Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Vigo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Vigo. Amosar todas as publicacións

venres, 8 de marzo de 2013

ANTAS-DÓLMENES NECRÓPOLE SERRA DA GROVA. Baixo Miño e Terra de Vigo.

ANTAS-DÓLMENES DUNHA NECRÓPOLE NA SERRA DA GROVA.



A Serra da Grova abranque os concellos de A Guarda, Oia, Gondomar, Tomiño e Baiona. Ás súas cimas mais altas estaban, a finais do século XX, ocupadas por extensas fragas de piñeiros.

Nas altas chairas da Serra da Grova, ao sul da provincia de Pontevedra, atópase esta pequena necrópole megalítica composta de tres mámoas. Non coñezo a súa denominación nin a ubicación exacta; o único que podo facer é sinalar e proporcionar a direción do blogue onde as atopei, para ter unha referencia  que permita empezar a investigar: masquepetroglifos.bogspot.

Pois ben, nistas altas terras chairas emprázanse estas tres mámoas que posúen algún resto significativo da súa estrutura monumental.

A primeira mámoa atópase moi destruida debido á afanosa busca dos sempiternos buscadores de tesouros. Aínda así está a conservar algúns poucos restos dos esteos da cámara megalítica.




Vista xeral e funil de violación da primeira mámoa.


A segunda mámoa atópase mellor conservada e sobresae ao redor dun metro. O mais interesente, segundo as fotografías, é que conserva boa parte da coiraza pétrea á vista, así como algún outro esteo moi removido que formaría parte da súa estrutura arquitectónica.




Vista da coiraza e panorámica da segunda mámoa.


Pero a mámoa mais interesante deste conxunto atópase a uns trescentos metros da primeira, á dereita da estrada que leva de Baiona a Burgueira. Amosa, como as outras dúas, un bo funil de violación aínda que está a conservar varios dos esteos da cámara na súa posición orixinal. Un deles, que posiblemente sexa oda cabeceira, amosa tres cazoliñas moi ben traballadas, alineadas en posición horizontal ao longo do esteo.





Esteos imbricados e detalle das cazoliñas


Outros restos megalíticos noutras zonas da Serra da Grova:


Fotografías de Gustavo Pascual Hermida




ENLACES

Información e fotografías extraidas do bloque masquepetroglifos

https://blog.turismo.gal/natureza-salvaxe-na-serra-da-groba/
https://www.galiciamaxica.eu/galicia/pontevedra/serragroba/#google_vignette

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 7 de marzo de 2013

ANTA-DOLMEN DOS COTARELES. Gondomar

ANTA-DOLMEN DOS COTARELES

Atópase no Chan do Cereixo ao que se pode chegar seguindo unha pista de terra que se inicia nunha caseta ubicada no chan que divide ambas as dúas vertentes da serra. 

Aínda que a mámoa foi cortada por un camiño, todavía se poden contemplar dous esteos da máis dun metro de longo tirados no centro do funil de violación.



Fotografía e documentación extraida da páx. web www.megalitos.es

ENLACE

https://www.megalitos.es/textos/pontevedramamoadoscotareles.htm


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 30 de xaneiro de 2013

CISTA DE ATIOS. Porriño

CISTA DE ATIOS

Foi atopada no lugar de Tanés, pertencente á parroquia de Atios, no concello de O Porriño. Quedou ao descuberto debido aos traballos dunha explotación mineira.

Estruturalmente amosa unha forma rectangular con medidas que van desde un mero e cincoenta e nove centímetros ata un metro e trinta centímetros, aproximadamente. Confórmase mediante catro lousas de granito e outra máis cativa que fai de peche da xunta SO, que non axustaba tan exactamente como as outras. 



Planta da Cista de Atios,
segundo versión de Ramón Boga Moscoso


Posuía unha pedra cobertora que sobresaía do conxunto en planta. No enxoval exhumado había dous puñais de espigo, ambos os dous con dobre fío de bisel e dous cilindros de ouro decorados con gallóns nun arame de forma espiral e sección romboidal de prata.


Enxoval da Cista de Atios.
Museo Municipal Quiñones de León, Vigo


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


mércores, 31 de outubro de 2012

ANTAS-DÓLMENES DAS PEDREIRAS. San Mamede de Zamáns, Vigo

ANTAS-DÓLMENES DAS PEDREIRAS.

Tamén se coñece co nome de Necrópole das Xunqueiras. Trátase dunha necrópole megalítica composta por catro mámoas que están ubicadas no Campus Universitario das Pedrafitas/Marcosende. As catro mámoas atópanse en lugares altos, destacados  con moita visibilidade.


Anta-dolmen nº 2 das Pedreiras

Trátase dunha mámoa que acada os dezaseis metros no eixo N-S e outros dezaseis no eixe LÓ e apenas sobresae os setenta centímetros. É así que se amosa moi arrasada e chanzada. No medio debuxa o xa típico funil de violación onde se erixen tres esteos que miden uns oitenta centímetros de altura.





Mámoa nº 3 das Pedreiras

Acada os dezanove metros de diámetro no eixo N-S e dezaoito no eixe L-O. A mámoa acada unha altura duns dous metros e, ao estar nun lugar moi alto, popsibilita unha boa visibilidade.



Fotografías: xosecounhago.com


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

ANTAS-DÓLMENES DO REBULLÓN. Vigo

ANTAS-DÓLMENES DO REBULLÓN.

As mámoas do Rebullón atópanse emprazadas nos lndeiros dos concellos de Vigo e Mos. Actualmente foron trasladados para o "Centro Cultural As Pedriñas" de Mos, onde aparecen dúas antas reconstruidas, o que denominan "restitución dos túmulos 3 e 4 do Rebullón.

A primeira anta (Dolmen nº 1) está conformada arquitectónicamente por sete esteos que se distribúen, en planta, de xeito circular.


  
Anta trasladada do Rebullón.
Fotografía de Ángel del Prado en xosecounhago.com

A segunda anta (Dolmen nº 2) confórmase a través de seis esteos e amosa un corredor corto. A nota característica é a descontextualización destes elementos, dos que non hai ningunha información in situ.


Anta trasladada do Rebullón.
 Fotografía de Ángel del Prado en xosecounhago.com






Anta destruida do Rebullón. Fotografía de xosecounhago.com


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

martes, 30 de outubro de 2012

ANTAS-DÓLMENES DE BEMBRIVE E VALADARES. Vigo

ANTAS-DÓLMENES DE BEMBRIVE E VALADARES

-Anta-dolmen da Mámoa de San Cosme

Para chegar. Unha vez pasadas as instalacións do Círculo Mercantil de Vigo, hai un camiño á dereita que rodea esas instalacións. Seguindo ese camiño, despois duns cen metros, aparece a Mámoa, logo dunha pronunciada curva á dereita.

A mámoa mide uns trinta metros de diámetro o sobresae cerca de dous metros e medio. No interior ahi un enorme burato de violación.





-Anta-dolmen das Pereiras

Para chegar. Hai que voltar á estrada e, a preto de trinta metros da anterior, entre a primeira e a segunda casa, á dereita da pista, aparece a mámoa.

Trátase dos restos dunha mámoa cortada pola metade debido á construción dunha pista, quedando á vista os restos da cámara. Tamén foi obxecto dunha escavación arqueolóxica. Quedan á vista varios esteos, entre os que destaca os restos da pedra cobertora ou tampa.





Debuxo de Ramón Boga Moscoso


-Anta-dolmen da Mámoa de Chan da Seca

Para chegar. Hai que voltar á estrada do Campus Universitario que está a uns seiscentos cincoenta metros. Aparece un cruzamento: de fronte vaise a Zamáns; pola esquerda, a Vigo. A uns cento cincoenta metros con dirección a Vigo, hai outro cruzamento e hai que seguir pola estrada da dereita, novamente cara a Vigo. A uns mil catrocentos metros aparece outro cruzamento cunha isleta ou pequena rotonda: as dúas estradas de fronte  diríxense a Vigo; a da esquerda vai a Beade e a da fronte vai a Valadares. Seguindo por esta, a uns dous mil seiscentos metros, aparec eo Colexio Público de Sobreira. Un pouco antes del hai outra isleta: débese rodeala e ir pola estrada da dereita. A uns trescentos metros, e logo corenta metros máis pola pista forestal de frotne, deixando esta estrada, chégase a unha zona onde a pista atópase cortada pola autoestrada. Á esquerda, un camiño e por él, a corenta metros, de novo á esquerda, nas leiras, pegada ao muro, aparece a mámoa.

A mámoa mide cerca de vintecinco metros de diámetro e ten unha altura de dous metros e medio.




-Anta-dolmen Megalito de Chan da Seca

Desde a fronte do Colexio Público de Sobreira, hai que coller á dereita: rodéase a rotonda fronte á estrada do Colexio e hai que ir pola estrada de Seoane. A uns quince metros aparece un camiño pola dereita e , a uns douscentos metros, despois de dúas entradas de leiras á dereita, hai que ir pola leira t amén da dereita: a anta está no interior desa leira a uns cincoenta metros.

Atópase nunha mámoa que acada uns vintecinco metros de diámetro e case dous metros de altura. Amosa un funil de violación salvaxe que chega ao xabre. Nese gran burato aparece ergueito un dos esteos da estrutura arquitectónica.





Tanto as fotografías como a información xeral foron extraidas do libro-guía de Hidalgo Cuñarro et al, titulado "Cultura Megalítica en terras de Candeán, Cabral, Bembrive e Valadares". Ed. Museo Municipal Quiñones de León, Concello de Vigo 1999.

ANTAS DESTRUÍDAS DE BEMBRIVE 




Fotografías: Hidalgo Cuñarro et al: "Cultura Megalítica en terras de Candeán, Cabral, Bembrive e Valadares". Ed. Concello de Vigo 1999

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

domingo, 28 de outubro de 2012

ANTAS-DOLMENES DE COTOGRANDE. Santa Mariña de Cabral, Vigo.

 ANTAS-DÓLMENES DE COTOGRANDE.

Para chegar. Desde a estrada de Peinador (PO-322) hai que seguir cara ao aeroporto, despois de deixar a estrada que sube á Madroa. A un quilómetro aproximadamente hai á man dereita un hotel: despois deste establecemento, hai unha estrada que vai ao depósito de augas de Cabral. Por esta pista a uns 30 metros hai outra pista á dereita que leva á anta da mámoa nº 5 de Cotogrande.

Retornando novamente á estrada de Peinador, uns 900 ms máis adiante, á dereita da estrada hai unha subestación de Fenosa. A continuación hai un carreiro que leva cara o monte: despois de pasar sobre o gaseoducto, a mámoa nº 2 atópase nunha zona con moita vexetación á esquerda.

Para chegar á Anta nº 1, hai que seguir por ese carreiro uns douscentos metros ata que se chega a un cruzamento: a mámoa atópsas a uns 50 metros á esquerda.


-ANTA-DOLMEN DA MÁMOA Nº 1 DE COTOGRANDE

Foi escavada nos primeiros anos da década de 1990. Na devandita escavación descubriuse unha rara cámara megalítica que describe unha planta rectangular cunha gran lousa cuia función é servir de pedra lateral e tamén de pedra cobertora, á vez que estaba sostida por varios esteos de pequeno tamaño.




A mámoa na que se acocha esta anta acada uns vinte metros de diámetro e sobresae un metro e medio de altura. Estaba cuberta por unha potente e ben trabada coiraza de pedra.




Nas escavacións exhumouse un enxoval composto básicamente por láminas de sílex, puntas de frecha, machadas pulidas, aixolas, cerámica, etc.


-ANTA-DOLMEN DA MÁMOA Nº 2 DE COTOGRANDE.

Nas escavacións descubríronse os restos dunha cámara megalítica das do tipo poligonal simple. Só permanecía un dos esteos, de máis dun metro de altura, dos que posuía orixinalmente. A mámoa na que se acocha a anta mide uns vinte metros de diámetro e sobresae un metro e medio. Tamén hai restos dunha potente coiraza. 




De entre o enxoval destacan dúas puntas de frecha, un coitelo de sílex, dúas lascas de cuarcita e tamén varios restos cerámicos.





-ANTA-DOLMEN DA MÁMOA Nº 5  DE COTOGRANDE.

A cámara megalítica atopada durante as escavacións arqueolóxicas deixou á vista unha cámara das do tipo poligonal composta por sete esteos e unha pedra cobertora que mide dous metros de diámetro.




A mámoa acada os 25 ms de diámetro e sobresae uns dous metros. Tamén posúe restos da coiraza. En canto ao enxoval destacan dúas puntas de frecha, un cincel e varios anacos de cerámica.






Tanto as fotografías como a información xeral foron extraidas do libro-guía de Hidalgo Cuñarro et al, titulado "Cultura Megalítica en terras de Candeán, Cabral, Bembrive e Valadares". Ed. Museo Municipal Quiñones de León, Vigo 1999.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

xoves, 31 de maio de 2012

ANTA-DOLMEN DO MEIXOEIRO. San Cosme de Cela. Mos

ANTA-DOLMEN DO MEIXOEIRO. 


Debuxo de Ramón Boga Moscoso 

En realidade esta anta (así como outros moitos restos de varias antas ciscallados por aquí e acullá) atópase no interior dos terreos privados do Círculo Mercantil de Vigo e dicir, entrambos dous concellos.

Segundo Hidalgo Cuñarro, todos os esteos que se poden ver esparcidos nos terreos desta institución, son pedras pertencentes a varias antas que foron destruídas ao construir as edificacións, os campos de fútbol, etc.



Restos dunha anta no Círculo Mercantil de Vigo.
Foto de Hidalgo Cuñarro.

Considera que os restos máis importantes están uns á dereita da Anta do Meixoeiro, outros na esquina do aparcadoiro e outros máis detrás dos dous campos de fútbol. Este autor considera que os restos a carón dos mentados campos de fútbol son os máis importantes posto que en ambos os dous casos consérvanse sete chantos, número habitual ou moi corrente nunha mámoa completa.




A Anta de Meixoeiro foi trasladada fóra do seu lugar orixinal ao facer as obras do Mercantil, como se dicía máis enriba. Formou parte dunha importante necrópole que foi case totalmente destruida.



Estamos sen dúbida diante dun dos mellores exemplos do megalitismo da comarca de Vigo. Pertence á tipoloxía dos monumentos de cámara poligonal e corredor desenvolvido, orientado ao nordeste. Conserva sete esteos da cámara, cinco do corredor e unha poderosa pedra cobertora.

As medidas para o interior da cámara son as seguintes: tres metros e oitenta cms de lonxitude, dos que un metro noventa pertencen á cámara e o resto ao corredor. O esteo meirande da cámara acada un metro sesenta de altura e un metro e quince cms de ancho. A pedra cobertora, desde o eixo N-S mide pouco máis de tres metros e o eixo O-L, un metro e noventa cms. O grosor máximo acada un metro.

Conserva restos de pintura e gravados.



Anta do Meixoeiro no ano 1994. Por Ramón Boga.



OUTRAS VISTAS DA ANTA DO MEIXOEIRO:






En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

mércores, 30 de maio de 2012

ANTAS-DÓLMENES DA MADROA E CANDEÁN. Vigo. Antas de Chans dos Touciños, Antas da Costa da Freiría-Ferradouro, Anta do Monte Vixiador.

ANTAS-DÓLMENES DA MADROA E CANDEÁN.

Esta sobranceira necrópole atópase a unha altitude de 313 ms no barrio da Devesa, da parroquia de San Cristovo de Candeán. Ubícase nunha dorsal e está composta por catro mámoas.


ÍNDICE

1.-NECRÓPOLE DO CHAN DOS TOUCÑOS
    -Anta-dolmen nº 1
    -Anta-dolmen nº 2
    -Anta-dolmen nº 4

2.-NECRÓPOLE DA COSTA DA FREIRÍA-FERRADOURO
    -Anta-dolmen de Herminde
    -Anta-dolmen da Costa da Freiría nº 1
    -Anta-dolmen da Costa da Freiría nº 2
    -Anta-dolmen da Costa da Freiría nº 3

3.-ANTA-DOLMEN DO MONTE VIXIADOR

ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE DE CHAN DOS TOUCIÑOS, Candeán.

ANTA-DOLMEN nº 1

Para chegar debemos dirixirnos cara ao local da A.VV. deixando atrás a encrucillada que vai pola dereita ao Zoo. Cincuenta metros máis adiante hai outro cruzamento do que se colle  dirección á Protectora de Animais. Antes de chegar a ese cruzamento, nun monte de piñeiros e eucaliptos, atópanse as dúas mámoas, á dereita. Dicir tamén que están sinalizadas. O cemiterio está á beira.



Ramón Boga, 1993

A mámoa na que se insire mide ao redor de 16 por 18 ms nos seus eixes. A altura aproximada é de 1,5 ms. Atópase en bastante boas condicións a pesar das diversas alteracións.

Aprécianse algunhas pedras que poderían formar parte da estrutura tumular, así como a cámara con corredor. No corredor de entrada pódese ver un dos esteos da cuberta e outro chanto máis caído cara ao sul do funil de violación. A cámara é de tipo poligonal composta por cinco esteos e un pequeno corredor con dous esteors orientado ao leste. A altura máxima dos esteos é dun metro e trinta e cinco cms.

Esta pequena anta foi obxecto de varias escavacións furtivas.




Ramón Boga, 1993



ANTA-DOLMEN nº 2

Sitúase a uns trinta ms da anterior cara ao sudoeste, no mesmo piñeiral que a anterior, pero á beira da estrada. Tamén está bastante esnaquizada posto que foi escavada clandestinamente.



Ramón Boga, 1993


O túmulo mide 16  por 14 ms no seu eixo máis longo, e unha altura de ao redor dun metro e medio. Amosa un gran funil de violación.



Ramón Boga, 1993


En canto á cámara, quedou ao descuberto unha cámara poligonal con nove esteos e un corredor máis desenvolvido que o da anta anterior, conservando unha pequena pedra cobertora. Esta tampa acada os dous metros de longo e os setenta e cinco cms de ancho. O esteo máis grande da cámara ten, para a altura, un metro e setenta cms. 



Ramón Boga, 1993



Dicíase que conserva nove ortostatos da cámara: oito deles están fincados. Outros tres corresponden ao corredor. Aprécianse numerosas pedras espalladas que poderían formar parte da estrutura tumular.


ANTA-DOLMEN nº 4

Está parcialmente destruída pola construción do cemiterio, e  estaba formada por once esteos.




Hai uns anos que a Comunidade de Montes, en colaboración co Concello de Vigo, puxo en valor esta necrópole. Publicitouse en diversos foros e sinaláronse os principais elementos megalíticos, todo elo acompañado por unha senda peatonal.





ANTAS-DOLMENES DA NECRÓPOLE MEGALÍTICA DA COSTA DA FREIRÍA-FERRADOURO. 

ANTA-DOLMEN DE HERMINDE

Ao pasar Herminde, un pouquiño antes dunha casa illada á dereita, hai unha corredoira de monte á esquerda que vai sair á mesma estrada preto de medio quilómetro máis enriba, pouco antes de chegar ao Monte Vixiador.



Ramón Boga, 1993

Trátase dunha construción megalítica formada por unha mámoa pquena á que lle falta a parte superior, quedando ao descuberto unha sinxela cámara poligonal formada por sete esteos de moi pequeno tamaño. A mámoa acada 12 por 13 metros no eixo máis grande e atópase bastante arrasada. Na parte occidental está moi alterada debido ao paso dun camiño antigo. Consérvanse nove pequenos esteos da cámara que conforman unha planta poligonal.



Ramón Boga, 1993



ANTA-DOLMEN Nº 1 DA COSTA DA FREIRÍA. San Cristovo de Candeán

Polo mesmo camiño forestal, ou bordeando pola estrada que leva ao Monte Vixiador, cento cincoenta ms antes de chegar á estrada principal, seguindo unha ruta sinalada, vanse atopando ás mámoas desta necrópole.

A primeira vez que estiven nesta anta, estaba oculta por unha espesa vexetación de acacias e era moi dificil de atopar. Hoxe a anta foi escavada e restaurada e atópase moi fácilmente.



Fotografía da anta 1 no ano 1993, por Ramón Boga.

A mámoa na que se acocha a anta mmide ao redor de 16 ms de diámetro (N-S) e 16,5 no diámetro E/O, cunha altura aproximada de 1,80 ms. Estaba, antes da escavación arqueolóxica, bastante alterada polo lado do leste e amosaba un amplo funil de violación debido ás actuacións furtivas. Dentro acocha unha cámara con corredor que conserva 10 esteos, oito da cámara e dous do corredor.

Seguramente esta é unha das antas escavadas polo matrimonio Leisner nos anos 50.







ANTA-DOLMEN Nº 2 DA COSTA DA FREIRÍA

Esta pequena mámoa mide 10 ms no eixo N-S e 13,70 no eixo L-O, acadando unha altura de medio metro, aproximadamente. Da mámoa sobresaen varios esteos de moi pequeno tamaño.




ANTA-DOLMEN Nº 3 DA COSTA DA FREIRÍA

A mámoa na que se acocha esta pequena anta, mide 17 ms no eixo N-S e 17 ms no L-O, cunha altura aproximada dun metro. A mámoa está alterada polo leste. 

Ao redor desta estrutura tumular pódense observar varias pedras que probablemente pertenzan ao recubrimento tumular. En canto á estrutura arquitectónica da anta, confórmase a través de sete ortostatos dos cales tres están desprazados fóra do seu lugar orixinal.





ANTA-DOLMEN DA MÁMOA DO MONTE VIXIADOR. Candeán, Vigo

Atópase formando parte dunha necrópole composta de once mámoas ubicadas no alto do Monte Vixiador, nun curuto a 430 m.s.n.m., e foi escavada por Santiago Vázquez Collazo da empresa Tomos Conservación-Restauración S.L no ano 2007.

A mámoa acada unhas medidas máximas de entre 23 metros e medio por 25. Sobresae en altura ao redor de metro e medio. No centro aparecía un profundo funil de violación de máis de seis metros de diámetro e un metro de profundidade.



Fotografía de Santiago Vázquez Collazo, 2007


A cámara non ocupaba o centro da mámoa e só conservaba in situ dous esteos e outros dous fóra da súa posición orixinal. Puidose definir a tipoloxía da anta grazas ás improntas e á situación de dous esteos do corredor: así conseguiuse fixar a posición exacta de nove esteos, de xeito que se definiu unha cámara composta por nove esteos e catro mais nun corredor corto de dous tramos. Estamos así diante dunha cámara poligonal con corredor pouco desenvolvido e tamén pouco diferenciado en planta, pero si no alzado. Atinxe unha altura total de catro metros e a pedra da cabeceira mide 2,70 ms de lonxitude e 1,20 de longo.

Froito da escavación arqueolóxica exhumáronse 145 fragmentos de cerámica, 82 líticos e 55 obxectos metálicos.

Sen embargo un dos descubrimentos máis importantes consistiu nos restos de pintura, tanto pola calidade como pola cantidade conservada: trazos vermellos discontinuos e liñas ondulantes horizontais, sobre todo. Tamén apareceron, noutro esteo, gravados de liñas ondulantes verticais recubertos de pintura branca.

A mámoa foi finalmente retumulada. Só quedou á vista unha pequena parte do extremo superior de catro dos esteos da cámara.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA

Vázquez Collazo, S.: "Intervención arqueolóxica no túmulo do Monte Vixiador, Candeán, Vigo (Pontevedra)" Actuacións Arqueolóxicas. Ano 2007. Xunta de Galicia 2009.

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!