miércoles, 25 de junio de 2025

PEDRAFITA-MENHIR CRUZ DE GAIÁN. Santa María de Soexo, Vilalba.

PEDRAFITA-MENHIR CRUZ DE GAIÁN.

SOSPEITOSOS HABITUAIS XIII

"Vale más una tierra con árboles en los montes que un Estado con oro en los bancos..."

Alfonso R. Castelao


Debuxo de Moncho Boga, 2025.

A parroquia de Santa María de Soexo, onde se ubica o lugar de Gaián, pertence ao Concello de Vilalba. Ao norte linda coas parroquias de Alba e Belesar e polo sur unha parte da parroquia pertence ao Concello de Guitiriz. Atópase a uns quince quilómetros de Vilalba.



Google maps

Para chegar ao lugar de Gaián recomendo partir da estrada N-634 desde Baamonde e coller un desvío á esquerda onde hai unha sinal que dirixe a Casas Novas: hai que cruzar por debaixo da Autoestrada e seguir por unha estreita estrada flanqueada de carballos e extensas pradeiras. Débese seguir a dirección que sinala Soexo e chégase dereitamente a Gaián.



Fotografía de Óscar Franco, patrimoniogalego.net

Como vos podedes decatar, hoxe vou dar un salto, unha saída imprevista diante de dous elementos novos para mín (o outro é a Cruz de Gracia) que me fan pensar noutros vierios de investigación e de interpretación encol das pedrafitas galegas. A verdade é que non son opinións novedosas,  pero si que son reveladoras de horizontes que estaban aletargados e imprecisos. Tanto Castelao como Cuevillas avanzaron esta hipótese que non foi moi desenvolvida posteriormente...
Vou voltar, xa que logo, ás terras de Vilalba, á histórica bisbarra de Terra Cha, esa ben caracterizada comarca galega oculta no corazón da provincia de Lugo. Terras linaxudas, terras de suave orografía, terras altas, agarimosas.



Fotografía de Óscar Franco, patrimoniogalego.net

E nestas terras, terras fronteirizas co Concello de Guitiriz, tamén da Terra Cha, aí, perdida nun curruncho da parroquia de Soexo, nun lugar chamado Gaián, atópase este erecto e estilizado esteo de granito que amosa ben ás claras unha total similitude coa Cruz de Gaián. Neste caso, ademais, conserva a cruz de ferro alanceolada coa que  foi cristianizada a pedrafita, sempre considerando a veracidade da hipótese. 

Atópase nun cruzamento de camiños, nun lugar propio cando se trata de sinalizadores de rutas históricas, talvez prehistóricas. Para min é outro claro exemplo de cristianización dunha pedrafita-menhir, un nidio expoñente da conversión das pedrafitas en cruceiros para acompañar a aquel que camiña tamén polos roteiros da vida. Elemento que cuida os camiños, como as hermae ou os mercurios romanos, elementos que acompañan, que defenden, que protexen, similar aos lares viales que tanto abondan na xeografía arqueolóxica romanizada en Galicia. 



Lugar de Gaián, google maps.

Reaproveitamento..., e dicir, as pedrafitas non desapareceron do territorio galego, as pedrafitas persisten teimudas con gritos de silencio milenario, con outras funcións ou semellantes, pero siguen aí, impertérritas, vigorosas, altivas, silentes. Neste caso, como no da Cruz de Gracia, non estamos diante dun caso de sustitución dunha pedrafita por un cruceiro, senon no feito expeditivo de cristanización directa dunha pedrafita chantándolle directamente unha cruz na croa, na cima.

En definitiva outro sospeitoso habitual na nosa listaxe de pedrafita-menhires que siguen a aparecer na ampla xeografía megalítica galega. Por suposto, esta hipótese será repudiada sen contemplacións no momento no que se manifeste a data exacta da colocación mais ou menos actual desta de momento prehistórica e sospeitosa pedrafita. Á espera de poder visitar estas curiosas e extrañas monimentos megalíticos (casos ben únicos polo rebaixe para colocar a cruz) e analizalas polo miudo, deixarei en suspenso o xuizo e seguirán a ser tremendamente sospeitosas.


En Sigrás, no San Xoán de 2025.

Saúde, sorte e libros!!!


ENLACE

https://patrimoniogalego.net/index.php/112009/2021/11/cruz-de-gaian/

viernes, 20 de junio de 2025

PEDRAFITA-MENHIR CRUZ DE GRACIA. Santa María de Tardade, Vilalba.

PEDRAFITA-MENHIR CRUZ DE GRACIA.

SOSPEITOSOS HABITUAIS XII.

"Porque encender velas junto a las piedras y a los  árboles y a las fuentes y en las encrucijadas, ¿qué otra cosa es sino culto al diablo? Observar la adivinación y los agüeros, así como los días de los ídolos, ¿qué otra cosa es sino culto al diablo?."

San Martiño de Dumio, "De Correctione Rusticorum".



Debuxo do anverso da Cruz de Gracia.
Moncho Boga, 2024.



Debuxo do reverso da Cruz de Gracia.
Moncho Boga, 2024.

A insospeitada pedrafita-menhir-cruceiro de Gracia ubícase nun cruzamento nos arredores do lugar Cruz de Gracia, pertencente á parroquia vilalbesa de  Tardade. Trátase dun gran esteo de granito chantado no chan. Ao seu carón sae unha corredoira primitiva flanqueada de carballos e, aos seus pés, unha poderosa pedra de granito tirada no chan. Un pouco mais preto da estrada asfaltada, eríxese un fito chantado moito mais pequeno e de diferente feitura. En fronte, do outro lado da estrada, dúas fermosas casas tradicionais, unha delas en estado ruinoso e a  outra ben restaurada: aprécianse todos os elementos adxetivos que caracterizan unha casa tradicional galega. 

Para chegar: desde A Capela da Ascensión, por unha pequena estrada que leva á parroquial de Santa María de Tardade, a pouco mais de trescentos metros, atópase a nosa sospeitosa pedrafita.



Fotografía de Óscar Franco, en partimoniogalego.net

Mantiña Castelao, no seu monumental traballo "As Cruces de Pedra na Galiza", que os megálitos bretóns e os británicos talvez non existan en Galiza; sen embargo, matizaba pouco logo, que é probable que antigamente existiran, e tamén consideraba necesario falar deles posto que a gran abundancia de "cruces outas"  que motean os países celtas "proveñen do menhir" e tamén teñen a súa orixe no chamado culto ás pedras ou litolátrico.



Fotografía de Óscar Franco.

Conta Castelao que os peregrinos xacobitas usaron as estradas romanas e deduce que os miliarios serviron de soporte ás primerias cruces. Sinala varios miliarios cristianizados que semellan padróns coroados por cruces que amosan a feitura do "lech" bretón (megalito hemiesférico ou oblongo empregado cunha finalidade ritual ou conmemorativa). O prototipo, segundo Castelao, pode ser a pedrafita cristianizaza das Portillas, idéntica a moitas pedrafitas da Bretaña francesa, da que falaremos nunha vindeira entrada.



Fotografía de Óscar Franco, facebook.

Estamos nun caso extraordinario, como hai outros moitos, dentro da ampla tipoloxía de pedrafitas que van aparecendo pouco a pouco en Galiza. Castelao estaría abraiado: na súa época simplemente non existían porque non se vían, non se miraban ou non se atopaban. O egrexio sabio de Rianxo consideraba que os menhires foran sustituidos polos milleiros de cruceiros que xalonan a xeografía galega e, sobre todo, os camiños. Os cruceiros en principio serían como sinais de direción, logo de proteción e, por último, elementos representativos da devoción popular.



Fotografía de Óscar Franco, facebook.

Sen embargo non é este o lugar onde me propoño analizar si a cuestión dos cruceiros é ou non un sustituto das pedrafitas, mais, sin que sirva de regla, semella que nalgúns casos podemos atopar reaproveitamentos, a utilización de vellas pedrafitas como elementos cristianizados a xeito de cruceiros. Poucos casos pero significativamente paradigmáticos que, por suposto, non constitúen unha regla (como dícía antes) no infinito universo das pedrafitas galegas.Trátase de dous vetustos esteos de granito pizarroso ergueitos en terras de Vilalba.



Fotografía de Óscar Franco, facebook.

Unha suxerente liña de investigación proposta por Dolores González de la Peña no seu blogue arqueotoponimia sinala  que en Galicia non houbo unha sustitución dos "mercurios" ou postes sinalizadores nos camiños por cruces, senon que houbo unha continuidade dun elemento prerromano cruciforme ata que finalmente foi adoptado polo cristianismo e dicir, Cristo no seu papel de pastor, de guía, ben podía sustituir aos lares viais romanos. A chave da interpretación atópase nos rituais relacionados con elas: acender velas nas encrucilladas, deixar moreas de pedras, elaborar conxuros, enterrar aos nenos que nacían sen bautizar, realizar ritos curativos de enfermidades tradicionais...



Fotografía de Óscar Franco, facebook.

Sexa como sexa, hoxe en día sabemos que as pedrafitas en Galicia non desapareceron, sempre estiveron aí: ou ben físicamente, agachadas entre o bosque remoto, ou ben a súa presenza podíase explicar pola pegada invisible da súa ausencia. Cruces, penedos, culto aos lares viales, sinalizadores de camiños, de necrópoles, presenza de lendas, de culto as pedras, símbolos fálicos, observatorios astronómicos, marcos de término, reutilización en antas, reutilización en construcións adxetivas tradicionais, marcadores de mananciais... As pedrafitas sempre estiveron aí, aquí, mimetizadas no espazo-tempo, reutilizadas tamén como cruceiros, como símbolos que a sociedade tradicional galega sempre soubo recoñecer. Cambio de tempos, de usos, pero similar importancia, sacralidade e omnipresencia.



Fotografía extraída de Google Maps.

A Cruz de Gracia, ubicada na parroquia de Santa María de Tardade, no lugar do seu mesmo nome, é un bloque de pedra moi estilizado que amosa na croa un un perfecto rebaixe rectangular feito para colocar unha cruz de ferro ou de madeira. Un posible exemplo de reutilización das pedrafitas que xalonaron os nosos camiños prehistóricos. Un sospeitoso habitual mais dentro do acervo pedrafiteiro galego.


En Sigrás, chegando ao verán do ano 2025.

Saúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES


Afonso R. Castelao: "As cruces de pedra na Galiza" Ed. Akal.

https://arqueotoponimia.blogspot.com/search?q=menhires

https://www.academia.edu/32335741/Mart%C3%ADn_de_Braga_De_Correctione_Rusticorum_574_1

https://www.facebook.com/groups/CruceirosGalicia/posts/1856591354524332/

http://patrimoniogalego.net/index.php/112013/2021/11/cruz-de-gracia/?

fbclid=IwY2xjawLAtEZleHRuA2FlbQIxMAABHtF1niC6cz17BHBvuQcnh14sn22BmhfTj8jEsCuaBZrNlbf00xn-QLIbpHOX_aem_CRKyG-dmmTurjN0oC1sVvw

martes, 17 de junio de 2025

ANTA-DOLMEN DE BORRAXEIROS, NECRÓPOLE DAS DEVESIÑAS. San Cristovo de Borraxeiros, Agolada.

ANTA-DOLMEN DE BORRAXEIROS

"Algunos libros deben ser probados, otros son para ser tragados y algunos son para ser masticados y digeridos."

Francis Bacon

 


 Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Hoxe volto ás extraordinarias Terras de Agolada, esas terras que me siguen atraendo coma un imán. Unha viaxe marabillosa, malia que só sexa coa imaxinación e, por suposto, con internet. Unha viaxe marabillosa ás dezanas terras de Agolada: desde Melide, xa sabedes, transitamos pola AC-840 e logo de cruzar a Ponte do Arcediago, que salva as augas do río Ulla, xa entramos na provincia de Pontevedra pola estrada PO-840. Un fermoso tramo ata a capital municipal.



Fotografía de 
https://www.wikiloc.com/outdoor-trails/
necropole-das-devesinas-15922205

Agolada é un concello que xa se constitúe nunha das principais estacións megalíticas de Galicia, tanto pola cantidade de antas e dolmenes como pola súa calidade. Hoxe imos incrementar a cantidade e a calidade cun novo exemplar que se atopou no ano 2016 na parroquia de Borraxeiros.

Pois ben, nalgún lugar da parroquia de San Cristovo de Borraxeiros, atópase a anta do mesmo nome, dada a coñecer polo lalinense García Alén, como dicía antes, no ano 2016. A min chegoume por unha nova no xornal La Voz de Galicia. 



Fotografía de García Alén, de Patrimonio Galego.net

En efecto, a anta, ata ese momento, non estaba catalogada e, por suposto, era un elemento megalítico descoñecido tanto pola comunidade megaliteira como polas autoridades encargadas de velar pola integridade, conservación e catalogación destes grandes monumentos.

A Anta, segundo relataba García Alén na nova do xornal, forma parte dunha necrópole que quedou ao descuberto cando se procedeu ao desbroce dun piñeiral. O lugar de emprazamento desta pequena necrópole coñécese co nome de As Devesiñas e está nós lindeiros entre os concellos de Agolada e Antas de Ulla. Componse de tres mámoas e están, entre a primeira e a terceira, a unha distancia duns cen metros. O seu descubridor destaca unha delas, a situada mais ao sur, polas súas dimensións, posto que acada os vinteseis metros de diámetro e está a conservar dous chantos da cámara megalítica así como outra enorme lousa tirada no chan que mide mais de dous metros e medio. 


Fotografía megaliticia.blogspot.com


A uns corenta e cinco metros ao suroeste, aparece a segunda mámoa que mide dezaoito metros de diámetro moi esnaquizadaa e con evidencias dunha violación para extraer os chantos da cámara: debido a esto, a altura non sobrepasa o metro. A terceira mámoa atópase a menos de corenta metros da anterior e amosa unhas medidas semellantes.

 

Fotografía megaliticia.blogspot.com

Entre estas dúas mámoas, que non conservan á vista ningún resto da cámara, pódense observar diversos esteos que probablemente formasen parte das súas estruturas arquitectónicas. Nas fotografías que  puidemos contemplar, podense albiscar os restos da coiraza pétrea.



EN BORRAXEIROS HAI MAIS

Xa que estamos nesta fermosa parroquia, e por non achegármonos ás Mámoas do Acedo, imos recomendar dous recursos histórico-artísticos que é necesario visitar baixo calquera punto de vista a saber, o Castelo-Pazo de Borraxeiros e a igrexa de San Cristovo do mesmo nome.


Igrexa de San Cristovo de Borraxeiros. 

De orixe románico do século XII con reformas posteriores. Aínda así conserva a porta occidental que se desenvolve a través de dúas arquivoltas con catro columnas acodilladas nas xambas, que rematan con capiteis labrados con motivos xeométricos e vexetais. 



Portada occidental da Igrexa de San Cristovo de Borraxeiros
Foto: Concello de Agolada.

As arquivoltas, no extremo mais alonxado, coroan cunha moldura axedrezada e logo deistribúense a través de mediascanas e boceis, nos que se insiren bolas equidistantes. O tímpano, bordeado con arquiños de ferradura cegos, e unha cruz grega no centro xeométrico.

Fortaleza-pazo de Borraxeiros.

Nunha descrición do século XVIII descríbense as poderosas murallas ameadas, as pedras armeiras dos Salgado así como, cara ao oeste, a cimentación dunha torre; cara ao leste un foxo e un contrafoxo cheos de auga.  Hoxe en día a fisonomía do que fora unha poderosa fortaleza medieval, adoptou a imaxe dunha residencia pacega señorial.
 


Fotaleza-pazo de Borraxeiros.
Fotografía: www.paxinasgalegas.es

A fortaleza, antes da súa restauración-reconstrución, posuía poderosas murallas ameadas, torre da homenaxe así como foxo  e contrafoxo. O primitivo castelo figura na relación dos derrubados polos Irmandiños feita polo licenciado Molina. En definitiva, unha extraordinaria construción ubicada nunha tamén extraordinaria ubicación. É necesario visitala sen mais ningún tipo de disculpa.


En Sigrás, nun día chuvioso e húmido de 2025.
Saúde, sorte e libros!!!


COUSAS MOI INTERESANTES

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2016/10/20/roza-dejo-descubierto-necropolis-borraxeiros/0003_201610D20C4993.htm

lhttps://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/lalin/2016/10/20/roza-dejo-descubierto-necropolis-borraxeiros/0003_201610D20C4993.htm

https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/pazo-de-borraxeiros-agolada-17947.html

https://www.wikiloc.com/outdoor-trails/necropole-das-devesinas-15922205

https://megaliticia.blogspot.com/2017/05/dolmenes-pontevedra.html

https://patrimoniogalego.net/index.php/89989/2016/10/necropole-da-devesina/