ANTA-DOLMEN DE SAN ROQUE OU DO PRADO DA FONTE.
"No puedes descender dos veces al mismo río, ni tocar dos veces una substancia mortal en el mismo estado, sino que por el rápido fluir y reaparecer se dispersa y se reúne de nuevo, viene y se va."
HERÁCLITO DE ÉFESO. Frases y fragmentos.
Anta-dolmen de San Roque. Debuxo de Ramón Boga, 2024. |
Hai xa moitos anos que non volvo á Terra Cha por motivos megaliteiros: e moito menos ao Concello de Xermade. Xa vai un tendo necesidade vital de voltar...
A tamén denominada "Chaira Luguesa", malia que topográficamente se caracteriza pola planicie e a orografía suave, tanto as zonas periféricas do norte como as do sueste, son montesías e agrestes.
Trátase sen dúbida dunha das comarcas galegas mais diferenciadas e peculiares, tanto pola configuración xeográfica como polas características do chan, do clima, da produtividade gandeira, etc.
Ofrece por iso o aspecto xeral dunha basta penechaira ondeada, xulgada xeolóxicamente como un amplo anaco da principal superficie de erosión de Galicia.
Non amosa uns límites precisos pero, pouco mais ou menos, abrangue os concellos de Guitiriz, Begonte, Outeiro de Rei, Rábade, Vilalba, Xermade, Abadín, A Pastoriza e Cospeito.
A Anta-Dolmen de San Roque atópase na parroquia de San Andrés de Lousada, concello de Xermade. Para chegar hai que coller a estrada que leva desde esa parroquia cara a Roupar e está situada no lugar de Abeleira, nunha propiedade denominada Prado da Fonte.
Trátase dunha gran necrópole formada por dezasete mámoas, das cales tres foron escavadas por Fermín Bouza Brey no ano 1972.
A estrutura arquitectónica describe cámara megalítica con corredor orientado ao sueste e acada unha lonxitude total de catro metros e setenta centímetros. En canto á planta, atinxe unhas dimensións aproximadas dun metro e quince centímetros por dous metros con setenta centímetros. A mámoa na que se insire tén un diámetro máximo de 26 metros e unha altura que non pasa do metro e sesenta centímetros.
![]() |
Sección da Anta de San Roque a partir de Pombo e Rego, 1989-90. |
Os esteos que conforman a cámara son de xisto, o tipo de pedra que abonda na área onde se asenta. Non parece haber predilección por algún tipo de rocha determinado. Na necrópole de Lousada as canteiras, que poideron servir como lugar de onde extraer a materia prima, están a unha distancia que oscila entre os douscentos e os quinientos metros, o cual facilitoulles as labouras de transporte.
Tanto esta anta como todas as da necrópole de Lousada aséntanse en terras que tradicionalmente se adicaron ás rozas e o cultivo predominante era o toxo. Unha das constantes na elección dos emprazamentos concrétase nas penechairas, evitando as pendentes acusadas. Outra das constantes é a elección á beira dos camiños antigos, reais, prehistóricos: camiños vellos. Por iso un dos factores, ou se cadra criterios, do emprazamento das mámoas, sería a súa proximidade aos camiños. É interesante considerar que en xeral habería unha relación dos defuntos cos camiñantes vivos ou ben a consideración do valor apotropaico destes senlleiros monumentos.
![]() |
Debuxo segundo as escavacións de Bouza Brey (1973). Moncho Boga, 1993. |
Etnográficamente esta é unha terra na que as lendas da mourindade abondan e describen os afáns e as inquedanzas dos galegos: os mouros/as son o trasunto imaxinario do que somos nós. Entre outras moitas lendas, considérase que as mámoas foron construidas polos mouros, deixando tras eles minas de ouro. O motivo polo que estas míticas e máxicas xentes se fosen foi debido a unha tremenda invasión pola que, na súa precipitada fuxida, deixaron os tesouros tapados no interior das mámoas, das medoñas, das medorras, das modias..., que son diversos nomes para unha mesma realidade arqueolóxica.
En Sigrás, cando un día chuvioso non é un día frío, 2024.
Saúde, sorte e libros!!!
PARA SABER MOITO, MOITO MAIS...
http://megalitos.arqueoloxico.com/
https://megaliticia.blogspot.com/2015/11/anta-de-san-roque-2.html
Fermín Bouza Brey, Xosé Carro Otero, Carlos García Martínez: "Excavaciones en túmulos dolménicos en San Andrés de Lousada (Lugo)." Noticiario arqueológico hispánico. Prehistoria, nº 2. 1973.
Xosé A. Pombo Mosquera; Mª Luisa Rego Álvarez: "O Megalitismo nas Terras de Vilalba (Lugo)" Brigantium, Boletín do museo arqueolóxico e histórico de A Coruña. 1989-90.
Corral: ''Aplicación de un modelo para el estudio económico y social del megalitismo en el Noroeste peninsular: el conjunto megalítico de San Andrés de Lousada (Lugo)''. Brigantium 6. A Coruña 1990
Vilaseco Vázquez, X.I.: Referencia: ''Datos sobre a presencia de estructuras de acceso en túmulos megalíticos da provincia de Lugo''. Boletín do Museo Provincial de Lugo (VIII, pp125-156). Lugo 1998
Fábregas Valcarce, R.: "Referencia: ''Megalitismo del noroeste de la península Ibérica: tipología y secuencia de los materiales líticos''. Aula Abierta 58. UNED. Madrid 1992
X.I Vilaseco Vázquez. "As escavacións arqueolóxicas en monumentos tumulares de Galicia: 1965-1998. Cuestións Metodolóxicas e Bibliométricas". Departamento de Historia I. Universidade de Santiago de Compostela.
Vilaseco Vázquez, X.I.: Referencia: ''Datos sobre a presencia de estructuras de acceso en túmulos megalíticos da provincia de Lugo''. Boletín do Museo Provincial de Lugo (VIII, pp125-156). Lugo 1998
Fábregas Valcarce, R.: "Referencia: ''Megalitismo del noroeste de la península Ibérica: tipología y secuencia de los materiales líticos''. Aula Abierta 58. UNED. Madrid 1992