Amosando publicacións coa etiqueta O Covelo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta O Covelo. Amosar todas as publicacións

mércores, 1 de abril de 2026

PEDRAFITA-MENHIR DO COTO DE ALDIR I. Santa Mariña de Covelo. Covelo

PEDRAFITA-MENHIR DO COTO DE ALDIR I

PEDRAFITA DO COTO DE ALDIR I

"No sé con qué armas se luchará en la Tercera Guerra Mundial, pero sí sé con cuáles lo harán en la Cuarta Guerra Mundial: palos y mazas".

Albert Einstein


                                     Debuxo de Moncho Boga, 2026.



Unha vez mais, outra, volto ás sureñas terras da Paradanta, volto ao Concello de Covelo. Dicía ao sur: no sur de Galicia, no sur da provincia de Pontevedra, custodiado entre os cordais montesios dos Montes de Paradanta, da Serra do Suído e o Faro de Avión..., Covelo aparece incrustado como unha illa que amosa unha inxente e interesante riqueza tanto natural coma do patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico.


Mapa extraído de: www.diarioluso-galaico

Nalgunhas páxinas adicadas a ensalzar estes valores dise que mantén viva a esencia do mundo rural galego así coma un legado histórico de especial relevancia. E é certo.


Fotografía do libro de Alberte Reboreda, ver bibl.

Na seguinte entrada deste blogue refexionarei sobre outra pedrafita moi pretiño desta e así tentarei completar unha visión de conxunto ao redor deste singular emprazamento.

Como prácticamente todos os actuais concellos galegos, Covelo creouse como tal no ano 1836 e aglutina ou confórmase perante catorce parroquias. A capital municipal, onde está a Casa do Concello, é a parroquia de Santiago de Covelo.



Portalón de entrada do Museo etnográfico do Pazo da Cruz.

Ao longo da historia, aparte dos interesantes vestixios prehistóricos, o territorio que hoxe abrangue Covelo, estivo suxeito a diversas xurisdicións, pertencentes aos Condes de Amarante, ao Marqués de Sobroso e a distintos mosteiros como os de Melón ou A Franqueira.



Mapa 1:25000 onde aparede o Coto de Altir. Topográfico Nacional.

A parroquia de Santa Mariña, segundo os estudos de Alberte Reboreda, atópase ou serve de transición estre as terras do Alto Tea ou Val de Tielas e o curso medio deste fermoso e espectacular río. É polo tanto unha terra de tránsito desde sempre e para sempre: sucada por vías e camiños, camiños e vías prehistóricas, roteiros dos mais importantes da antiga provincia de Tui. Destaca o camiño que levaba desde o Peirao de Redondela ata Ribadavia a través da Ponte de Cernadelas e A Caniza. Hoxe en día as vías de comunicación mais importantes son a estrada PO-261 (Mondariz-Maceira) e a N-12 (Vigo-Logroño).


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2024.

O Coto de Aldir, onde se ubica a nosa pedrafita, atópase documentado por primeira vez no ano 1151 e Santa Mariña, desde o ano 1198 cando pertencía ao Mosteiro de Melón. Na Idade Moderna aparece adscrita ao Mosteiro de A Franqueira. Aldir, neste senso, foi un auténtico omphalos, embigo, do Couto que se atopa no Outeiro ou Couto de Aldir: na actualidade é todo un xacemento arqueolóxico. O Couto foi así, segundo Reboreda, en orixe un Castro, para logo converterse nunha fortaleza medieval. Aldir non só nomea a ise máxico e lexendario lugar, senón que tamén constitúe un topónimo único.


As hipotéticas gravuras. Foto de Sendín, 2024.

A posible e probable pedrafita da que hoxe me estou a ocupar, atópase abatida, tirada no chan, entre outras pedras, nunha paraxe chaira do Coto de Aldir, na parroquia de Santa Mariña de Covelo. Foi atopada por Maximino Fernández Sendín: este incansable loitador pola conservación das cousas de antes, rexenta a Casa-museo Etnográfico do Pazo da Cruz, onde se atopa a sé do Centro de Estudos de A Paradanta e O Condado. 



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2024.

Segundo a descrición de Maximino Fernández, estamos diante dun enorme monolito de mais de tres metros de altura que se atopa hoxe en día (ano 2024) tumbado e facendo de peche dunha finca. Nas súas minuciosas pescudas averiguou que a pedrafita (segundo relato do presidente da Comunidade de Montes de Covelo Alex Cendón) foi trasladada no ano 2007 desde un lugar a menos de cen metros cando se estaban a realizar as obras de mellora e ensanchamento da estrada Covelo-Maceira.



As hipotéticas gravuras. Foto de Sendín, 2024.

A pedrafita do Coto de Aldir amosa forma cadrangular moi redondeada nas esquinas conferíndolle un aspecto cilíndrico a medida que vai chegando á croa: a feitura aé moi basta e é probale que nalgunha das súas caras apareza algunha gravura. Polas fotos de que dispoño non se aprecia cazoliña algunha, pero sí algunhas liñas que talvez sexan prehistóricas, á beira doutras modernas. 



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2024.

A súa situación nunha pequena chaira, preto dun panel de petróglifos e dunha necrópole megalítica a menos de cincoenta metros, un castro (exemplo de recinto de transición  entre o Bronce Final e a Idade do Ferro), a presenza dun camiño prehistórico, a existencia dun manancial (Mina de Auga)..., todo iso fala elocuentemente dunha área vista como lugar sagrado desde sempre, como un referente para as xentes de todas as épocas e idades. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Conta Maximino que hai xa algúns anos, moi preto da pedrafita, aparecía unha mámoa con tres ou catro chantos da cámara que era coñecida como a "Tumba dos Mouros". Así mesmo recolleu a seguite lenda ou copliña da zona: "Coto de Aldir, camiño de carro, hai ouro para sete reinados". Polo tanto, segundo Maximino, a pedrafita segue a atoparse en pleno contexto arqueolóxico, un probable "santuario prehistórico", como se defende desde diversos ámbitos e desde diversas consideracións doutros tantos estudosos do tema. 


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Como acontece en tantas outras pedrafitas galegas, a do Coto de Adir podería funcionar, na súa orixe megalítica, como unha especie de fito anunciador da necrópole megalítica. Tamén, ao estar á beira do Castro do Coto de Adir, podería talvez marcar un cruzamento viario dos posibles camiños que partirían do castro. Só si a pedrafita volta a estar erqueita, poderíamos saber algo mais sobre a súa fasquía, e debuxar un esquema xeral para achegarmonos a un coñecemento pormenorizado ao redor da forma, función, estrutura...


Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Estamos, como ben mantén o descubridor da pedrafita, diante dun lugar especial, no contorno dun contexto arqueolóxico de relevancia sustancial. Por iso non podemos permanecer impasibles diante dos denodados esforzos deste incansable loitador para voltar a erguer a pedrafita na posición vertical. Non entendemos como nin as autoridades municipais nin os comuneiros son tan reaccios a erixir novamente a pedrafita: podería ser mais doado o seu estudo e converteríase nun elemento espectacular como recurso arqueolóxico visitable. Non debemos esquecernos que o turismo arqueolóxico (e sobre todo o megalítico) ten cada vez mais demanda entre o denominado "turismo cultural". Estou convencido que sería un elemento de primeiro orde que pasaría a engrosar o xa de por sí inxente patrimonio deste recuncho das Terras da Paradanta. Unha mágoa.



Fotografía de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Desde aquí, desde este humilde foro, non podemos mais que animar os esforzos deste incansable loitador pola defensa destes esquecidos e humildes elementos que xalonan por centos a nosa terra.

Coma noutras pedrafitas ggalegas, é interesante a relación directa coa máxica sacralidade dos mananciais e do nacemento dos ríos, acompañadas das fontes: a sacralidade do culto ás fontes está ben documentada en Galicia a saber, son os lugares sacros por antonomasia. Os ríos, as fontes, artellaron tanto os hábitats como as vías de comunicación desde a prehistoria. Por iso a relación directa da nosa pedrafita coa Mina de Auga cercana e a importante vía de comunicación que circula ao seu carón.


Posible panel de petróglifos.
Foto de Maximino Fernández Sendín, 2026.

Para case rematar, aí vai unha interpretación hipotética do significado do topónimo "aldir": é probable que teña orixe prerromana de xeito que se fai proceder da raíz "ald-" ou ben "alt-", vencellada a un lugar alto, a unha elevación, a un outeiro..., e dicir, un emprazamento prominente, elevado do terreno, feito que encaixa perfectamente coa configuración orográfica do contorno.


Planta do Castro do Coto de Aldir.
En César Parcero Oubiña, ver bibl.

Debo agradecer a mediación do querido amigo Alberte Alonso para conseguir nun prazo de tempo "record" as fotografías que tomou o señor Maximino Fernández e, así mesmo, como non, agradecer a éste o permiso para publicar esas fotografías no presente blogue. Grazas a ambos os dous.


EN SIGRÁS, NAS AUGAS MIL DE 2026.
SAUDE, SORTE E LIBROS!!!

NON Á GUERRA!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES

Alberte Reboreda, 2022: "Santa Mariña de Covelo. Notas de toponimia, historia e Patrimonio". Imprime: Aceroplus-Ponteareas. Concello de Covelo e Deputación de Pontevedra.

Parcero Oubiña, César: " Lectura de la transición Bronce Final-Edad del Hierro en el NO ibérico. Dinámicas sociales y surgimiento del poblamiento fortificado". CSIC-INCIPIT.

http://www.casamuseopazodacruz.com/

https://www.facebook.com/CasaMuseoPazoDaCruz/?locale=es_ES

https://www.facebook.com/search/top/?q=Maximino%20Fernadez%20Send%C3%ADn

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://mapcarta.com/es/N1242456128

https://www.facebook.com/maximino.fernandezsendin/videos/coto-de-aldiri-covelo-pontevedra-santuario-prehist%C3%B3rico-en-%C3%A9l-se-registran-un-gr/1652135302623400/

https://www.facebook.com/groups/250663839378459/posts/1596498818128281/

https://www.diarioluso-galaico.com/articulo/area-metropolitana/covelo-municipio-entre-montanas-que-conserva-esencia-rural-galicia/20260316171254062745.html

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Cruz+outa

mércores, 28 de febreiro de 2024

ANTA-DOLMEN DE REBORDECHÁN. San Bernabé da Graña, Covelo.

ANTA-DOLMEN DE REBORDECHÁN. San Bernabé da Graña, Covelo.

"Quod aliquod creatum sit determinate causa efficiens non potest demostrari vel probari, sed solum per experientiam patet hoc, scilicet quod ad eius praesentiam sequitur effectus, et ad ajus absentiam non."

Guillermo de Ockam.



Anta-dolmen de Rebordechán. Versión
de Moncho Boga, 2024.

Hoxe vou escribir sobre unha anta que xa hai tempo atopei por eses mundos-universos virtuais, procelosos e inquedos, turbulentos ás veces, tempestuosos; nesas contornas onde atopas de todo e onde te mergullas sen enconmendarte a ninguén. Hoxe, efectivamente, vou iniciar unha pequena viaxe polo sur do sur de Galicia,  por esas terras altas, recias, casi fronteirizas, pero vagorosas, amenas, onde ás veces parece que o ceo se xunta coa terra e ás veces co mar Atlántico. Terras antiguas.

A verdade é que é unha anta moi fermosa e está nunha paraxe tamén moi fermosa, nas altas terras da Paradanta, na Serra do Suído. Unha serra cunha imaxe erosionada polo paso dos milenios, con moitas penechairas que chegan a acadar mais de 900 metros de altitude. Unha serra que abraza dúas provincias e onde as abas occidentais caen ou verquen cara ás Rías Baixas; onde as abas orientais caen case a chumbo cara a cunca do río Miño. Trátase dunha zona de media montaña cun desnivel máximo de 1151 metros, no Faro de Avión. Na serra nacen, ademais, os ríos Oitavén e Tea. Abrangue uns 200  quilómetros cadrados e forma parte da Lista de Lugares de Interese da Unión Europea.



Fotografía de Ricardo Rodríguez, 2021.

Unha paraxe máxica, sen dúbida, onde o lobo, a águia real, os bosques frondosos, o bosque baixo, ríos e regatos, chozos, foxos do lobo..., matizan e embelecen todo este horizonte natural e humano.

Lamentando non poder achegarme a través das miñas incursións megalíticas, non me queda outra que acudir a diversas páxinas e blogues  dos que vou tomando prestadas fotos e información. Lamentablemente tampouco coñezo mais bibliografía que a pouca que proporcionan as redes sociais. 



Fotografía extraída do blogue megaliticia.

A Anta de Rebordechán ou  Mámoa de Porto Real atópase ao bordo da estrada EP-5105 que comunica as parroquias de A Graña e Madeira. Esta estrada serpentea, sinuosa e esquiva, ondulada, pola esquerda do val do río Tea.

A parroquia de San Bernabé de A Graña é a mais alonxada da capital administrativa municipal deste concello do sur da provincia de Pontevedra. Atópase formando parte ou asentándose na Serra do Suído, un poderoso sistema montañoso que fai de fronteira entre as provincias de Pontevedra e  Ourense, como sinalaba antes. De Pontevedra son os concellos de A Lama, Fornelos de Montes e Covelo; de Ourense, Avión e Beariz. Tamén forma parte, Covelo, da histórica Comarca de Paradanta (con Arbo, Cañiza e Crecente), evocador topónimo que probablemente significa "Pedra da Anta" (a forma para-, derivada de Petram, que evoluciona a pedra e logo a para). 



Fotografía extraída do blogue galiciamaxica.

Segundo se pode apreciar nas fotografías, consérvanse uns bos restos da cámara (seis ortostatos) inseridos no pouquiño que debe quedar da estrutura tumular ou mámoa, apenas visible. Só fican varios esteos da cámara e dous do que puido ser o corredor. Polo tanto atrévome a deducir que estaríamos diante dunha anta adscrita ás de tipoloxía poligonal con corredor desenvolvido. 

Investigando por aquí e por alí, parece ser que aínda se están a conservar algúns vestixios dunha vía de comunicación, Camiño Real, coñecida  como "Verea", que atravesaba todo o Suído ata chegar a A Graña onde enlazaba con outras rotas cara a Castela. Aínda que descoñezo si está preto ou discorre polos arredores da anta, talvez o nome con que tamén é coñecida a saber, Mámoa de Porto Real, faga referencia precisamente ao paso dunha antiga e primixenia rota, un paso de montaña. Tanto "porto" como "real" aluden a camiños principais, a rotas de comunicación que afunden a súa orixe a na noite dos tempos.



Fotografía extraída do blogue galiciamaxica.

Segundo a páxina web do Concello de Covelo, existen na bisbarra varias necrópoles megalíticas, destacando a Mámoa de Salcedo formada por "lousas de pizarra asomando restos da cámara megalítica".

Pero non todo é bucólico para esta extraordinaria Serra: si non se pon remedio, nesta parte da Dorsal Galega, proxéctase ubicar ao redor de 20 parques eólicos... E eso a pesares de que na Serra do Suído atópanse unha serie de hábitats que son prioritarios debido a que están en perigo de extinción, de desaparición. Sospeitase que se estivo a dilatar a incorporación á Rede Natura para facilitar a construción deses megaropoxectos que ameazan con dinamitar, con destruir toda súa  riqueza histórico-artística, natural e etnográfica.

En fin, á espera de nova información e, sobre todo, de poder viaxar a estes, hoxe non tan recónditos, paraxes da nosa xeografía humana, física e imaxinaria, é hora rematar xa esta sucinta nova sobre a marabillosa anta-dolmen de Rebordechán.

Saúde e sorte!

En Sigrás, no profundo inverno de febreiro de 2024.


PARA SABER MOITÍSIMO MAIS:

https://concellodecovelo.es/?sec=26&parroquia=a_grana&lang=es

http://www.xoanarcodavella.com/

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/dolmen-de-rebordechan/

https://megaliticia.blogspot.com/

https://www.elsaltodiario.com/medioambiente/serra-do-suido-catastrofe-ambiental-rede-natura

xoves, 15 de xaneiro de 2015

CHOZA DE MERA. Barcia de Mera, O Covelo

CHOZA DE MERA. 

Evidentemente, o elemento etnográfico que me ocupa hoxe, non é unha anta nin calquera outro elemento megalítico. Non é unha anta e, sen embargo, como se parece!

Este curioso elemento, bastante abondoso polo sur da Nosa Terra, lévame a facer unha pequena reflexión despois da  descrición formal.




A Choza en cuestión amosa planta tendente a circular construida a base de mampostería e cunha cuberta que semella unha ruda bóveda  pechada con pedra e terróns vexetais, coa segura función de conseguir un bo illamento, tanto do frío como do calor que impera polas montesías terras da Serra do Suido. No exterior, un muro tendente a circular debuxa un pequeno adro, cuxa función era crear un espazo para facer lume e así protexerse das duras condicións do inverno da zona. Estas chozas tiñan a función de servir de refuxio aos pastores. Segundo Óscar Franco, por este lugar serpenteaba  o antigo camiño de Melón e tamén o Camiño Medieval do Ribeiro que levaba a Pontevedra.




Pois ben, esta choza semella unha anta, tanto en canto á súa estrutura arquitectónica como en canto á terra que a protexe, que recorda a masa tumular dunha mámoa.

Terán que ver estas curiosas, sinxelas e fermosas construcións coa atávica necesidade dos galegos de manter os seus costumes ao longo dos milenios, cambiando únicamente a súa función? A verdade é que os galegos somos tercos...

En fin, si non e vero espero que polo menos fose ben trovato.

Saúde, sorte e libros!!!

Fotos e información técnica de Óscar Franco en patrimoniogalego.net

venres, 14 de novembro de 2014

PEDRAFITA-MENHIR DE PARAÑOS. O Covelo.

PEDRAFITA-MENHIR DE PARAÑOS. 

A pouca información e a única fotografía desta fesmosísima pedrafita saiu do blogue de Xabier Moure, onosopatrimonio.

Temos diante de nós unha esbelta pedrafita de sección posiblemente ovalada, semella case cilíndrica, moi ben puída. Os extremos aparecen estupendamente  traballados, redondeados. Na parte superior, semella que hai gravada unha cruz a base de sucos paralelos.




Segundo as informacións obtidas, nas súas caras aparecen gravadas dúas cruces, do que se pode deducir o seu uso como marco de termo, probablemente. Moure, a partir das informacións de Jonathan Zúñiga, conta que a pedrafita foi atopada nos arredores da Igrexa de Paraños, cando se fixeron os traballos de pavimentación da aldea.

Hoxe en día atópase no Centro de Interpretación de Paraños, moi preto da igrexa parroquial. 

Non temos absolutamente ningún dato sobre as súas dimensións.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!