Amosando publicacións coa etiqueta Terra da Fonsagrada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra da Fonsagrada. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de xullo de 2025

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO COUSO. Lugar O Foxo, San Miguel de Barcela. Negueira de Muñíz

ANTA-DOLMEN MÁMOA DO COUSO. 



"La filosofía es el arte de descubrir la verdad y trascender los límites de la realidad."

Giovanni Pico Della Mirandola



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Hai xa algúns anos, curioseando por aquí e por aló, atopei un pequeno artigo de Xabier Moure na páxina web Historia de Galicia. Era, e é, un pequeno artigo informando das súas andanzas co Colectivo Patrimonio dos Ancares, ao xeito dos exploradores do século XIX. Son contínuas as incursións e os descubrimentos de Moure e do Colectivo no mais "profundo" das altas serras galegas e no mais "alto" dos silenciosos vales do país, no mais espectacular da nosa terra: exploradores con causa, defensores e descubridores de novos elementos patrimoniais que pasan a engrosar e incrementar o noso inmenso legado arqueolóxico.



Fotografía de Xabier Moure.

No devandito artigo informaba da nova do descubrimento, no mes de outubro de 2019, dunha mámoa non catalogada e polo tanto inédita (perdoade a obviedade), no Concello de Negueira de Muñiz. A anta atópase, segundo a súas informacións, no Monte do Teso do Espiñeiro, entre os lugares-aldeas de O Foxo e do Vilar. Aséntase a uns seiscentos cincoenta metros de altitude e limita cun camiño primitivo, antiga vía de comunicación entre Vilar e Castelo.

A mámoa acada ao redor dos vinte metros de diámetro e case os dous metros de altura. O lugar do asentamento está completamente cuberto de monte baixo, sobre todo de xestas. A característica mais salientable da mámoa é que no seu interior eríxese unha construcción circular de case dous metros de diámetro e un metro de altura, construida a base de lousas de grandes dimensións.



Fotografía de Xabier Moure.

Segundo Moure, semella que a mámoa foi reutilizada para construir unha especie de chozo, feito pouco común nas mámoas galegas, aínda que non illado. Para o noso amigo, esa estrutura pétrea circular é un antigo chozo onde se recollían os pastores nas longas noites do inverno ou diante de fenómenos atmosféricos adversos, posto que nestas montesías paraxes practicábase a ancestral actividade pecuaria do pastoreo, sobre todo da especie caprina. Apoiase, para fundamentar esta hipótese, na constatación de que o lugar onde se asenta a mámoa denomínase "Couso" que, na zona, fai alusión a un depósito de pedra onde se gardaban os cereais, ou ben a un foxo para cazar alimañas... Por outra banda, tamén se pode identificar cos términos "arca" e "ucha", denominación, como sabemos, que cadra coas antas galegas.



Fotografía de Xabier Moure.

Abundando na boa nova deste descubrimento, a mámoa tamén ten lenda. É unha dos feitos polos que me chamou poderosamente a atención e que define esta mámoa dun xeito cualitativo e cuantitativo. O minucioso traballo de campo de Moure sempre arroxa resultados espectaculares, polo tanto. Parece ser que un veciño informente de Ouviñao, contoulle a existencia da mámoa e tamén, seguindo a ancestral costume dos galegos de contar contos ao calor da lareira, a lenda do Pozo Encantado.



Mapa de mapcarta.com

Cando este galego das Terras de Nogueira era un meniño, oiulle a un home de Vilauxín contar que debaixo da mámoa do Couso había un pozo negro, un pozo negro que estaba encantado, que tiña un encantamento. Parece ser, segundo o de Vilauxín, que deste profundo burato saía unha voz que chamaba á xente e aos animais e, cando se achegaban atraidos pola voz, remataban engulidos nas profundidades, desaparecendo para sempre. Por iso os veciños, diante deste tráxico fenómeno, decidiron construir un muro ao redor do pozo para que, incluso oindo a voz, niguén desaparecese dentro do pozo víctima de tan taimada chamada. 


CONCELLO DE NEGUEIRA DE MUÑIZ: NON VISITALO É UNHA NEGLIXENCIA

ALGUNHAS POUCAS IMAXES



Un recuncho de Negueira.
Fotografía: Concello de Negueira.



O río Navia.
Fotografía Concello de Negueira



Unha ruta.
Fotografía: visitarlugo.com


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!


ENLACES

https://historiadegalicia.gal/2019/10/a-mamoa-que-engulia-nas-suas-profundidades-aos-que-se-achegaban-a-ela/

https://patrimoniogalego.net/index.php/103287/2019/10/mamoa-do-couso/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/negueira-de-muniz/2019/10/28/atopan-unha-mamoa-negueira-muniz/00031572262073022407492.htm

https://patrimoniodenegueira.blogspot.com/2013/06/patrimonio-arqueoloxico.html

https://mapcarta.com/es/N10562951057

https://concellodenegueira.es/turismo/rio-navia/

https://concellodenegueira.es/municipio/

https://www.visitarlugo.com/fonsagrada/

mércores, 13 de xuño de 2012

ANTAS-DÓLMENES E PEDRAFITAS DA FONSAGRADA. Anta do Hospital, Anta da Casía da Arquela, Anta de Fereirrúas, Anta de Leitomil, Anta de Liñares de Bidul, Pedrafita de Pedrafitelas

ÍNDICE

1.-ANTA-DOLME DO HOSPITAL DE MONTOUTO
2.-ANTA-DOLMEN DA CASÍA DA ARQUELA
3.-ANTA-DOLMEN DE FEREIRRÚAS
4.-ANTA-DOLMEN DE LEITOMIL
5.-ANTA-DOLMEN DE LIÑARES DE BIDUL
6.-PEDRAFITA-MENHIR DE PEDRAFITELAS


ANTA-DOLMEN DO HOSPITAL. Hospital de Santiago de Montouto, Vieiro. 

Para chegar. Debemos coller unha pista á esquerda en Montouto, a nove quilómetros da Fonsagrada, pola estrada de Lugo. Hai que subir por un camiño moi empinado ata o alto do monte, onde hai unha capela moderna feita de pedra ao carón das ruínas do antigo hospital de peregrinos: a uns 50 ms, desde a ermida, xa podemos contemplar a anta.



 
Vista da anta, detrás das ruínas do Hospital,
no extremo da pradeira. Fotografía de 2010.




Planta segundo versión de Ramón Boga.


Forma parte dunha necrópole composta por cinco mámoas, todas elas vinculadas a un camiño primitivo. Das outras catro mámoas apenas quedan restos da súa estrutura arquitectónica megalítica.

A anta atópase no medio dunha mámoa que está prácticamente arrasada formando un conxunto coa cámara da que só se están a conservar catro esteos no seu lugar orixinal. Están na metade septenrional, e dicir, na zona que aínda permanece inculta, a monte baixo. O resto está adicado a pradeira e nesa zona non se conserva nada. Permanecen en pé catro esteos peno polas contornas hai algún outro tirado que poderían pertencer á estrutura arquitectónica. Do mesmo xeito acontece cun esteo de semellantes características que forma parte dun muro situado ao oeste das ruínas do Hospital. Tamén hai restos de pedras que poden pertencer a coiraza da mámoa.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

Da cámara, da que tan só consérvanse catro ortostatos, é moi difícil reconstruir a planta orixinal nin a adscrición tipolóxica dos restos. Aparentemente é probable que se trate dunha cámara poligonal de morfoloxía rectangular e gran monumentalidade.

Dos catro esteos que permanecen chantados o máis grande acada unha medidade de dous ms de alto, un espesor medio de 20 cms e un ancho máximo de 1,30 ms.


Debuxo de Ramón Boga Moscoso


OUTRAS ANTAS E PEDRAFITAS DA FONSAGRADA

Na espera de poder visitar de novo esa fermosa terra para poder visitar as antas que se sinalan a continuación, optei por dar a coñecer estes elementos con información que provén da bibliografía que cito ao final.


ANTA-DOLMEN DA CASÍA ARQUELA, Allonca-Allonquiña.

Tratábase, porque posiblemente xa non exista, dunha anta con cámara de forma poligonal con cinco esteos probablemente imbricados que sostían unha gran pedra cobertora que medía tres metros e vinte cms de longo e un metro e trinta cms de ancho. Sostíase sobre tres esteos da cámara. Os esteos sobresaían, o da esquerda un metro e sesenta cms, e o da dereita un metro e sesenta cms, cun ancho medio de oitenta e cinco cms.  O esteo que formaba a cabeceira (aínda que se descoñece a orientación) medía un medtro e medio de ancho e un metro e corenta cms de altura. 

A Anta Casía da Arquela
segundo debuxo de Monteserín no ano 1941.


Esta descrición débese a Vázquez Seixas, aínda que dela non queda nada, como  dí Enrique López Fernández no seu traballo "Megalitos y mámoas en el Ayuntamiento de Fonsagrada". Segundo este autor, actualmente só se conserva unha cámara baixo o nivel do chan, con restos de esteos truncados e algo así como unha parede delimitando o espazo interior; á beira hai unha pedra de pizarra que mide 1,50 ms de alto. Posúe ademáis aínda restos da mámoa. Conclúe que tamén tivo unha coroa de pedras fincadas ao redor da base da que quedan restos.



A Casía da Arquela segundo fotografía de Enrique López, 1992.

Vázquez Seijas recolle a lenda sobre a construción desta anta: parece ser que unha fermosa e xoven moura  subiu ao monte coa pedra cobertora na cabeza. A anta, segundo recolle Baños et al., foi en gran parte destruida por unha máquina escavadora fai algúns anos.



Tampa da anta Casía da Arquela,
segundo Enrique López no ano 1992.


ANTA-DOLMEN DE FEREIRRÚAS. A Fonsagrada.

Para chegar. Atópase á esquerda da estrada que, pola Tombeadoira, leva direción a Becerreá, no termo de Ferreirúas ou de Montefrío.



Fotografía Enríque López, 1992.

Segundo Enrique López, trátase dunha cámara poligonal totalmente inserida na mámoa. Consta estruturalmente de sete esteos (de pizarra e/ou cuarcita). O meirande deles acada un metro e medio e un pouco menos os demáis. Un dos ortostatos está roto na punta e á beira, fóra do seu lugar orixinal, aparece a pedra cobertora que mide 1,90 x 1,30 ms. A cámara acada son sentido N-S, un metro con cincuenta cms na base e noventa cms no alto. No eixo E-O: na base 1,60 ms e 1,30 arriba. Conclúe este investigador que dá a impresión que o corredor desenvólvese polo SE.




ANTA-DOLMEN DE LEITOMIL. A Fonsagrada

Trátase dunha necrópole composta de varias mámoas. Atópanse despois da aldea de Leitomil, á dereita e á esquerda da pista que, por Loureiro, sube da Veiga de Logares. Destribúense perdidas entre a maleza e ningunha delas ten cámara, escepto a cuarta.

Esta mámoa está bastante separada das demáis e atópase se nos internamos á dereita no monte. 

Estamos diante dunha mámoa que acocha no seu interior unha cámara megalítica ou anta con corredor.





Fotografías realizadas por Enrique López.


ANTA-DOLMEN DE LIÑARES DE BIDUL, A Fonsagrada.

Atópase no pastizal de Meñide, á dereita da estrada de Cabreira ao Vilar de Cuiña, no ángulo esquerdo.



Fotografía de Enrique López, 1992.

Trátase, segundo Enrique López, dunha cámara con planta poligonal tendente ao óvalo cunhas medidas que van do metro e corenta cms ata os noventa cms. Consérvanse catro esteos de cuarcita  polo N e polo L. O máis grande acada un metro e trinta cms de alto e o máis cativo non sobrepasa o metro e dez cms. Todos os esteos rematan en punta e teñen unha lixeira inclinación cara ao interior, apoiándose uns nos outros. Polo sur presenta unha pequena parede que descansa sobre unha gran pedra de setenta cms de longo; polo oeste amosa un pequeno oco sen esteos que puidera corresponder ao corredor.



Fotografía de Enrique López, 1992.

Posuía mámoa con pedras medianas na superficie. Parece ser que esta mámoa foi arrasada recentemente ao roturar as terras para pastizal. Dos esteos só se parecia a punta aflorando e do túmulo queda unha leve curvatura debuxándose na paisaxe.


PEDRAFITA DE PEDRAFITELAS. Hospital de Santiago de Montouto.

Cando a visitou Enrique López, esta pedrafita estaba tirada no chan e parcialmente mutilada. O seu lugar de emprazamento orixinal era nas proximidades do campo de mámoas preto do Hospital Vello do Camiño de Santiago, encima de Montouto.

Xabier Moure amosa unha nova fotografía e chámalle "Marco de Pedrafitelas ou Marco da Pena Labrada (O Padrón)". Parece ser que se erixe actualmente na entrada a Montouto e, ademáis de actuar como marco divisorio, indicaba o proximidade do Hospital de peregrinos. Eu diría que, si é prehistórico, anunciaba a necrópole megalítica. 

A pedrafita, segundo o noso amigo Moure, foi arrincada do seu emprazamento orixinal e ten unha altura aproximada duns dous metros e medio.



Pedrafita de Pedrafitelas. Fotografía
de Xabier Moure



BIBLIOGRAFÍA

Vázquez Seijas, M. "Monumentos megalíticos. A Casía da Arquela" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo. Tomo 1, nº 2. 1942

Vazquez Seijas, M. "Lugo en los tiempos prehistóricos" Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Lugo, 1943.

López Fernández, Enrique. "Megalitos y mámoas en el ayuntamiento de Fonsagrada"  Boletín do Museo Provincial de Lugo, 1992.

http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/


En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!