho Boga, 2024.

Un dos aspectos mais interesantes e posiblemente fructíferos do equipo que acometeu a intervención arqueolóxica no Guidoiro, atañe á vulnerabilidade dos xacementos costeiros diante do cambio climático, sobre todo con respecto ao nivel do mar: estes efectos están sendo dramáticos, senon desastrosos, no Guidoiro Areoso. A diagnose do equipo de investigación corrobora e asegura que a erosión continuará nos vindeiros anos, especialmente baixo as condicións de ascenso actual do nivel do mar que afectará lamentablemente ao rexistro arqueolóxico do illote.



A  M4 na hoxe en día.
Foto: file:///E:/A%20ILLA/Outros/PHOTO-2022-08-09-14-13-01-scaled.jpg.webp

O patrimonio cultural e natural do  Illote do Guidoiro e/ou Xidoiro, así como todo o patrimonio da Illa de Arousa, debe ser estrictamente protexido, respetado e preservado, posto que non só é un singular espazo, senon que tamén é perigosamente vulnerable.


En Sigrás, no mes do magosto e do San Martiño de 2024.
Saúde, sorte e libros!!!!


PÓDESE VISITAR ALGO MELLOR QUE A ILLA?

A Illa de Arousa (A Illa) é un concello ao que sempre hai que voltar: non ten nada sobresaínte e, sen embargo, todo é sobresaínte: é un TODO HARMÓNICO. Calquera rúa, calquera recuncho, cabo, golfo, reviravolta, praia, cala ou monte, ofrecen unhas estampas panorámicas difíciles de superar. O seu illamento milenario fixo que estas xentes e estas paisaxes adquirisen unha forte concencia de seu, unha forte raigame e unha sabiduría propia das xentes con identidade propia. 


ONDE MIRAR E APRENDER MAIS

Patricia Mañana-Borrazás, Ramón blanco-Chao, Mª José Bóveda Frenández, Daniel Cajade-Pascual, Manuela Costa-Casais, Alejandro Güimil-Fariña, Elías López-Romero, Santiago Vázquez Collazo e Xosé L. Vilaseco-Vázquez: "Lo que nos cuenta la marea. Prehistoria en el islote de Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa, Galicia) a la luz de las últimas intervenciones" 2020. En "Actualidad de la Investigación Arqueológica en España I. (2018-2019)" Conferencias impartidas en el Museo Arqueológico Nacional. (PDF)

María Guadalupe Castro González: "La cerámica del Bronce Antiguo en la Mámoa 4 de Guidoiro Areoso (A Illa de Arousa, Pontevedra). 2020 (PDF).

"Arqueoloxía/Informes". Xunta de Galicia, 1991, 1995.

Elías López-Romero, María Pilar Prieto Martínez, Alejandro Guimil-Fariña, José M. Rey García, Patricia Mañana-Borrazás, X. Ignacio Vilaseco Vázquez, Carlos Otero Vilariña:  "Ocupación humana y monumentalidad durante la Prehistoria Reciente en el islote de Guidoiro Areoso (Ría de Arousa, Pontevedra): investigaciones en el marco de las dinámicas litorales atlánticas actuales".  Na Revista Trabajos de Prehistoria. CSIC,  2015.

https://guidoirodixital.wordpress.com/los-yacimientos-arqueologicos/

http://apedradoencanto.blogspot.com, de Beatriz Comendador Rey.

https://www.manuelgago.org/blog/2012/01/14/unha-viaxe-a-illa-dos-mortos/

https://arqueotoponimia.blogspot.com/2013/02/xidoiros.html?m=1

https://www.raidoviajeros.com/visitar-la-isla-de-areoso/

https://www.isloteareoso.com/tesoros-ocultos-del-islote-de-areoso/

https://www.nobbot.com/entrevista-arqueologa-patricia-manana/

http://patrimoniogalego.net/index.php/78211/2015/09/ghidoiro-areoso/

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/dolmenes-guidoiro-areoso.html

https://historiadegalicia.gal/2019/02/xa-podes-conecer-todos-os-segredos-dos-dolmenes-na-conecida-como-illa-dos-mortos-na-ria-de-arousa/

https://gazeta.gal/web/a-illa-guidoiro-areoso-a-illa-das-mamoas-parte-2-ria-arousa-pontevedra/

https://estonoesloquepareze.com/visitar-islote-areoso-ria-arousa/

https://lamagiadelaspiedras.blogspot.com/2013/08/guidoiro-areoso-pontevedra.html

http://www.xoanarcodavella.com/2012/10/mamoa-do-guidoiro.html

https://x.com/SabiasGalicia/status/1575206289092886545
    
https://www.bing.com/images/search?

view=detailV2&ccid=CB8%2Bhc39&id=7E8836CAEB49B0EF27988B87D4223AF79E847E36&thid=OIP.CB8-

 hc39tUUsECBVgVKJSwHaFz&mediaurl=https%3A%2F%2Fpbs.twimg.com%2Fmedia%2FFdxBxFOX0AAoHC5.jpg&exph=533&expw=680&q=Fotos+a%C3%A9reas+do+Guidoiro+Areoso&simid=6080167

                               



mércores, 9 de xullo de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DE MIRAFLORES. Sanxenxo, Pontevedra

PEDRAFITA-MENHIR DE MIRAFLORES.

Trátase dunha máis que posible pedrafita  de observación astronómica, descuberta por Alberte Alonso no parque de Miraflores, na vila de Sanxenxo. Segundo me conta Alberte, despois dunhas pormenorizadas pescudas, a pedrafita foi colocada como elemento ornamental, xunto con outras diversas pedras, en diversos puntos deste espazo recreativo. Parece ser que as pedras atopábanse amoreadas de calquera xeito nunha silveira ubicada no mesmo lugar, de xeito que desde o Concello decidiron recolocalas nesta nova área. Os operarios encargados da operación erqueron a pedrafita dun xeito, por suposto casual, que a Alberte Alonso lle parece correcto. Considera así que esta nova ubicación foi  un acerto debido a que por ise mesmo lugar serpeaba un camiño tradicional que partía da beiramar e levaba ás necrópoles megalíticas de Chan da Gorita e Con da Ventureira. Ademais, á parte dun regato que discorre moi preto, a pedrafita de Padriñan atópase a pouco menos dun quilómetro.



    Fotografía realizada por Alberte Alonso


Formalmente a pedrafita describe unha forma xeral cónica na cara do oeste, cun lixeiro arqueo ou curvatura central; nos resto das caras presenta unha forma variable, e dicir, a base máis ancha que se vai estreitando pouco a pouco cara ao cumio. En definitiva, arestas pouco puidas, bastas..., cousa bastante común nas pedrafitas de observación astronómica.

Con todo, unha das chaves para a súa adscrición como pedrafita de observación astronómica é a concavidade central, que destaca na croa, necesaria para as verificacións soslticiais.

Para finalizar, non parece que haxa en toda a superficie ningún tipo de gravura, aínda que Alberte, logo da súa minuciosa investigación, observa varios rebaixes presumiblemente artificiais que talvez se puideran calificar como cazoliñas.

Outras fotografías:


    
Alberte Alonso estudando a pedrafita de Miraflores.





Fotografías de Alberte Alonso


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

BIBLIOGRAFÍA

Alonso Fernández, X. Alberte, "O uso das pedrafitas no Neolítico Galego. Estudo das Pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas Fálicas". Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega, Nº 1.  Ed. SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega). Ourense, 2014.