Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Ordes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Terra de Ordes. Amosar todas as publicacións

domingo, 3 de maio de 2026

PEDRAFITAS-MENHIRES PEDRAS CAMPAÍÑAS. Meirama, Cerceda.

PEDRAFITAS-MENHIRES AS PEDRAS CAMPAÍÑAS

"Toda la tierra está al alcance del sabio, ya que la patria de un alma elevada es el universo."

Demócrito de Abdera


Debuxo de Moncho Boga, 2026.

E voltei ás Pedras Campaíñas do Monte Xalo, como me empracei na entrada do 17 de abril. El voltei cos extraordinarios compañeiros de inquedanzas megaliteiras, etnográficas, históricas..., Lois Vilar  e Manuel Ruibal, ambos os dous exploradores da memoria. Grazas a eles o Monte Xalo xa non permanecerá en silencio a pesares de todas as desfeitas que se levan realizando impunemente nos últimos tempos.


Pedrafita Pedras Campaíñas 1. 
Fotografía de Moncho Boga.

Pois ben, as Pedras Campaíñas ubicadas nas prehistóricas terras do Monte Xalo, poden enmarcarse dentro da categoría que Almagro e Alonso Romero denominan "Penas Sonoras": son aquilas que teñen propiedades acústicas especiais cando son golpeadas cun obxecto metálico ou ben por causa do vento amplifican o seu son por todo o contorno. Estes sons amplificados son considerados pola sociedade tradicional galega como "sons máxicos, sobrenaturais". Por iso son clasificadas entre as "Penas Sacras", debido ás debanditas propiedades sobrenaturais.


Pedrafita  Pedra Campaíña 1. 
Fotografía de Moncho Boga.

Entre as penas sacras-sonoras, as mais abondosas no noso país, son as penas naturais, moi poucas artificiais teñen esta cualidade ou calificación. Por iso, dentro da materia que a min me interesa, teñen especial relevancia as pedrafitas ou penas artificiais con esta especial propiedade acústica. Xa falei da Pedra da Campana de Muros; agora tócalle a estas tres excepcionais pedrafitas sonoras que vou considerar como un conxunto, como formando parte dun todo hoxe desaparecido.


Pedrafita  Pedra Campaíña 1. 
Fotografía de Moncho Boga.

A pertinencia de consideralas en conxunto ben dada por varias circunstancias: non son nin foron nunca marcos de termo, atópanse moi preto entre elas, xalonan unha ruto probablemente prehistórica e participan da mesma natureza acústica. 


Pedrafita  Pedra Campaíña 1. 
Fotografía de Moncho Boga.

Efectivamente, as tres Pedrafitas Pedras Campaíñas atópanse chantadas nun camiño prehistórico, nunha suave pendente limitando o monte chamado Monte das Pedras Campaíñas. Segundo as informacións recollidas por Manuel Ruibal nas súas detectivescas andanzas e pacientes pescudas por estas impresionantes paraxes, os veciños entrevistados falaron de moitas mais pedrafitas hoxe desaparecidas: tanto este vello camiño como o camiño do Xalo estaban flanqueados por este tipo de marcos en ambas as dúas beiras. A suave curva na que están emprazadas as tres pedrafitas, que inopinadamente aínda sobreviven, así como as novas doutras mais circunvalando toda a especie de chaira que conforma o Monte das Pedras Campaíñas, fanme pensar nun gran Círculo Lítico, mais que nun aliñamento.


Pedrafita  Pedra Campaíña 2. 
Fotografía de Moncho Boga.

Manuel Ruibal recabou informacións de diversos veciños que lembraban cando petaban cos gabillos nas pedrafitas para facelas "cantar". Pero, tamén na mesma área do Monte das Pedras Campaíñas, recolleu a lenda da ubicua galiña cos pitos de ouro, lenda que se repite por toda a bisbarra. 


Pedrafita  Pedra Campaíña 2. 
Fotografía de Moncho Boga.

A Pedrafita Pedra Campaíña número 1 é a mais alta das tres que se están a conservar. Emprázase nun valo da corredoira, no linde dese ancestral camiño e co monte mais elevado. Amosa sección case triangular e a cara mais ancha que mira ao camiño atópase perfectamente regularizada e é lixeiramente abombada: mide, para o ancho (nese fronte) ao redor dun metro e vinte centímetros e sobresae case dous metros desde a rasante do camiño.


Pedrafita  Pedra Campaíña 2. 
Fotografía de Moncho Boga.

A Pedrafita Pedra Campaíña 2 tamén describe a sección lixeiramente triangular e a súa altura desde a rasante é un pouco menor que a da predafita 1. A Pedrafita 3 sobresae desde o cómaro un metro e corenta centímetros amosando unha fisonomía cónica coa superficie moi ben regularizada. Ningunha destas tres pedrafitas funcionaron como marcos de termo, como dicía mais enriba.



Pedrafita  Pedra Campaíña 2. 
Fotografía de Moncho Boga.

Si a hipótese do incerto gran Círculo Lítico poidese ser verificada, estaríamos diante dun lugar único dentro do universo megalítico galego: ao imitar o son das campanas ao seren golpeadas cun trebello metálico calquera , estas emitirían un son que se oiría desde lugares distantes, ao xeito das campanas das igrexas, e o seu significado sería recoñecible para quen soubese interpretar o seu código. Almagro e Alonso manteñen  a hipótese de que é posible que na Prehistoria poderíanse empregar estes sons non só para transmitir mensaxes aos vivos, senon que tamén estas mensaxes as poderían oir os deuses e os antepasados. 



Pedrafita  Pedra Campaíña 3. 
Fotografía de Moncho Boga.

A todo o impresionante conxunto de pedras con poderes máxicos de que está cuberta toda a superficie do Monte Xalo, hai que engadirlle as sobrenaturais propiedades musicais das Pedrafitas Pedras Campaíñas. Unha pequena diferenza entre a Penaquetanxe, dada a coñecer por Carlos Solla nas terras de Cerdido-Cotobade, é que esta é unha pena natural, un penedo que escorrenta tormentas, tronos, lóstregos... 



Pedrafita  Pedra Campaíña 3. 
Fotografía de Moncho Boga.

Pero é unha diferenza non tanto en canto á función (pois das nosas non a sabemos, non hai relato tradicional), da que poderían participar, senon en canto ao aspecto formal ou construtivo. 



Pedrafita  Pedra Campaíña 3. 
Fotografía de Moncho Boga.

Seguindo a Almagro e Alonso, coincido plenamente cando consideran que para entender mellor a linguaxe sonora das pedras sonoras que se espallan por todo o territorio galego, é necesario reconstruir a súa paisaxe sonora, a paisaxe sagrada de que forman parte.


Fonte considerada o nacemento do Río Anllóns.
Fotografía de Moncho Boga.

Dentro dunha posible tipoloxía das pedras sonoras, Feijoo Ares indica varios tipos en función de onde proceda o son a saber, debido ao aire, ao eco, por percusión cunha pedra, un pao ou un obxecto metálico, ou "por un ser lexendario que habita dentro da rocha". Neste senso Dolores de la Peña (seguindo a Alonso Romero, ver bibl) profundiza na grande probabilidade de que estas pedras, que emiten un son vibrante ao seren golpeadas, tamén fosen interpretadas como sínais de bo ou mal agorio. É interesante a súa consideración de que estes sons (resultado de prehistóricos cultos litolátricos) fosen cristianizados edificando campanarios ao identificar aquel son co dunha campá, para converterse no símbolo por antonomasia da nova relixión mesiánica.


Nun Altar Rupestre descuberto por Manuel Ruibal con pías naturais, canles, cazoliñas...
Foto de Lois Vilar Hermida.

Para rematar, debo, quero e é absolutamente necesario e indispensable destacar a inxente laboura de Lois Vilar Hermida e de Manuel Ruibal (entre outros) na tremenda laboura de recuperación dunha morea de lendas ao redor do Monte Xalo, considerando que cada vez que desaparece un conto dos nosos veciños, desaparece tamén unha importantísima parte da nosa indentidade, do noso pasado e da nosa historia.

EN SIGRÁS, NO MES DOS MAIOS, 2026
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


BIBLIOGRAFÍA, ENLACES E DEMAIS FAMILIA

SOLLA, Calros: "As pedras que saben de nós (e II): Escolma de penedos selleiros que, en Cerdedo, arrollan outras tantas redomas de saber popular." Nº 21. (2025) En https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=17&id=3227:

Lois Vilar: "O Monte Xalo. Patrimonio cultural e tradición oral dun monte máxico". Edita: Undodez Producións S.L. 2025.

Fernando Alonso Romero: "Cultos y creencias en torno a los megalitos del área atlántica europea". Ed. Andavira, 2012.

https://www.facebook.com/manuel.ruibalr/

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Campa%C3%AD%C3%B1as

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/circular-desde-bornalle-rio-rateira-muros-182064569

https://themurostimes.com/2015/02/27/pedra-das-cruces-do-campo-da-ermida/

Vicente Feijoo Ares: "Las motivaciones de los nombres de las piedras en Galicia. Cultos, ritos y leyendas." DOI: 10.2436/15.8040.01.116

Martín Almagro-Gorbea, Fernando Alonso Romero: "Peñas Sacras de Galicia". Fundación Monteagudo, Betanzos MMXXII.

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/rio-rateira-abelleira-174647428/photo-108953309

https://patrimoniogalego.net/index.php/62958/2014/08/pedra-das-cruces-do-campo-da-ermida/

https://historiadegalicia.gal/2017/12/as-pedras-maxicas-pedregal-de-esteiro-pequeno-pindo-de-galicia/

https://patrimoniogalego.net/index.php/781/2011/05/pedra-das-pias/

facebook_1776271612107_7450223127750355273

https://turismoculleredo.gal/es/project/monte-xalo/

https://historiadegalicia.gal/2021/05/un-parque-eolico-esnaquizara-penaquetanxe-a-rocha-que-esconxura-tormentas-e-nubeiros/

venres, 17 de abril de 2026

PEDRAFITA-MENHIR AS PEDRAS CAMPAÍÑAS. San Román das Encrobas, Cerceda.

PEDRAFITA-MENHIR AS PEDRAS  CAMPAÍÑAS

"La guerra es una masacre entre gentes que no se conocen, para provecho de gentes que sí se conocen pero que no se masacran." 
Paul Valéry



Debuxo de Moncho Boga, 2026.


E, unha vez mais (espero que non sexa a última) retorno ao Monte Xalo, monte mítico-máxico onde os haia, monte falador, monte chairo, monte repleto de penas que falan, de penas adiviñadoras, fecundadoras, escorregadoras..., monte de mámoas, de menhires, de castelos..., monte de fadas, de meigas, de mouras e mouros, de nacemento de ríos, de brañas. Un monte, en definitiva, que domina coa súa maxestuosa siluteta os mais amplos horizontes físicos e míticos.

Pois ben, aquí no Monte Xalo, no término municipal de Cerceda, no mais alto, moi preto da Pedrafita do Caroliño, eríxense, aínda erguidas, as Pedrafitas Pedras Campaíñas. Outra pedra sagrada, sacra, unha pedra sonora, pero unha pedra artificial, unha pedra megalítica probablemente, unha pedra da que aínda se poden percibir os ecos do seu milenario son.


Fotografía de Manuel Ruibal, facebook.

Dicía na anterior entrada que para min (aínda que todas as pedras teñen interese) a especial curiosidade que suscitan estes novos elementos é que son "artificiais", non son as rochas naturais faladoiras, do Cadro, da Laxe Borrateira..., tan abondosas no noso país. Estas posibles pedrafitas (moitas delas funcionaron como marcos de término) son tamén sagradas pola sua especial cualidade de emitir un son.  Son penas faladoiro-musicais que denotan un extraordinario feito "falando unha linguaxe musical" e dicir, aquel instante ancestral cando se produce a identificación dos sons físicos cos sons "míticos".


O Petón, Monte Xalo. Foto Concello de Culleredo.

Cando intitulo esta entrada como "As Pedras Campaíñas" é porque se trata de varios fitos nas terras do monte Xalo, ben coñecidas por Lois Vilar Hermida e por Manuel Rial, entre algúns outros e outras. Algúns consideran que as catro que forman o conxunto de pedrafitas cantadoras, faladoras, campaíñas en fin, forman un aliñamento. Si este feito de materializa ou se concreta, estaríamos diante dun caso prácticamente único en Galicia.

Por iso, co compromiso de Lois Vilar e posiblemente co de Manuel Ruibal, estou á espera de ir visitar este especial emprazamento e, a partir de aí, xerar outra nova entrada para relatar as imprevisibles sorpresas que nos deparará ese sacro territorio. Será en breve.

En Sigrás, un venres de abril de 2026
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES SUXESTIVOS

SOLLA, Calros: "As pedras que saben de nós (e II): Escolma de penedos selleiros que, en Cerdedo, arrollan outras tantas redomas de saber popular." Nº 21. (2025) En https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=17&id=3227:

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/circular-desde-bornalle-rio-rateira-muros-182064569

https://themurostimes.com/2015/02/27/pedra-das-cruces-do-campo-da-ermida/

Vicente Feijoo Ares: "Las motivaciones de los nombres de las piedras en Galicia. Cultos, ritos y leyendas." DOI: 10.2436/15.8040.01.116

Martín Almagro-Gorbea, Fernando Alonso Romero: "Peñas Sacras de Galicia". Fundación Monteagudo, Betanzos MMXXII.

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/rio-rateira-abelleira-174647428/photo-108953309

https://patrimoniogalego.net/index.php/62958/2014/08/pedra-das-cruces-do-campo-da-ermida/

https://historiadegalicia.gal/2017/12/as-pedras-maxicas-pedregal-de-esteiro-pequeno-pindo-de-galicia/

https://patrimoniogalego.net/index.php/781/2011/05/pedra-das-pias/

facebook_1776271612107_7450223127750355273

https://turismoculleredo.gal/es/project/monte-xalo/

mércores, 10 de xaneiro de 2024

UNHA INCURSIÓN MEGALÍTICA

OS PREVIOS

"Todos los hombres tienen naturalmente el deseo de saber. El placer que nos causan las percepciones de nuestros sentidos es una prueba de esta verdad. Nos agradan por si mismas, independientemente de su utilidad, sobre todo las de la vista".

ARISTÓTELES: "Metafísica", Libro I, cap., 1.


O mesmo día xoves, 7 de novembro de 2023, ese mesmo día, no que as comportas do ceo se abriron para acompañarnos durante toda a xornada, o meu amigo e arqueólogo Fidel Méndez e eu, ben equipados cuns poucos bártulos, saímos cara a un mundo que, aínda que nos parece moi e ben coñecido, é, pola contra,  moito mais, mal e ben descoñecido.

Ademais de ir  escudriñar dous especímens novos para min (Pedrafita do Caroliño e Anta da Pedra Embarrada) aproveitamos para visitar outros tres megálitos antigos, xa moitas veces revisitados: a Pedra Moura de Aldemunde, a Casa da Moura de Cabaleiros e a pedrafita Marco da Anta. A verdade é que foi un día completo que acompañamos dun copioso xantar: a fermosa xornada pedía churrasco e churrasco lle dimos, e churrasco xantamos.


ANTA-DOLMEN A CASA DA MOURA. TORDOIA.

Despois da visita á Pedrafita-menhir do Caroliño, collimos a antiga estrada Ponte do Porco-Muros e achegámonos ao dolmen de Cabaleiros: atópase case coma sempre, si non temos en conta os achaques da idade. Estamos sen dúbida diante dun dos grandes reclamos turísticos do Concello de Tordoia. 



Anta-dolmen Casa da Moura.
Debuxo de Ramón Boga, 1992.

A anta probablemente está no mesmo estado de conservación, en apariencia, que cando a visitamos por vez primeira nos primeiros anos da década de 1990, si exceptuamos a tala dos piñeiros que a rodeaban. Esta masa arbórea que a estaba a cubrir, moi fermosa, non facía mais que poñer en perigo a estrutura tumular do monumento. Tamén cambiou a fotografía: unhas edificacións da outra beira da estrada impiden unha vista limpa da anta.



Anta-dolmen de Cabaleiros. Foto Moncho Boga, 1991

Como sabedes estamos diante dun dos grandes fitos do megalitismo galego, propiedade pública (Deputación de A Coruña).  Este é un lugar excelente para recordar as orixes míticas da Casa da Moura: como indica o seu nome, esta "casa" foi edificada por una Moura que levaba, voando, a pedra na cabeza mentres ao mesmo tempo tecía. A Moura de Cabaleiros, que probablemente era moi fermosa e tiña os cabelos louros, é o trasunto mítico, máxico e tráxico da muller galega que podía e pode con todo. Pois ben, a nosa fantástica moura deixou caer a pedra e así erixiu este paradigmático dolmen, habitado desde entón polos nosos mais extraordinarios antepasados e seguro que coetáneos (porque sei de certo que aínda están a vivir aí), mouras e mouros.



Anta-dolmen Casa da Moura.
Fotografía de Moncho Boga, 2023



Anta-dolmen Casa da Moura, 1993
Debuxo de Moncho Boga.


ANTA-DOLMEN  PEDRA MOURA DE ALDEMUNDE. CARBALLO.

E, posto que estabamos moi preto, decidimos achegarnos ata Aldemunde, no limítrofe Concello de Carballo, para contemplar outro dos agarimosos exemplares do noso megalitismo. A Pedra Moura entrará a formar parte do Parque do Megalitismo da Costa da Morte e, en datas próximas, vai ser obxecto dunha intervención arqueolóxica. A Deputación Provincial xa está a mover os fíos para que tanto a anta como o terreno pasen a formar parte do patrimonio público.



Anta Pedra Moura de Aldemunde.
Foto de Moncho Boga, 1991
   

Como vimos dicindo, denomínase Pedra da Moura e está a conservar sete esteos chantados, dos que cinco pertencen á cámara (poligonal) e dous ao corredor. Arrimada a un dos chantos atópase o que queda da pedra cobertora fóra do seu sitio orixinal. Desde os anos noventa do século XX semella que non estivo a sufrir ningunha alteración significativa; a mellora é sustancial en canto á limpeza e cuidado da anta, sen resto algún de vexetación.



Anta-dolmen Pedra Moura.
Fotografía de Moncho Boga, 2023

A Pedra Moura tamén ten lenda: aínda podemos entreoir os lonxanos ecos da Moura que o construiu, xa sabedes, carrexou os esteos e a tampa na súa cabeza ao mesmo tempo que fiaba cunha roca e, por si fora pouco, dáballe de mamar a un meniño. Outra vez a nosa Moura que exemplifica de xeito soberbio os quefaceres da muller tradicional galega.



Pedra Moura de Aldemunde, 1993.
Debuxo de Ramón Boga

PEDRAFITA-MENHIR O MARCO DA ANTA. LARACHA.

Xa postos na noite madrugadora do inverno, coa persistente e terca choiva, decidimos subir ata a pedrafita do Marco da Anta, na parroquia de Erboedo, Concello de Laracha. Fai de marco de termo entre ese concello e o de Arteixo. Tamén e coñecida polos nomes de Pedra do Guicho, Pedra do Carallo e Marco do Ramallal.

A primeira vez que que oín falar (leín) desta pedrafita foi a través da lonxana e profunda voz de don Luis Monteagudo. A primeira vez que fun ver esta esbelta pedrafita foi na compaña dun alumno nativo de Larín na década de 1990, que me guiou. Subimos por un cortalumes e a contorna do menhir estaba completamente cuberta de toxos, xestas, fentos e eucaliptos; era pouco coñecido e, antes de achegarme alí, contaba con que xa non existira. Equivoqueime. Posteriormente foi catalogado pola arqueóloga, vixía mítica de terras arteixáns e larachenses, Puri Soto.




Pedrafita-menhir Marco da Anta
Foto Moncho Boga, 1998

Pois ben, aquel 7 de novembro voltei ao Marco da Anta: maila que era pola tardiña, a noite negra cerniase amenazante sobre as nosas cabezas. Unha noite desabrida. Deixamos o automóbil no inicio da corredoira, onde hai un panel indicativo-ilustrativo da pedrafita, e procedimos a andar; andivemos e subimos, subimos, subimos na noite oscura coa luz dos móbiles, na noite coa auga por todos os currunchos (arriba, abaixo e de lado), coa auga entre nós e con nós: unha boa compaña a auga, que se convirte en lama, auga e lama, auga, lama e costa. Na noite: e chegamos arriba, ao cume, solar da Pedrafita do Carallo.



Pedrafita-menhir O Marco da Anta
Fotografía de Moncho Boga, 2023

E alí estaba a Pedrafita de Monteagudo, catalogada por Puri Soto. Alí estaba impertérrita, sola, na noite non estrelada. En fín, entre eucaliptos, alí estaba na noite, facía frío e era de noite, e chovía. Actualmente apreciase que é un lugar moi visitado, non hai rastro de toxos nin xestas na contorna mais inmediata e únicamente os ubicuos eucaliptos seguen a acompañar esta maxestuosa pedrafita. 

Para rematar, unha consideración arqueotoponímica de Dolores González de la Peña no seu estupendo blogue "arqueotoponimia", que reflexiona sobre o topónimo "carallo" aplicado a esta pedrafita:


"El menhir conocido como Pedra do Carallo, situado en Santa Locaia de Arteixo, es un clarísimo ejemplo gráfico de que la denominación anatómica que reciben los genitales masculinos, carallo y testículos, se ha tomado del campo semántico del megalitismo, en concreto de los dos términos que designan los elementos que forman el hito demarcatorio, el quadrum y sus testis, en virtud de un símil formal. Por lo que no resulta desencaminada la hipótesis tradicional que considera que este tipo de megalitos fueron considerados símbolos fálicos".


Saúde e sorte.

En Sigrás, no post-nadal de 2024.


https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=Marco+da+Anta

mércores, 27 de decembro de 2023

PEDRAFITA-MENHIR DO CAROLIÑO. Monte Xalo, Santo André de Meirama (Cerceda)

PEDRAFITA-MENHIR DO CAROLIÑO.

"As pedras mais grandes non poden quedar ben asentadas sin contar coas mais pequenas". Platón

"Nunca chegas á verdade total, nin estás nunca totalmente lonxe dela". Aristóteles

O mesmo arrepiante día 7 de novembro (ver entrada da Anta-dolmen de Pedra Embarrada), o mesmo día no que os lóstregos amenazaban cun segundo Diluvio, ese mesmo día (xoves), no que o ceo semellaba caer nas nosas cabezas, ese día (o mesmo) no que as inclemencias metereolóxicas nos animaban a seguir camiñando, subindo costas, saltando montes, sempre cantando... Pois ben, ese mesmo día chegamos a Meirama e, ben equipados co XPS, procedimos do seguinte xeito: deixamos o automóbil no comenzo dunha corredoira extremadamente costaneira, chea de fochancas e regos que semellaban a fervenza do Ézaro, e contemplamos asustados a amenazante costa, pola que pouco logo casi deixamos os pulmóns, as pernas e as almas. A costa metía medo.



Debuxo de Moncho Boga, 2023

Pero seguimos adiante, con ánimos renovados, con osadía, grazas ao espectacular día que gustaba de animarnos coas encarnizadas ráfagas de vento, coa choiva que nos perseguía virulenta para envolvernos, liarnos e vapulearnos: chuzos de punta caían do ceo. Nesas estupendas condicións, chegamos. Unha milagre eso do XPS e tamén eso do goretex...

Desde a parroquia de Santiago de Sigrás, na que vivo, na que nacín e na que estiven a cumplir con rigor todos os ritos de paso, tanto os que son como os que non (bautizo, comuñón, voda, divorcio, monaguillo, fútbol, escola nacional, comisión de festas, asociación de veciños, fillos...) vexo, desde sempre e supoño que para sempre, a poderosa mole do Monte Xalo: a silueta do bispo tumbado e o cráter inexistente da dereita, que debuxan unha liña inquebrantable dentro do meu imaxinario particular. Trátase dunha fotografía irrepetible, simbólica, máxica e, por iso, absolutamente real. Desde a adolescencia temén era un lugar ao que ir, ao que sempre se volta, no que estar, no que ser: primeiro en bicicleta, algunhas veces en moto, logo en automóbil, pero nunca andando. Un lugar sorprendente no que pasabamos longas tardes estivais, primaverais, outonais e incluso invernais, onde iamos a ver a neve, onde apañabamos cogumelos co meu inesquecible irmán, onde pasamos algunha noite de festa. Un mundo onde case sempre vai frio...



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

Desde este extremo do Val de Veiga, onde o río do Gaiteiro (Valiñas) pasa a engrosar o canle do río Mero; desde estas antigas terras, País de Nendos (bosque sagrado), o Monte Xalo estivo e estará sempre voluminoso e impertérrito, altivo, orgulloso, inefable, formando parte das nosas vidas, como un pétreo xigante silencioso, como unha fronteira do mais alá...

O Monte Xalo é, sen dúbida, unha montaña máxica, sagrada, repleta de lendas, de pedras que falan, de pedras sanadoras, de pedras mouras, de pedras adiviñadoras, pedras mouchas, pedras cantadoras, pedras galleiras. Aquí nacen os ríos Anllóns e Valiñas, aquí albiscamos valores ecolóxicos, arqueolóxicos, etnográficos; evidencias de torres altomedievais, gravuras rupestres e restos megalíticos. 



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

As terras altas do Monte Xalo son, desde tempos pretéritos, montes veciñais ou de man común, e os comuneiros están hoxe empeñados en salvagardar os seus valores ecolóxicos, histórico-arqueolóxicos e etnográficos. Hai, ademais,  extraordinarios, incansables e teimudos persoeiros como Lois Vilar Hermida, Manuel Ruibal e David Chas entroutros, que realizan continuos descubrimentos e poñen en valor sen descanso este antigo monte. Efectivamente, cada pedra, cada manancial, cada leira ou braña teñen o seu nome; e tamén falan si se sabe escoitar. Aí van uns cantos alcumes: As Picudas, a Pedra do Vello, a Pedra do Sombreiro, a Pedra dos Corvos, a Igrexa dos Mouros, a  Porta do Inferno, a Pedra do Rastro, a Pedra Gallada, a Pedra do Tesouro, a Pedra da Cadea de Ouro, a Fonte das Meigas, o Castelo de Veiga, a Pena Mazagacha, etc, etc, etc.

Pois ben, nunha penechaira no extremo deste sorprendente paraxe, na parroquia de Santo André de Meirama (Concello de Cerceda), nunha planicie pouco antes do cambio de vertente, que vai caendo case a chumbo cara ao Val das Encrobas e desde onde podemos otear a lagoa artificial resultante do remate da mina de lignitos, no Monte Caroliño, lindeiro coa parroquia de San Román das Encrobas atópase, escondido entre milenarios penedos cheos  das cicatrices dos canteiros, acostada no límite dun eucaliptal, a Pedrafita do Caroliño: tumbada, amosando as súas feridas, pero acompañada doutro pequeno esteo que parece abrazala, sostela pola base, agarimosa.

       


Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023
                                                                                                                                  A espléndida Pedrafita do Caroliño describe sección cadrangular amosando catro caras pero coas arestas moi redondeadas: a sensación é a dun poderoso cilindro que vai diminuindo paulatinamente ata a croa para debuxar unha clara imaxe fusiforme. Chega  a unha lonxitude duns 4 metros (cm. arriba, cm. abaixo) e a anchura máxima das tres caras á vista non excede os 50 centímetros. Finalmente estreitase pouco a pouco, aínda que a parte central da cara da fronte vaise abombando suavemente para, a continuación, ir diminuindo ata chegar a unha especie de escotadura, onde se marca o inicio da parte mais esbelta e estreita, que mide uns 30 centímetros de ancho. O que considero lle outorga carácter megalítico a esta poderosa mole é talvez unha xeira de ringleiras ou acanaladuras que adornan unha das caras á vista: están feitas a xeito de sucos en diagonal na parte mais cercana á croa e dúas mais paralelas que cubren case toda a superficie, colocadas regularmente. Sen facer un rastrexo en profundidade, probablemente hai entre 6 e 10 ringleiras.



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

Todas as caras aparecen ben puidas, traballadas, regularizadas, cun aspecto que pode recordar a algún dos ídolos atopados en varios dolmenes galegos, coa escotadura na parte superior: moitos foron considerados como representación do "glande" amosando un nítido aspecto fálico. O significado simbólico inmediantamente aboca a un vencellamento coa fecundidade.

Aínda que en Galicia os especialistas consideraron tradicionalmente que as cazoliñas ou coviñas constituían o único criterio para fundamentar a adscrición crono-cultural das pedrafitas a épocas prehistóricas, desde aquí mantemos que a existencia de cazoliñas non pode ser o único criterio para a devandita adscrición. Maila que na pedrafita do Caroliño as coviñas non se albiscan á vista, consideramos que as acanaladuras, de clara e distinta factura artificial, constitúen un motivo de poderosa suficiencia, definitivo si acaso, para incorporala ao corpus cada vez mais extenso das pedrafitas galegas. Con todo, mais abaixo aportarei outros argumentos para soster esta hipótese.



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023. Fidel Méndez detrás.

Apoiada no que seguramente é a base do Caroliño aparece outro esteo que mide ao redor dun metro e medio de lonxitude. Trátase dunha pedra moito mais tosca pero que semella de factura artificial: mide 65 cms de ancho na base, 60 na parte media e 33 na parte final ou croa. A simple vista non amosa gravura algunha pero, a pesar diso,  non desgoto a posibilidade de que se trate doutra pedrafita, tendo en conta o contexto. Exemplos de pedrafitas  xuntas, colocadas unha preto da outra, hai documentadas dúas en Galicia: a Pedrafita de Cristal (parece ser que á súa beira había unha outra pequena pedrafita) e  a documentada por Antonio de la Peña González no século XIX quen daba conta de dúas pedrafitas situadas no camiño de peregrinación a Pastoriza e que posteriormente foron destruidas por unha canteira. 

Como estaba a expor antes, a existencia de cazoliñas non pode ser o único criterio para decidir a adscrición dunha pedrafita ao neolítico: é necesario ter en conta toda outra xeira de criterios e/ou regularidades a saber, a orografía, a toponimia, a etnografía, as rutas de tránsito, o contexto tumular, a existencia de gravuras e a forma. 



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

Efectivamente, a Pedrafita do Caroliño atópase, como estaba a dicir antes, nunha suave penechaira, á beira de rutas de tránsito primitivas, moi preto dunha necrópole megalítica, ten un aspecto xeral eminentemente fálico e é probable que tivese unha función liminar. Abundando neste eido, a presenza na área inmediata de varias mámoas, de marcos de término (pedra Campaíña) e de petroglifos delimitadores (podomorfo, cazoliña e cruces -ver o enlace co blogue arqueotoponimia) son sinais indiscutibles que nos levan a considerar a adscrición do Caroliño a época megalítica. E dicir, a existencia do lindeiro, como delimitador espacial neses emprazamentos, nos que as pautas son semellantes e coincidentes cos dos túmulos, sendo aínda hoxe en día límites parroquiais, son e deben ser criterios que poden e deben axudar a imaxinar a súa antigüidade, a súa  adscrición, así como a entender un pouco mais un mundo, unha época que xa non é e que xamais voltará a ser.



Fotografía de Moncho Boga, novembro de 2023

Para rematar, seguindo as inesperadas e fecundas contribucións de Dolores González de la Peña, no seu blogue arqueotoponimia, vou a incorporar unha análise moi atractiva e produtiva. Considera que esta zona do Monte Caroliño atópase rodeada dun complexo toponímico que abonda na devandita adscrición crono-cultural: as Brañas do Torreiro, o Rego das Lamas Maiores, o Coto das Arcas, as Pedras Campaíñas e a Pena Negra. Ademais, sostén  que a base etimolóxica de "caroliño" procede do latino "quadram" que ven a nomear un marco, unha pedrafita ou menhir, "por estar o esteo traballado nas súas catro caras". Por iso conclúe que a pedrafita que nos ocupa non só é megalítica senon que probablemente motivou o orónimo para referirse ao  pequeno outeiro no que se empraza (Monte Caroliño).

Para finalizar, unha consideración, un pensamento moitas veces repetido: as pedrafitas, noutrora sistemáticamente esquecidas, xa entraron con personalidade propia a formar parte insoslaiable das variadas manifestacións do megalitismo galego. Neste senso a Pedrafita do Caroliño ben a supoñer un paso cualitativo de extraordinaria importancia no conxunto das nosas pedrafitas.

A pedrafita-menhir do Caroliño foi descuberta por Manuel Ruibal.


Saúde, sorte e libros!!!
En Sigrás, no Nadal de 2023.


PARA SABER BASTANTE MAIS:

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=O+Caroli%C3%B1o

Victoria Villoch Vázquez: "Un nuevo Menhir en Cristal". Rev. Gallaecia 1998.

Ramón Boga Moscoso: "Dolmenes de Galicia". Ed. Baía, 1996.

Alberte Alonso Fernández: "O uso das pedrafitas no Neolítico galego. Estudo das Pedrafitas de Observación Astronómica e das Pedrafitas Fálicas". Monografías da Sociedade Antropolóxica Galega, Nº 1. SAGA 2014.

Marcos Martinón Torres: "Los megalitos de término. Crónica del valor territorial de los munumentos megalíticos a partir de las fuentes escritas". Trabajos de Prehistoria, 2010.

https://catalogaciondepedrafitasdegalicia.blogspot.com/

https://www.barciaxalo.gal/2023/08/blog-post_8.html


COORDENADAS

43.2152013,-8.436104,17





martes, 19 de marzo de 2013

PEDRAFITA-MENHIR EN MÁMOAS. San Pedro de Ardemil, Ordes

PEDRAFITA-MENHIR EN MÁMOAS.

O lugar de Mámoas é un pequeno rueiro da parroquia ordense de Ardemil e está composto por catro ou cinco casas. Os veciños deste pequeno lugar non acordan nin saben de ningún elemento megalítico que poidera dar lugar a ese significativo topónimo.



Fotografía de Ramón Boga Moscoso

O lugar de Mámoas está enclavado en pleno Camiño Inglés ou de Faro, rota xacobea que une A Coruña con Santiago: todo este antigo roteiro está vencellado a túmulos megalíticos, castros, arquitectura tradicional e culta...

Pois ben, o único que recorda o seu pasado prehistórico é unha pequena pedrafita que se ergue pouco mais dun metro fronte a unha casa tradicional. Seguramente fixo, ao longo dos tempos, de piar do alpendre que flanqueaba a devandita casa.

Non sei si esta pedrafita é megalítica; sen embargo trátase do único elemento que recorda ese pasado prehistórico do período neolítico.


Fotografía de Ramón Boga Moscoso

En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!

sábado, 1 de setembro de 2012

ANTA-DOLMEN DE AIAZO (Frades), MEDORRA DO COTO DO LOBO (Marzoa-Oroso) E MÁMOA DO COTO DE SAN NICOLAO (Frades)

ANTA-DOLMEN DE AIAZO E MEDORRA DO COTO DO LOBO.

-Anta de Aiazo. Frades

Trátase dun exemplo estupendo (non por elo menos dramático) de expoliación do noso patrimonio. Grazas aos esforzos de Manolo Pazos e á Asociación Obradoiro da Historia de Ordes, puiden coñecer o que queda desta que fora grandiosa anta.




A historia é ben simple: despois da nova organización espacial feita na zona pola Parcelaria (destrución de corredoiras, tala de bosques centenarios...) unha máquina escavadora achanzou a zona destruindo a gran mámoa na que se acochaban seis enormes esteos que constituían a cámara megalítica.

A denuncia da Asociación Obradoiro da Historia non puido conseguir máis que os grandes esteos permanecesen tirados no arredor dos terrenos nos que se asentaba.




Por iso hoxe en día podemos imaxinar unha anta de enormes dimensións que fora coñecida co nome de Peneda de Guntín: seis esteos atópanse espallados á beira da pista. O máis grande deles acada case cinco metros de longo, co que se pode comparar en dimensións aos grandes esteos que compoñen Dombate.



Fotografías realizadas por Ramón Boga Moscoso no ano 1996
.


-Medorra do Coto do Lobo. 

Atópase no lugar de Recouso, parroquia de San Martiño de Marzoa, concello de Oroso.

Aínda que non conserva restos de cámara megalítica á vista,  non puiden evitar a tentación de engadir esta mámoa polo que supón  de carar á conservación do Patrimonio, sendo un exemplo do interese dalgunhas entidades veciñais a favor da defensa do devandito patrimonio.


Fotografía do Xornal La Voz de Galicia

Efectivamente, a Asociación de Veciños da parroquia de Marzoa, en colaboración con Manolo Pazos, acondicionou e puxo en valor a mámoa. Trátase sen dúbida dunha iniciativa de extraordinaria importancia para a conservación do patrimonio a partir do ámbito humano inmediato. O acondicionamento realizouse baixo a supervisión de técnicos de Patrimonio da Xunta de Galicia: procedeuse á delimitación, limpeza e desbroce dos terrenos onde se ubica a mámoa. Sobre a superficie tumular sementouse herba.

A Asociación veciñas de Marzoa solicitou que no proceso da concentración parcelaria os terrenos da Mámoa do Coto do Lobo sexan calificados como masa común, protexida e aberta ao disfrute público.


-Mámoa do Coto de San Nicolao. Frades

Noticia e fotografía extraída do Xornal La Voz de Galicia sobre a destrución do patrimonio no Concello de Frades. En concreto trátase da destrución por maquinaria pesada de gran parte dunha mámoa coñecida co nome de Coto de San Nicolao.

Outra vez os membros da Asociación Obradoiro da Historia denunciaron publicamente este enésimo atentado contra o patrimonio arqueolóxio.



Fotografía do Xornal La Voz de Galicia



En Sigrás, saúde, sorte e libros!!!