Páginas

sábado, 27 de xuño de 2026

ANTA-DOLMEN 3 DA NECRÓPOLE DA CHAN DA CRUZ. Santo Estevo de Negros, Redondela.

ANTA-DOLMEN 3 DA NECRÓPOLE DA CHAN DA CRUZ

RUTA MEGALÍTICA DA CHAN DA CRUZ, MONTE PENIDE-MIRALLO


"La violencia no es solo matar a otro. Hay violencia cuando usamos una palabra denigrante, cuando hacemos gestos para despreciar a otra persona, cuando obedecemos porque hay miedo. La violencia es mucho más sutil, mucho más profunda."

Jiddu Krishnamurti



Debuxo versión por Moncho Boga.

Como veño relatando, a Ruta que propoño aquí é tan só unha pequena parte da gran necrópole denominada oficialmente "Conxunto Tumular da Chan da Cruz, Chan da Pedra do Couto ou Chan das Formigas". O monte onde se atopa forma parte do Monte Comunal da Comunidade de Montes Veciñal en Man Común de Negros.


Situación da Anta 3. Google maps.

Estou agora diante dunha das mámoas catalogada no inventario de patrimonio co número 22 e cuxa clave de identificación é GA 36045051. Na prospeción sistemática que realizaron no ano 1980 Hidalgo Cuñarro e Costas Goberna aparece co número 26. Segundo a numeración plasmada e publicada polo grupo de Arqueoloxía Alfredo Alén, aparece co número 31.


Planta da Anta 3 a partir de Vázquez Collazo.

Para chegar, vale a mésma descrición do itinerario da entrada anterior a saber, no último cruzamento, sería convinte coller á dereita e, a pouco menos de trescentos metros (na beira dereita da estrada), ubícase a mámoa: atópase pouco antes da Mámoa do Rei, case de fronte, a uns vintecinco metros.



Vista xeral da Anta 3.
Foto de Xosé Couñago,
montepenide.wordpress.com .

O seu emprazamento ubícase nunha ampla chaira (a orientación é ao suleste do Pico de San Vicente) rodeada dun espeso monte de pinos e algúns eucaliptos, así como un frondoso monte baixo composto sobre todo de fieitos, toxos e silvas. Malia iso, aínda quedan algunhas zonas con especies autóctonas. Nos últimos tempos,  a partires do ano 2024, os piñeiros que inzaban a mámoa e a súa contorna inmediata, foron talados, deixando á vista a estrutura tumular e os diversos esteos que a conformaron.


Os posibles esteos da cámara in situ.
Foto megaliticiablogspot.com

Ademais da afección forestal,  polo oeste da mámoa abriuse unha pista que afectou ao perímetro da mámoa e a conseguinte perda de masa tumular.  Na área do leste transcorre un camiño primitivo que mide ao redor de tres metros de ancho e pouco mais de sesenta centímetros de fondo: este camiño corta a mámoa de norte a sul. Si todo esto non fose suficiente, outro burato practicado na zona do norte tamén foi o causante doutra boa perda da súa masa tumular. No centro, o posible e consabido funil de violación, non moi acusado debido á colmatación,  mide case catro metros de diámetro. Aí sobresaen dúas pedras de granito fincadas que probablemente estean in situ e formen parte da estrutura arquitectónica da anta.


Posibles esteos da cámara ciscallados ns superficie da mámoa.
Fotografía megaliticiablogspot.com

Na zona do norte aparecen outros esteos tirados que teñen grandes dimensións e que probablemente formasen tamén parte da cámara: o meirande mide case dous metros de alto por  metro e medio así como uns vinte centímetros de groso. A pouquiña distancia aparece outro esteo tirado á beira dunha árbore e, lindando coa pista, aparecen dous esteos moi grandes que miden cada un case dous metros de alto e ata o metro e medio de ancho.


Outra vista da Anta 3. Fotografía megaliticiablogspot.com

Como se pode colexir, a mámoa atópase moi esnaquizada, co seu funil de violación, alteracións graves debido a diversos desmonttes e acumulación de terras. Malia todo iso, a mámoa aínda se pode medir: acada case quince metros de diámetro no eixo norte-sul, case os catorce no eixo leste-oeste así coma un metro para a altura. 


Un dos enormes chantos tirado na superficie da mámoa.
Fotografía Xosé Couñago, 
montepenide.wordpress.com.

Pola superficie da mámoa aparecen ciscallados varios esteos, tanto na croa coma nas abas: posiblemente son os restos que quedan dos chantos da anta. Moi preto, cara ao leste, aparecen diversos afroramentos rochosos con pegadas moi evidentes de extración da pedra coa que se construiu a anta.

Na área da violación, na croa da mámoa, aparecen chantados (como dicía) dous esteos da cámara: o meirande sobresae uns setenta centímetros  e o mais cativo non chega ao medio metro.


Outra vista do mesmo esteo. Fotografía megaliticiablogspot.com

En definitiva, estamos diante dun caso mais no que tanto os furtivos como as administracións fixeron caso omiso ás cautelas necesarias á hora de desenvolver diversas actividades na contorna inmediata. Supoñemos que a partires de agora, coa creación da ruta e a colaboura da sociedade civil coas autoridades e as Comunidades de Montes, esta situación de olvido, esquecemento e destrución, serán cousas do pasado.



EN SIGRÁS, NO MES MÁXICO POR EXCELENCIA, 2026.
SAÚDE, SORTE E LIBROS!!!

BIBLIOGRAFÍA E ENLACES VARIOS

https://megaliticia.blogspot.com/2025/12/Necropole-Monte-Penide.html

José Manuel Hidalgo Cuñarro e Fernando Javier Costas Goberna, “El gran conjunto megalítico de Monte Penide, Redondela-Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXIV, 1980

Cayetano Mergelina, “Notas sobre arqueología gallega. Las mámoas de Chan da Pedra do Couto y de San Colmado.” Boletín del Seminario de Arte y Arqueología, Tomo 4,1º., curso de 1935-36. Valladolid, 1936.

Patiño Gómez, R.: “La necrópolis megalítica de Monte Penide – Vixiador”. Traballos de Arqueoloxía, 1992. Publicación do grupo de arqueoloxía Alfredo García Alén.

Filgueira Valverde y García Alén, “Inventario de monumentos megalíticos de la provincia de Pontevedra.” El Museo de Pontevedra, XXXI. Pontevedra 1977.

R. Fábregas Valcarce, X. Carballo Arceo y V. Villoch Vázquez. Petroglifos y Asentamientos: El caso de Monte Penide (Redondela Pontevedra).

Antonio Martínez Cortizas, Ramón Fábregas Valcarce, Susana Franco Maside. Evolución del paisaje y actividad humana en el área de Monte Penide (Redondela Pontevedra).

Ramón Boga Moscoso, “Guía de dólmenes de Galicia.” Bahía 1997.

Baños Rodríguez et al, “Antas e pedraditas de Galicia.” Asociación de Amigos do Museu Arqueolóxico A Coruña, 1996.

https://montepenide.wordpress.com/

https://oestrymnio.blogspot.com/2013/03/monte-penide-necropolis-megalitica-y.html

https://gl.wikiloc.com/rutas-outdoor/mamoa-inedita-1-das-pedras-do-picos-cabeiro-o-vixiador-2633234

https://web.archive.org/web/20140111003856/http://www.acitania.com/Visita_Guiada_MontePenide-ACITANIA.pdf

https://turismoriasbaixas.com/es/search/museo-virtual-monte-penide-prehistorico

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-tumulos-de-monte-penide-monte-mirallo-redondela-45986051

https://www.galiciamaxica.eu/galicia/mirador-de-coto-fenteira/

https://galiciaencantada.com/lenda.asp?cat=56&id=2345

https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/ruta-de-los-misterios-y-las-leyendas/

https://montepenide.wordpress.com/category/castro-de-negros/

https://onosopatrimonio.blogspot.com/2011/07/mamoas-de-galizagalicia-provincia-de_9.html

https://anecdotarioredondela.blogspot.com/2021/11/o-castro-de-negros.html

https://redondela.gal/categoria/turismo-redondela/que-ver/

https://espanaviajar.com/pontevedra/pueblos/redondela/

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/monte-penide-roteiro-prehistorico-9144743

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/2013/05/06/redondela-musealizara-mayor-yacimiento-mamoas-galicia/0003_201305V6C3991.htm

https://sanvicentedetrasmano.wordpress.com/2013/01/28/que-ver/

https://www.google.com/maps/dir/Redondela,+Pontevedra/Petr%C3%B3glifos+de+Chan+da+Cruz,+Unnamed+Road,,+36811+Redondela,+Pontevedra