Páginas

miércoles, 2 de julio de 2025

ANTA-DOLMEN Nº 4 DA NECRÓPOLE DOS CAMPIÑOS. Santa María de Leiro, Rianxo.

 ANTA-DOLMEN Nº4 DA NECRÓPOLE DOS CAMPIÑOS.

"Si queréis saber cómo habita el alma en el cuerpo, os bastará observar cómo usa el cuerpo de su cotidiana habitación: si ésta es desordenada y confusa, desordenado y confuso será el cuerpo poseído por el alma."

Leonardo da Vinci.



Debuxo de Moncho Boga, 2024.

Para chegar á necrópole dos Campiños, o mais aconsellable é empregar o XPS. Malia isa obvia recomendación, a min sempre me gustaron mais as indicacións escritas que normalmente fan que te perdas ás primeiras de cambio. Imos aló: partimos desde o centro de Rianxo (Praza de Castelao) para logo coller a estrada CP-7202, seguir pola rúa Rosalía de Castro e continuar por R/José Arcos Moldes ata enlazar coa estrada CP-3301 seguindo con dirección a Leiro. Transcorridos uns 3600 ms desde o enlace anterior coa CP-7202, chegamos ao lugar de Rañó. 


Para chegar... Google maps

Mesmo antes de chegar ao centro do núcleo, debemos coller unha cativiña estrada que sae á esquerda e, durante uns 550 ms, lévanos a pasar diante do Centro Cultural (Teleclube) de Leiro e da Igrexa parroquial. Unha vez pasada a igrexa, hai que coller outra estrada tamén á man esquerda que leva, despois de 1900 ms, a un paso inferior da Autovía da MVMC Leiro-Barbanza: temos que cruzar ese paso e continuar pola vía de servizo que segue paralela á autovía durante uns 900 ms ata coincidir coa curva que describe a autovía para a esquerda con dirección a Padrón. Exactamente neste punto xa se pode ver o inicio da necrópole coa mámoa Campiños 1.



Situación das mámoas de Os Campiños. De: https://barbanzarousa.gal/arquivo/docs/rianxo/catalogo_necropole_campinos.pdf

Hoxe volto, retorno, á fabulosa Necrópole dos Campiños, que segue a dar resultados extraordinarios no eido do coñecemento do megalitismo galego. Todavía recordo cando, nos primeiros anos da década de 1990, a primeira viaxe a esta mesma necrópole: o percorrido para chegar sinalábase desde a zona de Bexo, atravesando o Monte Lioira. Ao chegar atopeime cunha tremenda vía rápida que cortaba o camiño que levaba á necrópole. Non tiven outro remedio que cruzar polo medio, andando, xogándome o tipo, posto que a vía rápida, recén construida, aínda non estaba protexida coas alambradas conseguintes. 


Outra vista
De: 
https://barbanzarousa.gal/arquivo/docs/rianxo/catalogo_necropole_campinos.pdf

Recordo tamén os toxos das mámoas que apenas se albiscaban entre  a maleza. Das seis mámoas que se conservaban tan só se podía ollar un pouquiño a número 6 excavada por R. Fábregas e F. de la Fuente na década de 1980. Pero os traballos arqueolóxicos nesta necrópole iniciáranse a mediados da década de 1970, cun estudio impulsado polo Instituto Padre Sarmiento. O resto era unha auténtica toxeira con maleza de todo tipo, onde se adiviñaban con dificultade o resto das mámoas absolutamente impenetrables.


Mámoa nº 4 desde o oeste.

Pero semella que os tempos, afortunadamente, foron cambiando e esta extraordinaria necrópole tivo a sorte de ser unha das poucas que hoxe en día se poden visitar sen ningún problema, un cambio cualitativo para mellor. Actualmente a meirande parte das mámoas que conforman a necrópole aparecen limpas de maleza e pódense visitar, contemplar e admirar en todo o seu milenario esplendor. Esto é posible sobre todo a partir dun espantoso e voraz incendio que calcinou a zona no ano 2019 e que afectou gravemente sobre todo a dúas das mámoas e que serviu de acicate para que as autoridades competentes iniciaran unha limpeza mais ou menos regular e así tentar diminuir as consecuencias destrutivas do lume.




Planta da Mámoa nº 4, segundo Moncho Boga.

Redundando na importancia deste pequena bisbarra, a área onde se asenta a necrópole posúe un elevado valor arqueolóxico debido á  enorme densidade de xacementos arqueolóxicos catalogados nos últimos tempos, tanto en canto a restos dolménicos como a paneis de petróglifos e castros.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Está formada por seis mámoas: as mámoas 1, 2, 3 e 5 están hoxe en día en lamentables condicións. Incluso a mámoa 1 está prácticamente destruída faltándolle case a metade, aínda que se pode ver o resto dun esteo da cámara. A mámoa número tres atópase moi esmorecida sen sinais algunha de restos da cámara, e presenta un enorme funil de violación no que se insire unha cámara poligonal. A violación desta mámoa non debe ser moi antiga, posto que se pode observar o corte limpo das paredes. O mesmo acontece coa mámoa 5, que foi obxecto dunha escavación furtiva con apariencia de cuadrícula de 2 ms de lado que chegou ata a rocha.



Fotografía de megaliticiablogspot.com

Os túmulos-mamoas megalíticas que conforman esta espectacular necrópole, atópanse nunha pequena chaira que se dispón lonxitudinalmente sobre a dorsal topográfica que cae desde o estemo sur do Monte Lioira. Neste marco aséntase a necrópole orientada do norte ao sul, seguindo a cima da dorsal do devandito monte.



Fotografía de Fidel Méndez.

Desde o inicio do que fora un primitivo camiño, cortado pola vía rápida, as mámoas aséntanse en ambas as dúas beiras dese camiño. Subliñar que, na mámoa que  me ocupa, aparece unha gavia duns catro metros de longo que atravesa, desde o exterior, para chegar ao núcleo da anta. O mesmo que acontece na anta número 6: probablemente foi realizada para acceder con facilidade á anta e proceder así mais fácilmente ao seu saqueo.



Fotografía de Fidel Méndez.

A mámoa na que se insiren os restos da cámara ten unhas dimensións que van desde  os vinte metros para o eixo N-S ata os vintetres metros do eixo E-W. A altura máxima é duns dous metros.  No túmulo documéntase a existencia dun primeiro nivel de coiraza seguido dun segundo nivel de terra.



Un dos esteos da cámara lixeiramente desprazado.
Fotografía: Fidel Méndez.

A cámara megalítica é das do tipo poligonal con alicerces de inicio do corredor e está situada no medio do túmulo coa superficie interior totalmente valeirada. Como dato interesante, no interior emprega unha enxeñosa treta mediante o uso dun murete de mampostería como solución de peche dun dos lados do corredor. Estruturalmente a cámara estaría comformada por nove esteos dos que tan só se están a conservar cinco deles e dous cativos no corredor. O interior da cámara acada pouco mais de dous metros de longo por dous e medio de ancho. O esteo mais alto mide un metro e sesenta centímetros.



O esteo mais grande da cámara que acada un metro e sesenta e dous centímetros.
Fotografía, Fidel Méndez.


Polo tanto, na avaliación da estrutura constátase un desprazamento dos ortostatos, tanto debido a acción de axentes naturais como aos axentes antrópicos. Algún dos ortostatos perderon a parte inferior do soporte e outros están afectados polo lume en forma de decoloracións de cor negra. Por último, as alteracións extractivas consisten en quitarlle tres esteos da cámara e un do corredor.



Fotografía de patrimoniogalego.net

Sobre a mámoa, polo lado do leste, aparece un gran esteo esnaquizado en dúas partes que mide un metro e vintecinco centímetros de longo e ao redor de sesenta centímetros de ancho. No extremo do oeste aparecen outros dous esteos que probablemente formasen parte do conxunto arquitectónico megalítico.



Vista desde o oeste. Fotografía do blogue megaliticia.

No ano 2019, por efecto dos tremendos incendios forestais que asolaron Galicia, numerosos xacementos arqueolóxicos foron afectados en maior ou en menor medida: a necrópole dos Campiños tamén resultou afectada, sufrindo a mámoa nº4 os efectos indirectos mediante unha serie de desprendementos da súa estrutura tumular, así como a caída dun dos esteos.



Fotografía de:
 https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/rianxo-petroglifos-dolmenes-y-senda-del-rio-te

Por último, tras resolución de 6 de xullo de 2017 da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, acordouse inscribir no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia a lousa decorada da necrópole de Os Camiños... Sen embargo, a pesar de que xa se incoou o expedente para declarar BIC toda a Necrópole de Os Campiños, a día de hoxe non teño nova algunha de que xa se procedese á esa declaración efectivamente, a pesar da petición da corporación municipal de Rianxo no ano 2021.





MOITAS COUSAS HAI QUE VER NO CONCELLO DE RIANXO

O Concello de Rianxo ofrece multitude de recursos turísticos visitables que merecen toda a nosa atención. Desde aquí, imos a recensionalos nunha ruta circular que abrangue unha boa xeira deses recursos turístico-culturais.

Roteiro circular polo Concello de Rianxo.

Semella que se inicia no lugar de Marquesa, lindando coa igrexa parroquial de Santa María de Asados. A continuación a subida para chegar aos petróglifos e ás mámoas de Os Campiños. É necesario, para chegar aos petróglifos e á necrópole, levar o XPS, posto que non hai case sinalización, só a sinal do inicio da ruta.



Ruta Circular en Rianxo.
 De: https://www.wikiloc.com/hiking-trails/circular-polo-concello-de-rianxo-



En Sigrás, paponeando nos primeiros días de Xullo de 2025.
SAúde, sorte e libros!!!


BIBLIOGRAFÍA E ENLACES DE INTERESE 


BOGA MOSCOSO, RAMÓN (1997): "Dólmenes de Galicia". Baía Edicións, A Coruña

FÁBREGAS VALCARCE, R., De la Fuente, F.: ''Excavación da mámoa 6 de Os Campiños (Leiro, Rianxo). Campaña de 1984''. Brigantium (7, pp91-149)

BAÑOS RODRIGUEZ, XESÚS: "Antas e pedrafitas de Galicia - guía para a súa localización". Asociación Amigos do Museu Arqueolóxico de A Coruña. Coruña 1996

https://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com/search?q=Os+Campi%C3%B1os

https://barbanzarousa.gal/arquivo/docs/rianxo/catalogo_necropole_campinos.pdf

https://www.obaixoulla.gal/elementos/rianxo/arqueoloxia/mamoa-no-4-dos-campinos

https://www.youtube.com/watch?v=CtGA_o38YYQ

https://patrimoniogalego.net/index.php/22418/2012/07/necropole-dos-campinos-m-4/
https://www.paxinasgalegas.es/fiestas/necropolis-megalitica-os-campi%c3%b1os-rianxo-21107.html

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/firmas/2012/08/17/resurgir-os-campinos/0003_201208B17C3991.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/rianxo/2021/09/27/xunta-inicia-limpieza-necropolis-megalitica-os-campinos/

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/rianxo/2020/02/21/paso-maquinaria-destroza-mamoas-os-campinos/0003_202002B21C5992.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/2011/09/19/ruta-arqueologica-partira-necropolis-os-campinos/0003_201109C19C19911.htm

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2006/08/04/patrimonio-descarta-robo-losas-mamoa-rianxo/0003_4998029.htm

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/ruta-dos-petroglifos-de-rianxo-foxa-vella-o-campino-os-mouchos-10638235/photo-6417316

https://www.wikiloc.com/hiking-trails/circular-polo-concello-de-rianxo-7274672#:~:text=Esta%20ruta%20circular%20fac%C3%A9mola%20para%20visitar%20os%20petr%C3%B3glifos,sendeiro%20do%20r%C3%ADo%20Te%2C%20na%20parroquia%20de%20Tarago%C3%B1a.

https://eu.wikiloc.com/ibilbide-senderismo/roteiro-arqueoloxico-rianxo-21405861

https://es.wikiloc.com/rutas-senderismo/rianxo-petroglifos-dolmenes-y-senda-del-rio-te-9102580/photo-5393555

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170803/AnuncioG0164-210717-0004_es.html