Amosando publicacións coa etiqueta Terra da Limia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra da Limia. Amosar todas as publicacións

mércores, 17 de outubro de 2012

ESTATUA-MENHIR DE VILAR DE SANTOS, OURENSE.

ESTATUA-MENHIR DE VILAR DE SANTOS. Ourense


A estatua-menhir de Vilar de Santos apareceu no mes de marzo de 1982 e formaba parte do muro dunha finca.

Trátase dun bloque de granito de sección oblonga e acada unha altura de 56 centímetros, 52 centímetros de fronte e 36 centímetros de cumprimento. O perímetro máximo é de 1,56 metros.

En canto á descrición, a parte superior desenvólvese por medio dunha prominencia redondeada que amosa unha oquedade nunha das súas caras, de xeito que semella a cabeza. Resáltase así o aspecto antropomorfo do cipo. Ademais, na parte inferior da devandita cabeza, sobresae unha escotadura duns 10 centímetros de altura que serve para afirmar a imaxe dunha figura humán cos brazoa pegados ao corpo.


Fotografía da páxina, www.mesarqourense.xunta.es


Oquedades no peito, unha incisión no pescozo..., e unha especie de machada no lateral, así como un rebaixe central que marca o remate dos brazos, contribúen a resaltar aquel máis que evidente aspecto antropomorfo.

Contan que as vacas, cando pasaban á beira da estatua-menhir, restergábanse cando estaban preñadas, cousa que presaxiaba un nacemento venturoso.

Todas as anteriores características, xunto co contexto arqueolóxico, levan a unha adscrición crono-culturral na Idade do Bronce.

Segundo Fábrega, un aspecto destacado das estatuas-menhir é a súa pervivencia: probablemente foron en principio menhires fálicos e, posteriormente, foron transformados en estatuas-menhir, de forma que se poden detectar dúas fases cronolóxicas ben diferenciadas.


BIBLIOGRAFÍA

Fábrega-Álvarez, Pastor; Fuente, Joao; González García, Francisco Javier, "Las sendas de la memoria. Sentido, espacio y reutilización de las estatuas-menhir en el NO de la Península Ibérica".

Pieza do mes. Setembro de 2002 PDF Museo Arqueológico Provincial de Ourense
www.musarqourense.xunta.es

venres, 25 de maio de 2012

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA ALTA. Xinzo de Limia.

PEDRAFITA-MENHIR A PEDRA ALTA.



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1993.

Como chegar: Para chegar, debemos partir de Xinzo de Limia con dirección a Allariz. Cando se levan ao redor de tres qms, hai que coller unha pista á esquerda á beira dunha fábrica areeira. Debemos coller despois a pista que está á esquerda da Cal Grande da Antela (antigo desaugadoiro romano) que queda entre a devandita pista e a areeira. Despois de percorrer cerca dos sete qms, hai que virar outra vez á esquerda e, a un qm aproximadamente, atópase ergueita a pedrafita.



Fotografía aérea dos anos 50 do século XX onde se aprecia o primitivo e orixinal emprazamento da pedrafita A Pedra Alta. Do libro "Antela. A memoria asolagada" d X. L. Martínez Caneiro. Edicións Xerais, 1997.

O mesmo que todas as "presuntas" pedrafitas galegas, é moi dificultosa a súa adscripción crono-cultural debido, sobre todo, a que non se atopa na súa ubicación orixinal e á falta doutros elementos arqueolóxicos asociados. Os habitantes da contorna da Lagoa Antela coñécena co nome de "anta" ou "antela". Tamén, o mesmo que con case todas as outras pedrafitas galegas, a Pedra Alta estivo a facer de marco de termo entre os concellos de Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sarreaus. 

En canto ás súas medidas, a altura máxima (tendo en conta que se atopa nun novo emprazamento) acada os tres metros e, no perímetro, os sesenta e cinco centímetros. A forma é tendente a circular aínda que da metade para abaixo tende a rectangular. Toda a superficie da pedrafita aparece perfectamente pulida e amosa un signo cruciforme.





Algunhas notas  histórico-arqueolóxicas e lexendarias.

É case imposible destacar algún dos elementos que xalonan esta comarca pola inxente cantidade e variedade de rotas, tanto artísticas e arqueolóxicas como ecolóxicas. Desde a Lagoa Antela, coas torres medievais de Sandiás e da Pena, o románico de Santo Estebo de Sandiás, a parroquial de Xinzo, Morgade ou a de Zos en Sarreaus, San Xoán de Vilar de Santos, importantes castros ata cuantiosos vestixios do paso dos romanos por estas vetustas terras: a vía XVIII de Antonino que unía Braga con Astorga, cos importantes restos de Aquis Querquennis na Baixa Limia ou a área dos Miliarios en Portela do Home...



Fotografías realizadas por Ramón Boga.

A Lagoa Antela, á parte de ser unha das lagoas senlleiras de Galicia, é famosa polos achados arqueolóxicos e polas lendas que perviven aínda hoxe no acervo popular. Dise que os cínifes que a poboan nos veráns calurosos son os enfeitizados cabaleiros do Rei Artús. A lenda clásica da Lagoa Estixia quizais influira no nome do "río do Olvido" que dan os xeógrafos romanos ao río Limia, que nace na Lagoa: segundo os antigos habitantes de Galicia, quen o cruzaba perdía a memoria. É interesante observar que a Lagoa está rodeada de castros e conserva escavado na terra o grandioso canle desaugadoiro que os romanos construiron para comezar a súa desecación.

A lenda máis extendida conta que na Lagoa permanece asolagada a cidade maravillosa de Antioquía, da que os altos torreóns aínda se poden ver cando o estío vén seco, sobre todo a través do Pozo da Meiga. A cidade foi asolagada por un castigo divino por non lle dar de xantar nin pousada a Cristo.Tamén se conta que puido ser por un castigo debido a que os seus habitantes adoraban ao galo. Tanto no San Xoán coma no Nadal pódense oir as campás das igrexas da cidade. Así mesmo, nos días con bo tempo albíscanse os galos e oese o seu canto para que os habitantes lembren os seus pecados.   Debaixo desta mítica cidade existe un pasadizo cheo de tesouros, comunicando os castelos da Pena e Sandiás.

Para concluir, é necesario reproducir as palabras de Martínez Carneiro extraidas do libro citado máis enriba. Poden server de recordatorio para moitos outros lugares da nosa xeografía:

"Na Veiga de Antela, a pesar da cristianización da mitoloxía da auga, a memoria colectiva estaba en pé. Sen embargo, foi ameazada de morte por aquelas institucións que secaron a Lagoa, e agoniza hoxe por causa destas que planifican e executan as concenracións parcelarias. Así, este progreso tecnocrático e desmedido, ó desruír os soportes simbólicos, ataca de raíz a identidade do pobo galego".



Debuxo de Ramón Boga Moscoso, 1995.


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!