Amosando publicacións coa etiqueta necrópole. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta necrópole. Amosar todas as publicacións

domingo, 13 de setembro de 2026

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA PORTELA 1. San Miguel de Gurgueiro, Agolada.

ANTA-DOLMEN MÁMOA DA PORTELA 1

11.-POR TERRAS DE VENTOSA: RUTA MEGALÍTICA DE AXIAZ


"Los guerreros victoriosos ganan primero y luego van a la guerra, mientras que los guerreros derrotados van primero a la guerra y luego tratan de ganar."

Sun Tzu


Debuxo versión de Moncho Boga, 2026.

É, lamentablemente, vai chegando o remate desta serie de entradas adicadas ás fantáticas terras dezanas, desta fantástica ruta megalítica, fantástica pola cantidade e calidade dos monumentos que a compoñen, fantástica pola marabillosa implantación destas manifestacións megalíticas que, a pesar de todas as violacións, abandono e incomprensións, aínda se manteñen aí, ergueitas, orgullosas, debuxando unha paisaxe arqueolóxica única. E falo non do corazón de Galicia, falo do embigo, do centro neurálxico da nosa xeografía real e imaxinaria.


Mapa de situación da Necrópole das Mámoas da Portela.
Google maps.

Calquera pode emprender esta ruta e completala cos mais de quince paneis de petróglifos que a acompañan, paneis con todo tipo de motivos gravados na pedra. Tamén se pode emprender sin ter en conta a miña proposta de ruta, de numeración: mais ben foi unha disculpa metodolóxica. Por iso, malia que se denomina ruta megalítica de Axiaz, permitínme a licencia de engadir esta mámoa que se atopa na parroquia colindante de Gurgueiro. Por iso moi ben poidera ser a primeira da ruta: e pode ser a primeira, non  é obrigatorio seguir o camiño debuxado por min a través das estupendas indicacións de Alex Negreira no seu fenomenal blogue megaliticia.blogspot.com, tantas veces nomeado.


Captura dunha fotografía de Ángel Utrera extraída do
seu blogue aopedofarelo.blogspot.com

Pois ben, a necrópole que me ocupa en último lugar, denominada "Mámoas da Portela", atópase no lugar de Gurgueiro, na parroquia do mesmo nome, coa advocación a San Miguel. Trátase dunha necrópole composta por seis mámoas que se atopan nunha suave aba que forma parte dun outeiro que enlaza dous cativos vales. O topónimo "Portela" lévanos á consideración de camiños primitivos, de rutas ancestrais: o lugar de paso nun alto, o cambio de vertente... Por iso posiblemente as Mámoas da Portela están vencelladas, como outras moitas en toda Galicia, ás vías de tránsito prehistóricas. Segundo Ángel Utrera (blogue aopedofarelo.blogspot.com) o lugar responde a un significativo topónimo a saber, Monte das Minas. Outra das denominacións galegas para as antas.


Vista da anta nº 1 desde a mesma perspectiva que a anterior.
Fotografía de Alex Negreira en megaliticia.blogspot.com

Para chegar, desde a estrada Agolada-Antas de Ulla, hai que coller necesariamente unha desviación cara a Alperiz e, desde aí, débese  coller outra estrada á dereita que leva a Gurgueiro. A pouco mais de dous quilómetros a necrópole aséntase nambas as dúas beiras da devandita estrada, algunha delas cortadas pola mesma.

Das seis mámoas de que se compón a necrópole, a catalogada co número 6 conserva seis esteos da cámara á vista.

A mámoa 1, obxecto desta entrada, está emprazada nunha área de monte baixo extremadamente espeso, onde medran exhuberantemente os fentos, os toxos e sobre todo as glamurosas xestas.


Fotografía de Alex Negreira en megaliticia.blogspot.com

O funil do espolio da mámoa, aberto no medio e medio, é poderoso e atópase moi colmatado. Por entre a masa tumular albíscanse diversos tobos de conexos probablemente e, por si non fose pouco, preséntase parcialmente esnaquizada no eixo leste-oeste pola construción dunha gran zanxa. Os incendios forestais non axudaron á súa conservación posto que os esteos atópanse alterados pola acción combustible do voraz lume. Na base da mámoa, polos lados leste e norte, eríxense dous muros que, como non, afectan considerablemente á masa tumular.

Pola superficie pódense ollar, si a vexetación o permite, numerosas pedras graníticas de tamaño medio que probablemente formasen parte da coiraza pétrea. A zanxa da que falaba mais enriba destruiu totalmente a mámoa polo lado do norte.



Captura dunha fotografía de Ángel Utrera extraída do
seu blogue aopedofarelo.blogspot.com

O que queda da mámoa, en definitiva, acada unhas medidas de once metros e medio no diámetro do norleste-suroeste e uns dez metros no noroeste-surleste. A altura máxima non sobrepasa os oitenta centímetros. O burato do espolio, feito con verdadeira saña, amosa unhas medidas de mais de dous metros e medio por algo mais de medtro e medio, sendo a súa profundidade de ao redor de corenta e cinco centímetros.



No devandito funil de espolio emerxe a cámara megalítica, composta por catro chantos de granito: a súa lonxitude aproximada no interior é de case un metro e medio por un metro trinta. Os esteos que se conservan conforman unha cámara poligonal simple. A altura máxima do esteo meirande non sobrepasa os sesenta centímetros. Estamos polo tanto diante dunha cámara típica da bisbarra a saber, o pequeno tamaño e a apariencia de cista, non tanto en canto á forma senon en canto ao tamaño.

Esta é a mámoa que describe Ángel Utrera no seu blogue, catalogada pola Xunta coa numeración: GA 36020120.


Panel cos debuxos e numeración dos elementos da ruta.

Con esto dou por rematada a ruta, pero non descarto outras moitas debido á inxente cantidade de mámoas, cámaras e algunha posible pedrafita que aínda se están a conservar polas marabillosas terras de Agolada.

É absolutamente necesario, convinte e recomendable, baixo todo e calquera tipo de consideracións, visitar o Concello de Agolada e, por extensión, todas as Terras do Deza, comarca con personalidade de seu.


EN SIGRÁS, NUN DÍA DE TREBOADA DO ESTÍO DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES IMPRECINDIBLES

https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/mamoas-da-chaira.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/77106/2015/08/mamoa-de-coto-cornellal/

https://patrimoniogalego.net/index.php/77217/2015/08/mamoa-cima-da-costa-2/

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

Ramón Fábregas Valcarce: "En torno al megalitismo gallego." PDF.

Ramón Fábregas Valcarce e Rafael Penedo Romero: "Antropomorfo grabado en un túmulo Megalítico de Agolada /Pontevedra)." Departamento de Historia l. Universidade de Santiago de Compostela. PDF.

Fábregas Vácarce e Vilaseco Vázquez: "O Megalitismo na Comarca do Deza. Un proxecto para a conservación do patrimonio arquitectónico inmoble." PDF.

Fábregas Valcarce et al.: "Estudios en torno ao Megalitismo da Comarca de Deza. Primeiros Resultados". Departamento de Historia 1. USC.

Fábregas Valcarce R., Penedo Romero, R.: "Ortostato grabado de Agolada (Pontevedra): Un nuevo motivo grabado en el arte megalítico del Nw Penínsular.", Ed. Sociedade POrtuguesa de Antropología Cultural, 1995.

Fernando Carrera Ramírez: "El dolmen de Os Muíños (Agolada, Pontevedra). Intervención para la documentación y protección de la pintura megalítica conservada".

Fernando Carrera Ramírez e Ramón Fábregas Valcarce: "Arte parietal megalítico en el Noroeste Peninsular. Conocimiento y conservación" Tórculo Edicións, 2006.

https://ospendellos.blogspot.com/2018/05/aldeas-con-corazon-axiaz-rio-vilar.html

https://megaliticia.blogspot.com/2025/09/Dolmenes-Pontevedra.html

https://ospendellos.blogspot.com/2016/03/mamoas-do-coto-cornellal-axiaz.html
https://fonte.es/A-PORTADA/2018-04-16~Toponimia_de_Agolada.html

https://www.instagram.com/manuelbustogalego/

http://www.agolada.es/turismo/que-ver

https://ospendellos.blogspot.com/

https://historiasdedeza.wordpress.com/category/agolada/

aopedofarelo Desde Agolada-Pontevedra

https://dagolada.blogspot.com/

https://aquamlatam.blogspot.com/

https://www.youtube.com/watch?v=jK-0_YFSzII

https://megaliticia.blogspot.com/2025/10/Petroglifos-Pontevedra-Deza-Tabeiros.html

https://folletosturisticos.com/ngg_tag/agolada/#gallery/agolada/5668
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/comarca-do-deza/agolada/
iglesia-de-san-xulian-de-ventosa

https://canedo.eu/Comarcas/PONTEVEDRA/3_Deza.html

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/
sobreirais-do-rio-arnego-agolada-pontevedra-668906

https://ospendellos.blogspot.com/2017/01/roteiro-cultural-dos-petroglifos-de.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/77720/2015/09/petroglifos-do-couto-da-aspra/

https://gl.wikiloc.com/rutas-sendeirismo/subida-ao-monte-farelo-a-golada-e-antas-de-ulla-44864919/photo-29452676

https://www.rios-galegos.com/ulla/index.html

https://historiadeza.wordpress.com/2024/12/14/la-iglesia-de-san-xulian-de-ventosa-la-catedral-del-arte-rural-gallego/

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/sobreiral-do-arnego/20240705081019201775.html

https://publicacions.academia.gal/index.php/rag/catalog/view/306/302/256

https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/7467/pazo-de-borraxeiros?langId=es_ES&tp=9&ctre=36

https://genealogiasdegalicia.wordpress.com/2012/01/21/condado-de-borrajeiros/

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Anta+Coto+do+Cornellal

https://historiasdedeza.wordpress.com/category/xeografia/

https://ospendellos.blogspot.com/2016/12/descuberta-dunha-mamoa-e-novos.html

mércores, 27 de maio de 2026

ANTA-DOLMEN MINA DE PORTOESCURO, MINA DE ESPIÑAREDO OU MÁMOA DO MONTE CORZÁN 11. San Vicenzo de Aro, Negreira

ANTA-DOLMEN MINA DE PORTOESCURO

RUTA MEGALÍTICA DO MONTE CORZÁN 2 

"Que un hombre muera por una causa no significa nada en cuanto al valor de la causa."

Oscar Wilde



Debuxo de Moncho Boga, 2026.

Estou diante do único esteo que se conserva da estrutura arquitectónica do que foi a coñecida como Anta de Espiñaredo, aquila da que probablemente falara Murguía e que estudaron polo miudo E. Shee e Carlos García e cuxas conclusións deixaron reflectidas aló polo lonxano ano de 1973. Por unha razón ou por outra, malia que é coñecido por este nombre, o seu nome tradicional é Anta Mina de Portoescuro. Tamén é coñecida como Mámoa do Monte Corzán 11. Atópase na parroquia de Aro e aséntase en terras do lugar de Pedralonga. 



Debuxo versión da planta segundo Murguía.

Cando Ramón Sobrino visitou a zona para investigar si todavía ficaban estes elementos que describía Murguía en 1901, quedou abraiado pola impoñente presenza de varias antas que xalonaban un medio hostil en pleno corazón de Galicia. Sobrino realizou pequenas escavacións, debuxou croquis, medidas..., e conseguiu tamén que os veciños, intrigados polas andanzas daquel home, fixeran escavacións furtivas pensando que o investigador buscaba o mesmo, ouro: nas súas viaxes, Sobrino descubriu con desesperanza a desaparición de varios esteos dalgunhas das antas que compoñen a necrópole.


Versión da planta da Mina de Portoescuro a partir do
debuxo de Sobrino.

Antes de continuar, debo subliñar que non fun quen de atopar ningunha fotografía do esteo que se está a conservar, pero sei de certo que o ortostato aínda se conserva e que tamén se conservan as gravuras constatadas tanto por Sobrino como por E. Shee. E tamén debo facer especial mención ao perigo e á pouca atención que dedican as autoridades competentes a estes solitarios e indefensos vestixios da nosa prehistoria.


Situación aproximada da Anta Mina de Portoescuro.

Para chegar debemos dirixirnos ao lugar de Pedralonga. Unha vez alí, desde o sul do lugar, hai que coller a estrada e a pouco menos de dous quilómetros, é necesario xirar á dereita e introducirse nunha pista: logo de percorrer uns oitocentos metros, deberíase estar á altura da mámoa que se asenta mirando ao oeste ou ben, á dereita no senso da marcha e dicir, cara ao sul.


Sección da Anta Mina de Portoescuro, a partir de R. Sobrino.

A mámoa e anta que nos ocupa, como barruntaba antes, xa foi descrita por Murguía no ano 1901 na súa "Historia de Galicia". E ningún estudoso a voltar visitar ata que a curiosidade levou a Ramón Sobrino a alugar un "auto" e introducirse ao xeito dos exploradores decimonónicos por aquilas inhóspitas terras. Murguía describía unha colosal mámoa, que acochaba unha anta de planta poligonal, e medía trinta e dous metros de diámetro así como catro e medio de altura. A partir deses someros datos, Sobrino deduce unha planta poligonal con corredor desenvolvido e que non conservaba xa a pedra cobertora ou tampa. A cámara, segundo R. Sobrino, medía uns catro metros de lonxitude. Murguía tamén describiu e debuxou catro gravuras en tres dos chantos que conformaban a cámara megalítica.

A Anta Mina de Portoescuro atópase a uns trescentos setenta metros sobre o nivel do mar, sobre unha pendente suavemente achairada cara ao leste, no extremo da dorsal ubicada entre dous ríos; trátase dunha depresión interior do Monte Corzán. Nesta área predomina o monte baixo, as pradeiras e as repoboacións salvaxes de piñeiros e de eucaliptos. A uns cento vinte metros cara ao leste descorre plácidamente o río Pedralonga, que sesemboca ou únese co río Corzán a uns douscentos metros ao sul da mámoa. 


Esteo e gravura da Anta Mina de Portoescuro a partir de R. Sobrino.

Como dicía, a mámoa atópase infamemente afectada pola repoboación de eucaliptos e piñeiros, así como por un espeso monte baixo composto sobre todo de toxos e silvas. As alteracións mais potentes polo tanto consisten no gran funil de violación e as devanditas repoboacións. 

A mámoa mide aproximadamente uns vintesete metros no diámetro norte-sul, uns vintecatro no leste-oeste así como unha altura de pouco mais de dous metros. No centro da mámoa ábrese o salvaxe funil de violación: no interior, no lado do leste, sobresae, erecto, in situ, aínda inexplicablemente, o único gran esteo que se está a conservar de xeito milagroso. Na parte do norte deste poderoso burato, aparecen unha boa xeira de pedras de mediano tamaño que poideron formar parte dalgún muro que facía de peche e delimitación dos terreos. O funil de violación ten unhas dimensións tamén poderosas: mais de catro metros e medio no eixo norte-sur; case seis mestros e medio no exio leste-oeste e unha profundidade de pouco mais dun metro.



Versión das gravuras da Anta Mina de Portoescuro a 
partir dos debuxos de García Martínez e Elisabeth Shee, 1973.

A parte que permenece á vista ou que sobresae do único chanto que se está a conservar mide ao redor dos oitenta centímetros: nos traballos de escavación que realizaron no ano 1973 García e Shee o esteo medía un metro e medio de altura. Debido á colmatación a outra parte permanece soterrada. En canto á anchura, acada os oitenta e cinco centímetros, e para o grosor  mide case vinte centímetros. 

Segundo as  informacións que fun recavando, semella que aínda se conservan as gravuras que debuxaran García Martínez e  E. Shee: o coitelo da parte superior e os ondulados verticais da parte dereita do esteo.


Situación das antas do Monte Corzón na parroquia de Aro.

Nas datas nas que Elisabeth Shee publicou a síntesis da Arte Megalítica en Europa, non se coñecían aínda as antas decoradas con pinturas en Galicia (moi poucas) por iso encadraba as gravuras do megalitismo galego no grupo misceláneo, englobando indiferenciadamente os megalitos galegos, caracterizados, daquila, pola case exclusiva presenza de gravuras. Este paradigma explicativo atópase hoxe en día desfasado debido que as investigacións atopan cada vez mais restos de pinturas que decoran o interior das nosa antas.

Non quixera rematar sen facer unha pequena reflexión en voz alta: a extrañeza que causa que unha das míticas antas galegas permaneza fora dos circuitos do megalitismo sendo un dos exemplares mais coñecidos na literatura megalítica, case desde que existe a disciplina da prehistoria. E iso estando ubicada moi preto da capital galega e tamén do Camiño ao fin do mundo, da rota xacobea onde morre o sol e o mar sangra.


EN SIGRÁS, NOS PROLEGÓMENOS DA GRADUACIÓN DE MANU, 2026
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


BIBLIOGRAFÍA, ENLACES

José Mª Bello Diéguez: "Un siglo de arte megalítica en Galicia" PDF.

Elizabeth Shee, "The Megalithic Art of Western Europe." 1981.

Manuel Murguía: "Historia de Galicia".

Sobrino Lorenzo-Ruza, R.: "Megalitos del Monte Corzán". Zephyrus IV, 1953.

García Martínez e E. Shee: "Tres tumbas megalíticas decoradas en Galicia". Trabajos de Prehistoria, T. 30, 1973.

Antón Bouzas Sierra e Fernando Alonso Romero: "Los cercados del macizo del Corzán." (Negreira, A Coruña)

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/monte-das-mamoas.html

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/mamoa-de-espinaredo-e-mamoa-do-raposo.html

https://es.wikiloc.com/rutas-outdoor/dolmenes-corzan-20795179

https://lindeiros.net/negreira-publica-un-mapa-on-line/

https://concellodenegreira.gal/gl/novas/mapa-en-lina-de-turismo-descubrenegreira

https://goo.gl/kWmjbn

https://xurdemoran.blogspot.com/2014/02/mapas-del-camino-fisterra-y-muxia-etapa_4911.html#google_vignette

https://concellodenegreira.gal/uploads/media/document/guia_turistica.pdf

https://concellodenegreira.gal/uploads/media/document/guia_turistica.pdf

https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2016/08/pazo-de-coton-negreira.html

https://loboquirce.blogspot.com/2016/06/ponte-vell-do-maceira-coruna.html

https://es.wikiloc.com/wikiloc/view.do?id=20795179

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/mamoa-de-espinaredo-e-mamoa-do-raposo.html

https://pefcgalicia.org/camino-fisterra-muxia-es/4-negreira/


mércores, 8 de abril de 2026

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DAS ESTANTEGAS OU MARCO DAS TRANTAS. Santa Mariña do Covelo, Covelo.

PEDRAFITA-MENHIR PEDRA DAS ESTANTEGAS OU MARCO DAS TRANTAS

PEDRAFITA DO COTO DE ALDIR II

"¿Puede haber algo más ridículo que la pretensión de que un hombre tenga derecho a matarme porque habita al otro lado del agua y su príncipe tiene una querella con el mío aunque yo no la tenga con él?".

Blaise Pascal



Debuxo de Moncho Boga, 2026.

E sigo nas agarimosas terras de Covelo, nas a veces abruptas terras de fronteira, nas a veces rudas estampas dunha naturaleza case salvaxe, humanizada e representativa, de numerosos elementos arquitectónicos, prehistóricos, naturais, que caracterizan a antiga e case desaparecida Galicia rural.


De mapcarta.

Sigo no Coto de Aldir, lugar de pleitos desde sempre, lugar de loitas enconadas polos límites, polos lindeiros, polos marcos... Loita pola pertenza, pola posesión entre varias parroquias, como acontece en toda Galicia. Sen embargo non é a miña misión decidir o lugar de pertenza deste pequeno anaco do Coto de Aldir, desta penecharia onde se asentan dúas características pedrafitas. Un outeiro talvez máxico, sagrado, rodeado de penedos con cazoliñas de diverso tamaño, de penas como tronos, de penas de reis, de minas de auga, mananciais, de necrópoles megalíticas, de poboados castrexos e, por suposto, de dúas pedrafitas que caracterizan este sobranceiro santuario.


De Alberte Reboreda, ver bibl.

Como estaba a relatar na entrada anterior, a chaira con lixeira inclinación, onde se asentan estas dúas e mais que probables pedrafitas, forma parte dun gran outeiro sagrado (de altarius), un santuario ao aire libre onde se amosan todos os ingredientes que permiten a afirmación desta paraxe coma un santuario prehistórico que se mantivo como un fósil desde a prehistoria ata hoxe en día.


Unha vista da Casa Museo Pazo da Cruz.

A segunda pedrafita desta pequena chaira conservouse ergueita debido á súa reutilización como marco de término, probablemente como as "petra fictas" que aparecen profusamente na documentación medieval galega. E, posiblemente tamén, reutilizouse neste senso debido ao seu carácter simbólico, debido a que constituiuse como un referente para as mentalidades desde a prehistoria, desde os homes que a chantaron nese lugar: mesmo referente, diferentes funcións, distintos significados.


Fotografía do Libo de Alberte Reboreda
sobre a parroquia de Santa Mariña. Ver bibl.

Como apostillaba con respecto á Pedrafita do Coto de Aldir I (e segundo os estudos de Alberte Reboreda) o topónimo Aldir aparece documentado por vez primeira no ano 1151, contituíndose nun Couto medieval situado en Santa Mariña de Covelo, dando nome ao "principal outeiro da nosa parroquia", nun documento do mosteiro cisterciense de Melón. Non é descabelado pensar que a nosa pedrafita xa funcionase daquila como marco delimitador do Couto.


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

No ano 1756, nun apeo parroquial entre as parroquias de Santiago e Santa Mariña de Covelo co título "Demarcacións que circundan esta Feligresía de Santiago de Covelo y su anejo San Bartolomé de la Lamosa. Por Cuevas ano de 1756",  aparece por vez primeira a pedrafita con nome propio: 

"Comienza esta Feligresía de Santiago de Covelo a demarcar por la esquina del Norte con la de / Santa Marina, mas abajo del Coto ó piedra llamada de las Estantegas, en el que se junta con la de Maceira con Covelo."


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Noutro documento de deslinde do ano 1850 entre as mesmas parroquias (promovido polo Alcalde-Pedáneo de Santiago de Covelo) sinálanse os marcos ou mollóns que delimitan ambas as dúas parroquias: "...Piedra de las Estantegas y Coto del Monumento..." Segundo Alberte Reboreda, hoxe en día coñécese co nome deturpado de Marco das Trantas.


Gravura coa "P" de Parada.
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Seguindo a Martinón Torres (ver bibl.) os megálitos de término carcterízanse ou teñen asociados tres grandes valores apreciados con distinta intensidade en función dos diversos contextos territoriais a saber, un valor simbóico-mítico, un  papel histórico-arqueolóxico e un valor social-territorial. Este emprego como marcadores dun territorio foise perdendo ao longo do tempo ata que quedou case exclusivamente circunscrito ás delimitacións das parroquias, concellos e incluso provincias. Martinón destaca a particular evolución desa consideración social-territorial sobre todo desde a Idade Media: o labrego medieval empregaba como demarcadores uns fitos que xa estruturaban a paisaxe, o territorio, desde sempre. Polo tanto tamén tiña, ese fito reutilizado, un valor mítico, un referente máxico. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Malia que a partir do século XVII a función territorial foi desaparecendo, moitos monumentos megalíticos -engadindo ás mámoas- foron perdendo eses valores e polo tanto xa deixaron de ser imprescindibles. A nosa pedrafita constitúe un exemplo da persistencia do aproveitamento ao longo da noite dos tempos. Aínda  que os que construiron os megálitos desapareceron fai miles de anos, as súas construcións permaneceron na paisaxe impertérritas e, polo tanto, foron obxecto de novos usos: novas sociedades e novas culturas foron outorgándolles outros significados e diferentes funcións. Por todo iso non podemos estar mais de acordo con Martinón cando considera que estes singulares monumentos son depositarios de memorias colectivas ancestrais e acumulativas.



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

A Pedrafita-menhir das Estantegas ou Marco das Trantas mide ao redor un metro e setenta e cinco centímetros. Este marco, este mollón, froito da reconversión dunha pedrafita megalítica nun elemento para acoutar un territorio (valor social-territorial), amosa nas súas caras as letras "C", "M" e "P" que posiblemente se correspondan coas parroquias de Covelo, Maceiras e Pazos. Tamén hai inscrita unha data: 1871. 



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Trátase dun esteo de tipo medio coa base cadrangular (moi achanzada nas arestas) que se vai convertendo en triangular e vaise continuando ata diminuir na croa para adquirir unha forma mais redondeada, case cónica. O mais interesante ao meu xuizo é o claro aspecto fálico que se debe á forma da croa e ás pequenas escotaduras que formarían ou darían lugar ao glande. Na base, unha protuberancia talvez represente os testículos,  como acontece no Marco da Anta no concello coruñés de A Laracha. As características mais salientables das pedrafitas de "tipo fálico" son: a curvatura da croa; caras rectas e convexas (norte e sur respectivamente); gravuras como coviñas, cruciformes, ferraduras e antropomorfos. Malia todas istas características, as pedrafitas poden tamén participar de varias manifestacións simbólicas e tamén funcionais e dicir, participan de varias tipoloxías.



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Recompilando: o testículo na base (a raíz, unida á pelvis), logo a parte principal ou corpo (parte cilíndrica) cunha parte cóncava e a outra lixeirramente convexa, case recta e, por último, o glande (a punta) ou parte redondeada, cónica. Todo elo confírelle unha espectacular apariencia de falo.

Seguindo as minuciosas investigacións de Alberte Alonso, os cultos que xiran ao redor da fertilidade son de orixe prehistórico: a práctica dunha xeira de rituais para estimular e protexer a fecundidade vexetal, animal e humana. As pedrafitas fálicas estaban a cumplir funcións relixiosas e a súa finonomía asóciase ao culto da fertilidade: xenera renacemento, vida e fertilidade; a forza creativa e fecundadora. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Debido á situación desta pedrafita, á beira dunha anta desaparecida, á cercanía doutras tres e ao discorrer dun camaiño primitivo, tamén considero que pode adscribirse á función de pedrafita anunciadora da necrópole megalítica, coma un fito que nos anuncia o lugar da morte, o solar dos ancestros.

Redundando no carácter máxico do outeiro do Coto de Aldir, engadir a cercanía do manancial chamado Mina do Coto de Aldir, as numerosas penedas con cazoliñas de diverso tamaño que delimitan todo o contorno inmediato, as formacións rochosas de formas caprichosas, a necrópole megalítica, o castro, os camiños prehistóricos..., todo iso fai que, á beira destas dúas fermosas pedrafitas, lle confiran a esta paraxe unha cualidade con carácter de seu.


No outro lado da estrada pódese ver a Pedrafita
de Aldir I.
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Para rematar, unhas breves consideracións toponímicas.  Con respecto ao topónimo "Estantegas"  pódese presumir que procede da base "estant-", vencellado con "estar", "permanecer", sitio onde algo se mantén. Mais o sufixo abundancial "-egas", o que viría a dar "lugar onde algo está asentado ou que se mantén". Significaría algo así como aquilo que está de pé, estable. Si o vencellamos co cercano manancial da Mina do Coto poderíamos aventurar que significa zona de rechán onde a auga do manancial queda retida ou rezuma, como terras estancadas. En suma, terras de ladeira onde a auga do manancial permanece, formando un terreo húmido ou encharcado. Pero tamén onde as pedrafitas permanecen, duradeiras e silentes. O topónimo "Trantas" co que tamén se coñece esta pedrafita, é probable que se forme coa raíz "tras- / trans-" que significa "ao outro lado de" ou "mais aló de". A terminación "-as" moitas veces é un plural típico de zonas ou terreos determinados, polo que o topónimo significaría "terreno que está ao outro lade de..."


Fonte Mina do Coto de Aldir.
Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Un sinceiro agradecemento ás informacións de Maximino Fernández Sendín sobre esta sobranceira zona e un silencioso grito de ánimo na súa  teimuda procura para erguer no seu estado vertical a pedrafita do Coto de Aldir I, feito que por fin semella que vai por bo camiño, segundo as propias informacións de Maximino. Saúdos Maximino e moitas grazas por todo.


EN SIGRÁS, COAS PRIMEIRAS RAIOLAS DOS SOL DE 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!



BIBLIOGRAFÍA E ENLACES INSOSLAIABLES


Marcos Martinón-Torres: "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los monumento megalíticos a partir de las fuentes escritas." Trabajos de Prehistoria 58, nº 1, 2001, pp. 95 a 108.

Alberte Reboreda, 2022: "Santa Mariña de Covelo. Notas de toponimia, historia e Patrimonio". Imprime: Aceroplus-Ponteareas. Concello de Covelo e Deputación de Pontevedra.

Parcero Oubiña, César: " Lectura de la transición Bronce Final-Edad del Hierro en el NO ibérico. Dinámicas sociales y surgimiento del poblamiento fortificado". CSIC-INCIPIT.

http://www.casamuseopazodacruz.com/

https://www.facebook.com/CasaMuseoPazoDaCruz/?locale=es_ES

https://www.facebook.com/search/top/?q=Maximino%20Fernadez%20Send%C3%ADn

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://mapcarta.com/es/N1242456128

https://www.facebook.com/maximino.fernandezsendin/videos/coto-de-aldiri-covelo-pontevedra-santuario-prehist%C3%B3rico-en-%C3%A9l-se-registran-un-gr/1652135302623400/

https://www.facebook.com/groups/250663839378459/posts/1596498818128281/

https://www.diarioluso-galaico.com/articulo/area-metropolitana/covelo-municipio-entre-montanas-que-conserva-esencia-rural-galicia/20260316171254062745.html

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Cruz+outa


xoves, 26 de febreiro de 2026

PEDRAFITA-ESTELA-MENHIR DA MÁMOA 1 DA NECRÓPOLE DOS CAMPIÑOS. Santa María de Leiro, Rianxo.

PEDRAFITA-ESTELA-MENHIR DOS CAMPIÑOS.

"El comienzo de la sabiduría se encuentra en la duda; dudando comenzamos a cuestionar, y buscando podemos hallar la verdad."

Pedro Abelardo

 

As dúas caras da estela-pedrafita dos Campiños 1, segundo
versión de Moncho Boga.

A mais que probable pedrafita procedente da Mámoa 1 da necrópole dos Campiños foi atopada debido á lamentable destrución da devandita mámoa durante a apertura dunha pista forestal a primeiros da década de 1980. A mámoa atópase á esquerda da pista forestal e queda menos da metade do seu volume orixinal. 



Croquis da Pedrafita-estela dos Campiños segundo Fábregas e Vilaseco.


Malia iso, aínda se pode contemplar algún resto dos estos que quedan da cámara megalítica. Obviamente podemos colexir o seu pésimo estado de conservación, cuberta de maleza e restos das escombreiras, debido á apertura da pista como consecuencia da construción da autoestrada. A ausencia total de proteción por parte das autoridades foi a causa da súa destrución, feito que lamentablemente estase a producir con moita regularidade hoxe en día. 



Esteo da mámoa 1 dos Campiños

O excepcional e monumental esteo da mámoa 1 dos Campiños amosa unha xeira de gravuras que a individualizan e lle proporcionan carácter de seu: estas gravuras aparecen en toda a superficie (polas dúas caras) e interprétanse  como unha representación extremadamente esquemática dunha figura humana, dun antropomorfo. Na parte superior aparecen catro trazos verticais que poden representar a cara. No centro   aparece, perfectamente labrada por percusión, unha liña horizontal que ben poidera ser un cinto a xeito de cordel do que sobresaen dúas liñas mais, talvez representando as extremidades inferiores ou quizais algún tipo de obxecto de prestixio.


Estado actual da mámoa 1.

A figura plasmada na posible pedrafita, así como o feito de estar traballada, esculpida polas dúas caras, convértena nunha peza de especial relevancia na arte megalítica do país galego. Probablemente foi rempregada: unha pedrafita-estatua ou estela aproveitada como esteo dunha anta, como acontece noutras antas galegas e peninsulares.


Unha das caras da pedrafita, coa gravura horizontal.
Fotografía de megaliticiablogspot.com

Simbólicamente introducímonos no mundo hipotético das interpretacións de xeito que poderíamos estudala como unha relación co mundo da morte e da viaxe terrenal ao alén.


Liñas paralelas verticais na parte superior.
Fotografía de megaliticiablogspot.com

Como dicía mais enriba, a pedrafita-estela atópase decorada por ambos os dous lados: ou ben temos que cambiar o paradigma da decoración interior das antas, ou ben debemos condiserar que se trata dunha pedrafita reaprobeitada, caso documentado por exemplo en Dombate. Precisamente os últimos estudos sobre Dombate manteñen que foi construido empregando estelas-pedrafitas. Os esteos ou lousas con forma antropomorfa que foron polo tanto reutilizados. A proba fundamentel foi a pedra cobertora que amosa forma antropomorfa  (pesa catro toneladas). Tamén unha das pedras traseiras da cámara, onde se atoparon restos de pintura na parte exterior, o que semella corroborar a hipótese dunha pedrafita reutilizada.



Ubicación actual da pedrafita dos Campiños.
Fotografía de megaliticiablogspot.com




Cartaz da presentación da Pedrafita dos Campiños no 
Auditorio Municipal de Rianxo con motivo da súa 
musealización.


En Sigrás, despois do Entroido de 2026.
Saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES TAN  INTERESANTES COMO INDISPENSABLES

F. CARRERA RAMÍREZ y R. FÁBREGAS VALCARCE: "Arte parietal megalítico en el NO peninsular". Tórculo Edicións, Santiago de Compostela 2006.

BOGA MOSCOSO, RAMÓN (1997): "Dólmenes de Galicia". Baía Edicións, A Coruña

FÁBREGAS VALCARCE, R., DE LA FUENTE, F.: ''Excavación da mámoa 6 de Os Campiños (Leiro, Rianxo). Campaña de 1984''. Brigantium (7, pp91-149)

BAÑOS RODRIGUEZ, XESÚS: "Antas e pedrafitas de Galicia - guía para a súa localización". Asociación Amigos do Museu Arqueolóxico de A Coruña. Coruña 1996

https://megaliticia.blogspot.com/2015/12/estela-dos-campinos.html

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Os+Campi%C3%B1os

https://barbanzarousa.gal/arquivo/docs/rianxo/catalogo_necropole_campinos.pdf

https://www.obaixoulla.gal/elementos/rianxo/arqueoloxia/mamoa-no-4-dos-campinos

https://www.youtube.com/watch?v=CtGA_o38YYQ

https://patrimoniogalego.net/index.php/22418/2012/07/necropole-dos-campinos-m-4/https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/necropolis-megalitica-os-campi%c3%b1os-rianxo-21107.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/firmas/2012/08/17/resurgir-os-campinos/0003_201208B17C3991.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/rianxo/2021/09/27/xunta-inicia-limpieza-necropolis-megalitica-os-campinos/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/rianxo/2020/02/21/paso-maquinaria-destroza-mamoas-os-campinos/0003_202002B21C5992.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2011/09/19/ruta-arqueologica-partira-necropolis-os-campinos/0003_201109C19C19911.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2006/08/04/patrimonio-descarta-robo-losas-mamoa-rianxo/0003_4998029.htm

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-petroglifos-de-rianxo-foxa-vella-o-campino-os-mouchos-10638235/photo-6417316

https://www.wikiloc.com/hiking-trails/circular-polo-concello-de-rianxo-7274672#:~:text=Esta%20ruta%20circular%20fac%C3%A9mola%20para%20visitar%20os%20petr%C3%B3glifos,sendeiro%20do%20r%C3%ADo%20Te%2C%20na%20parroquia%20de%20Tarago%C3%B1a.

https://eu.wikiloc.com/ibilbide-senderismo/roteiro-arqueoloxico-rianxo-21405861

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/rianxo-petroglifos-dolmenes-y-senda-del-rio-te-9102580/photo-5393555

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170803/AnuncioG0164-210717-0004_es.html

https://hnorte.com/wp-content/uploads/2017/08/Mario_C%C3%A9sar_Vila_laxes_Rianxo.jpg

xoves, 9 de outubro de 2025

PEDRAFITA-MENHIR DE FORMIGUEIROS. Santiago de Formigueiros, Samos.

PEDRAFITA-MENHIR DE FORMIGUEIROS


"El poder de la palabra en relación con los asuntos del alma está en la misma relación del poder de los medicamentos en relación con los asuntos del cuerpo."

Gorgias de Leontinos


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

Unha pedrafita coñecida desde hai tempo a través de diversas publicacións e recuperada para a bibliografía das ondas por Alberte Alonso e outros. As fotografías son de Tomé Martínez e, por suposto, tampouco sei nin a localización exacta nin fixen ningunha incursión na súa busca. Coñezo a zona, coñezo a Necrópole de Santa Mariña, as antas da Serra do Édramo e o Castro de Formigueiros, impresionante xacemento arqueolóxico castrexo celta que debería figurar entre os castros de obrigada visita para os amantes da arqueoloxía.


A presente pedrafita atópase no Concello de Samos, pero é probable que funcionase durante séculos como marco de termo, marco demarcatorio entre os concellos de O Incio (Santa Cristina de Viso), Sarria (San Martiño de Loureiro) e Samos (Santiago de Formigueiros).


Fotografía de Tomé Martínez.

Sen coñecer o seu lugar de emprazamento previsiblemente pouco se podería dicir desta tremenda pedrafita. Sen embargo, o contexto arqueolóxico e etnográfico pódennos falar de moitas  cousas sen necesidade de acudir ao lugar.


Ruta polo Monte de Santa Mariña e Serra do Édramo.

O contexto inmediato sitúa a pedrafita entre a Necrópole de Santa Mariña (composta por mais de trinta mámoas) e a necrópole do Édramo, zonas de penechaira con amplo dominio visual sobre o territorio. E dicir, visibilidade do enclave que pode vencellarse directamente ao papel da pedrafita como complemento indicador da necrópole. Esa visibilidade da necrópole de Santa Mariña, unida inextricablemente coa elevada mobilidade dos grupos humáns neolíticos para potenciar o seu protagonismo na paisaxe durante os desprazamentos polos camiños. O papel dos túmulos megalíticos, en consecuencia, como configuradores da paisaxe pode ser explicado tendo en conta que tamén poideron servir como elementos demarcadores do territorio.


Fotografía de Tomé Martínez.

O topónimo Formigueiros, (tamén Castro de Formigueiros ou a parroquia de Santiago de Formigueiros) resulta sorprendente (información de Dolores González de la Peña no seu blogue arqueotopanimia) que se use na Bretaña Francesa o término "turumel" para referirse aos túmulos megalíticos e tamén "formigueiros". Doblemente curioso, afirma Dolores: en Galicia, nalgunhas zonas, as mámoas denomínanse "formigueiros". Aquí non só as mámoas, senon tamén a propia pedrafita.


Monte de Santa Mariña e Serra do Édramo.

Na mesma zona atópase a Pedra do Tempo: posible esteo dunha anta que era empregado tradicionalmente para tentar influir nas condicións climáticas, feito necesario diante do desenvolvemento caprichoso dos elementos. Era unha pedra móbil: erguiase para que fixese bo tempo e acostábase para que chovera.


Pedra do Tempo. Fotografía extraída do bloge onosopatrimonio.blogspot.com
A autoría é de Almagro e Gorbea, 2022.

Non sei nada das medidas e a forma semella tendente a sección cadrangular,  mais picuda na punta. Atópase medio deitada nunha paisaxe que corresponde coa típica zona achairada do horizonte tumular galego.

ALGO MAIS QUE VISITAR NA TERRA DE SARRIA

Si por casualidade atopades a Pedrafita de Formigueiros e aínde tedes tempo de percorrer esas agarimosas terras, non deixedes de visitar tanto a Necrópole de Santa Mariña (BIC), a Necrópole do Édramo como, por suposto, o impresionante Castro de Formigueiros.


Castro de Formigueiros.


Unha das antas da necrópole do Édramo.
Fotografía de Cándido Rico.

En Sigrás, coa constancia do  alboroto, no ano 2025.
Saúde, sorte e libros!!!

ENLACES

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/2014/04/pedrafitas-con-outras-funcions.html

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Formigueiros

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/circulos-liticos-e-pedrafitas-de-galiza_09.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/44759/2013/06/necropole-megalitica-de-santa-marina/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/o-incio/2010/03/25/tesoros-serra-do-edramo/0003_8377614.htm

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/serras-de-santa-marina-e-de-o-edramo-o-incio-14378068

https://ourense-natural.es/calvos/mamoasstamarina.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/somosagro/agricultura/2013/11/20/piedra-milagrosa-llover-salir-sol/0003_201311M20C4991.htm

https://ca.pinterest.com/pin/356910339198463524/